Nace a Orquestra Galega de Liberación
setembro 10, 2020
Dezaseis músicos residentes en Galicia reunidos en torno á música de vangarda, á busca de novas formas de creación espontánea e á improvisación como fonte de investigación conforman a Orquestra Galega de Liberación. A formación constituída por artistas e intérpretes recoñecidos nos distintos eidos da música clásica, do jazz, das músicas de vangarda e da performance preséntase este sábado no Auditorio de Galicia en Santiago cunha actuación de balde con reserva previa baixo as restricións de capacidade actuais. A orquestra está formada por Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo e dirección), Max Gómez (batería), LAR Legido (batería), Javier Pereiro (trompeta), Olivier Cano (saxo alto), Xosé Miguélez (saxo tenor), Diego Alonso (saxo tenor), Rosolino Marinello (clarinete baixo), Rubén Fernández (voz), Faia Díaz (voz), Antonio Bravo (guitarra), Manuel Cebrián (guitarra), Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (viola), Macarena Montesinos (violoncello) e Saúl Puga (contrabaixo).
A Orquestra Galega de Liberación parte de material composto e arranxado para a ocasión, ao cal se lle suman as técnicas de improvisación dirixida, tales como o Soundpainting, unha linguaxe de signos aplicada á composición multidisciplinar en tempo real. É unha técnica creada nos anos setenta en Nova York, e que Xacobe Martínez Antelo aprendeu e perfeccionou directamente da man do seu creador Walter Thompson. Ao remate deste concerto de presentación haberá un encontro cos artistas.