Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Pop
Música Pop
Eladio Santos asina o seu primeiro traballo en solitario
Xénero:
| 6 / 8 / 2024O verán trouxo consigo un novo xiro do vigués Eladio Santos que rompe un silencio de anos. Alma mater de Eladio y Los Seres Queridos, metade indispensable de dúo inclasificable con Tony Lomba e creador dalgúns dos temas máis memorables do pop independente galego deste século, o músico ven de dar a sorpresa presentando un disco asinado en solitario, aínda que estea ben acompañado na súa feitura. 'Estëreo estrada' (Autoeditado) é o nome deste traballo que o artista defenderá cada mércores en directo no local vigués La Casa de Arriba, antes dunha posible xira de outono. O disco xa está nalgunhas plataformas dixitais e pódese acceder a un vídeo de 15 minutos en YouTube para unha escoita máis devagar dalgúns dos temas que o compoñen. Unha experiencia moi recomendada para os seguidores da traxectoria do músico que atoparán aí a esencia do seu son.
DEVALO refresca o pop co seu terceiro disco
Xénero:
| 26 / 4 / 2024DEVALO, ou o que é o mesmo David Miranda, ven de sacar un novo traballo longo, o terceiro do seu percorrido, "Azul vindeiro” (Ferror Records, 2024). A súa proposta de pop sen complexos, refresca o xénero sen renunciar a influencias e colocando o seu son no marco do indie de finais do século XX e principios do XXI, pero non por iso soando antigo, senón ao contrario como unha renovación enerxética e unha evolución natural por un camiño que xa non son moitos artistas os que o percorren sen complexos e acadando un produto de total actualidade. Na parte da composición e a gravación o artista admite unha intención de espir as cancións, en comparación cos anteriores discos nos que o son estaba composto a base de capas de arranxos superpostos de guitarras, sintetizadores e voces. Neste caso "Azul vindeiro" conta segundo Miranda cunha menor superposición de elementos: "A miúdo aparecen varias melodías levadas por distintos instrumentos que dialogan entre si, mais deixándose espazo en vez de formar capas de son.
The Rapants poñen en marcha 'La máquina del buen rollo'
Xénero:
| 15 / 3 / 2024Os muradáns The Rapants son hoxe en día unha das bandas máis presentes da escena galega do pop, desde que en 2021 gañaron o concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans Salas a formación non fixo máis que aumentar a súa presenza e alcance en salas e festivais. Agora presentan o seu terceiro traballo longo, 'La máquina del buen rollo', apenas un ano máis tarde que o anterior 'O Corasón como un after'(2023). Con este novo disco a formación quere amosar unha evolución do seu son e un retrato sonoro o máis fiel posible ao espírito da banda. Nove temas cheos de enerxia para desfogar bailando, ateigado, segundo eles, de chiscadelas á vida muradá e con moitas referencias case universais dentro do mundo do pop. Rock, rap ou country son algúns dos estilos polos que transita este 'La máquina del buen rollo', un traballo que os rapantes gravaron o pasado outono nos estudios de Paco Loco, quen axudou á banda a ultimar os detalles dun disco no que cada tema "ten entidade propia". Cada corte ten características propias, mais todos son parte dun mecanismo que fai que o álbum procure reproducir os directos de The Rapants. The Rapants contrapón letras tristes e escuras (nas que contaron coa colaboración de Sara Faro, de Fillas de Cassandra, para Rue Franklin, e Nuno Pico, de Grande Amore, en Cando Pensa en Min) con ritmos e melodías animadas, feitas para bailar.
Brais Moran abre a pista de baile con 'Revolución Chic'
Xénero:
| 15 / 2 / 2024Seis anos tardou Brais Morán en presentar este novo traballo discográfico que é o terceiro do seu percorrido en solitario, aínda que neste caso asina acompañado da formación Nasaufunk. 'Revolución Chic" (2024) é unha nova mostra da actitude musical vitalista e aberta deste artista, alegre e buscando mover os corpos ao baile, neste caso entrando nas sonoridades da música 'disco' dos anos 70 nas súas formas mais 'negras' . Son dez temas e un remix do que dá título ao álbum e en todos eles podemos notar ecos coñecidos pero ao mesmo tempo baixo unha produción actualizada na que se nota a man de Arturo Vaquero (Abrigueiro Estudios). Non deixamos de ter na mente ao escoitalo a enerxía daquel mítico programa americano da primeira música disco 'Soul train' pero ao tempo notamos influenzas moito máis modernas que van empapando o son en cada recuncho e mesmo hai momentos do funk tropicalista que xa estaba en anteriores traballos de Morán. A sala Garufa da Coruña acollerá o vindeiro 1 de marzo o concerto de inicio da xira de presentación deste traballo no que Morán estará acompañando da formación Nasaufunk (Xabier Cid, Fran Castro, Manu Seoane e Antón Torroncho) que tanto achegan en cada tema.
Xoel López publica o seu novo disco 'Caldo Espírito'
Xénero:
| 11 / 10 / 2023Xoel López presentou a pasada semana o que é o seu décimo sexto álbum, 'Caldo Espírito' (Esmerarte 2023), un disco que entre os seus once novos temas inclúe unha canción no noso idioma 'Xiana', pechando o disco. O álbum xa está dispoñible nas plataformas dixitais ademais de en formato físico (CD ou vinilo). O lanzamento deste traballo chega acompañado da estrea do videoclip do tema "Mágica y Eterna" e a única presentación prevista de "Caldo Espírito" terá lugar o 29 de novembro no WiZink Center de Madrid.
Francisco Castro publica o seu primeiro traballo musical
Xénero:
| 25 / 9 / 2023O escritor e ex-director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro (Vigo, 1966) saca hoxe á luz o seu primeiro traballo discográfico. "Agora é o tempo" é o título co que Castro nomea este traballo discográfico que xa está á venda e que presentará en concerto o vindeiro 28 de outubro no Teatro Salesianos de Vigo contando co acompañamento da Banda dos Borges . O disco, publicado baixo o selo Awanta Producciones S.Coop. Galega, conta na produción con Federico Welicki e, segundo o propio autor, foi gravado entre Vigo, A Estrada, Madrid, Los Ángeles, Buenos Aires e Seattle. Segundo a descrición que acompaña á presentación, a súa música "gravita arredor de ritmos pegadizos e, sobre todo, letras intensas que reflicten a súa forza poética". Trátase de letras e músicas "para reivindicar a vida pero tamén para pelexar contra dunha realidade que merece ser, cando menos, pensada", aseguran. Segundo explica o autor nas súas redes sociais son cancións que "explican quen son, como sinto, e que quero do mundo. Saíron das tripas", afirma Castro.
Xoel López presenta disco en directo do concerto ' X Aniversario Atlántico'
Xénero:
| 1 / 8 / 2023O concerto na Coruña co que Xoel López celebrou o pasado ano o décimo aniversario do seu primeiro disco en solitario Atlántico( 2012) ven de converterse nun novo disco na súa carreira. O artista presenta estes días ' X Aniversario Atlántico' (Esmerarte) en todas as plataformas, un disco directo que recolle os temas interpretados naquel concerto de conmemoración. O lanzamento sae acompañado do vídeo correspondente á canción 'Hombre de ninguna parte' coa que abre o disco no que ofrece ata 12 temas. Xoel é tamén noticia porque ven de presentar fai unhas semana a canión "Fort Da", primeiro adianto do seu vindeiro disco de estudio 'Caldo Espírito' que se