Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Pop
Música Pop
Anxo Araújo ten un plan musical para o optimismo
Xénero:
| 20 / 7 / 2021O disco de debut en solitario de Anxo Araújo, Plan de urbanismo para un novo couto mixto (Autoeditado, 2021) supón unha aposta por un pop contemporáneo en galego, inzado de detalles de produción con ventos, electrónicas e outras texturas que achegan un son preciosista.
Secho presentáse con 'Recuperar'
Xénero:
| 16 / 6 / 2021Serxio Castiñeiras "Secho" presenta hoxe o seu disco Recuperar (Autoeditado), un conxunto de cancións moi persoais que se moven entre o pop, o indie ou o folk, nunha nova voz para a música en galego. Despois de estrear o pasado mes o videoclip dun dos temas deste traballo -As Sensacións- o músico e compositor amósanos agora por completo este traballo de presentación, once temas de corte intimista nos que conta con colaboracións de artistas como Guadi Galego, García MC ou Sabela Galván. Secho escribía cancións para si mesmo desde os albores deste século ata que en 2009 a banda Medomedá, coñecedora destes tesouros agochados, convídao a abrir un dos seus concertos en Compostela. De aí xurdiron outras actuacións, colaboracións e tamén a primeira formación, composta por músicos de Medomedá e Ruxe Ruxe. Agora Secho comeza unha nova etapa con este Recuperar, o seu primeiro traballo en solitario, gravado con Iago Pico, con arte de David Cuence e rodeado de músicos como Dani Riveiro (batería e percusión), Lois Carlín (baixo) e Tomás Porteiro (guitarra eléctrica).
Verto publica Embora, o seu segundo álbum
Xénero:
| 9 / 4 / 2021Este nove de abril chegaba ás redes Embora, o segundo traballo do dúo Verto. Berto Mira e Fer Peleteiro afondan na súa aposta de technopop sen complexos, con frontes influxos dos anos 80, en catorce novos temas nos que o desamor marca o ton de moitas letras. Como contrapunto, ritmos alegres, toques funky como os de Que pensas?, solos de guitarra e autotunes manteñen o ton luminoso de temas como Quérote atopar ou Como Son Goku. Gravado na casa e autoeditado, o álbum foi masterizado por Cem Oral en Jammin’ Masters. Todos os temas están dispoñibles na rede en plataformas como Youtube ou Spotify. O grupo presentará o álbum o vindeiro 21 de abril cunha actuación no ciclo Lugo Cultural.
Maneiro presenta en vídeo o seu terceiro álbum en solitario
Xénero:
| 30 / 3 / 2021Javi Maneiro volve alimentar de gravacións o seu frutífero percorrido en solitario comezado en 2017 con aquel Furtivos, neste acaso ademais o barbanzán busca ofrecer algo diferente, acorde aos tempos e presenta o seu terceiro traballo no formato videoálbum. Nove temas escritos e compostos polo propio Maneiro, algún deles recollido de anteriores traballos, conforman Palabras de un desconocido que xa está dispoñible en YouTube, cunha duración de 40 minutos no vídeo que reúne todas as cancións. Maneiro presentaba este disco a pasada semana en O Naútico de San Vicente, e despois o videodisco estivo dispoñible en exclusiva na web de Toxo Telecom, produtores do traballo.
Guadi Galego gaña o certame 'aRi[t]mar galiza e portugal' á canción galega
Xénero:
| 24 / 3 / 2021Os máis de cinco mil votos do público emitidos no certame 'aRi[t]mar galiza e portugal' promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela determinaron que a canción de Guadi Galego Cólico é a gañadora polo mellor tema musical galego publicado en 2020. A canción da artistas de Cedeira forma parte do seu último lanzamento discográfico, Costuras. Esta edición contou coa participación popular máis alta de todas as do certame. O tema Quase Dança da lusa Cláudia Pascoal, foi o gañador en canto ao relativo ás musicas portuguesas no certame. Os seguintes temas galegos máis votados, foron os de Xoana por Anceios e o terceiro foi Pasei pola túa porta de Os D’Abaixo. No relativo ás músicas portuguesas os postos segundo e terceiro nas votacións foron para os temas Outras Línguas, de Bárbara Tinoco e para Miguel Araújo con A Incrível História de Gabriela de Jesus.
A Banda da Loba homenaxea a Xela Arias a musicar Intempériome
Xénero:
| 8 / 3 / 2021Intempériome é o título do videoclip que acaba de publicar A Banda da Loba a musicar unha mestura de textos de Xela Arias. A letra combina versos de cinco poemas diferentes da obra do mesmo título da autora e gravouse nos estudios Abrigueiro de Arturo Vaquero. Segundo explica a banda, o tema "fala de deixar atrás o aprendido, os prexuízos e os estereotipos, e avanzar cara o auto-recoñecemento para sermos a persoa que queiramos ser. Os coidados e a liberdade... a base fundamental". O tema contou co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e intégrase nas propostas da Consellería de Cultura para o Día das Letras Galegas dedicado á autora.
Xa está aquí o novo disco de Xoel López 'Si mi rayo te alcanzara'
Xénero:
| 27 / 11 / 2020Aínda vivíamos na vida pre-pandemia cando Xoel López presentou os dous primeiros avances deste o seu quinto disco en solitario Si mi rayo te alcanzara (Esmerarte, Sony Music) que hoxe xa está dispoñible para venda e en todas as plataformas dixitais. Alma de oro era o primeiro tema que coñeciamos neste mesmo mes de febreiro de 2020, nel xa víamos que o que viña non ía decepcionar respecto de anteriores traballos do artista. Pop coidado, acompañamentos corais multitudinarios, con orgullosas influencias latinoamericanas coma nos seus anteriores traballos, letras intimistas, oníricas e evocadoras, en diálogo cun interlocutor concreto, coma no caso do segundo avance, Joana, ou directamente en narración vital para o universo coma na enerxética e entusiasta Tigre de Bengala, presentada xa no medio do confinamento. Fai un mes presentaba como último avance Si mi rayo te alcanzara, tema que dá nome ao disco e que nos conecta con outra das grandes cancións de saldar contas do repertorio de Xoel coma Todo lo que merezcas (2015).
Guadi Galego presenta 'Costuras', quinto disco en solitario
Xénero:
| 23 / 11 / 2020Desde hoxe xa está en plataformas e á venda o que é o quinto traballo de Guadi Galego, Costuras, un disco autoeditado e distribuído a través de Altafonte. A cedeirense presenta neste novo disco 10 temas dos que ao longo das pasadas semanas xa foi deixando coñecer algúns deles coma o que dá título ao álbum. Todas as cancións son composicións de Guadi, nalgunhas conxuntamente co Carlos Abal, parella de vida persoal e musical, e tamén resultas de importancia par ao resultado final as achegas dos músicos Pau Brigada e Vic Moliner ao cargo da produción no Estudi Olivera de Banyoles, onde se gravou este Costuras igual que xa se fixera con anterior traballo Immersión(2019). Ademais a nivel de outras colaboracións o disco conta coas da cantante catalá Paula Grande, na vitalista O que ha chegar e as poetas Antía Otero intervindo cunha das súas poesías xa editadas en Zocos, e Marina Oural que fai o propio en Só con amor, a canción que pecha este disco. Ademais de no apartado musical Costuras conta súa versión física cunha obra do artista plástico Ricardo de Barreiro, que aparece tras da gris capa do disco a través da acción de rascar na portada coma nun xogo de "rasca e gaña".
O programa Música na Ribeira une a promoción musical coa do Camiño de Santiago
Xénero:
| 5 / 11 / 2020A promotora do 17º Ribeira Sacra Festival inicia mañá un programa de concertos que baixo no nome de Música na Ribeira baséase na idea do Camiño de Santiago como fonte cultural de música propiamente galega, e como leito transmisor de cultura musical. O encontro conxuga a música en directo de novos talentos da escena galega en localizacións do Camiño de Santiago ao seu paso pola Ribeira Sacra. Unha iniciativa adaptada á situación actual que une a promoción da música en galego e a creación dunha peza audiovisual. Para a posta en escena contarase con Momboi, expoñente galego dunha nova xeración de artistas que fan música actual e en galego. Unha banda que fusiona a música pop con trazas de tradición latina, usando a súa lingua materna. Estarán este venres 6 de novembro no Salón de actos de Sober, ás 20.00 horas e o 7 de novembro no Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela ás 13.00 horas. Dúas citas con capacidade limitada e reserva previa a través do correo electrónico info@festivalribeirasacra.com. Esta iniciativa de Dezasete Grados S.L. forma parte do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, que apoia a promoción da cultura local, a lingua e os profesionais galegos que se viron afectados pola situación actual cunha paralización das propostas sen precedentes.
Artistas do país homenaxean a Andrés do Barro cun vídeo colectivo
Xénero:
| 25 / 6 / 2020A coincidir co trinta aniversario do pasamento de Andrés do Barro, un grupo de artistas musicais do país acordaron facerlle unha homenaxe ao pioneiro do pop en galego. Saudade 2020 é o título do vídeo colectivo gravado desde o confinamento no que creadoras e creadores como Débora Silva, Carmela "Mihermanapequeña", Silvia Penide, Dani Ríos, Xavier Vizcaíno, David Prado, Álvaro Iglesias ou Marcos Mella, que tamén correu coa produción do proxecto, participan dunha iniciativa á que o caricaturista Gogue achegou a imaxe gráfica.
REPORTAXE
Disco con etiqueta
Data.O vinte de maio o público e un xurado escollerán o Primeiro disco pop do ano de solistas galegos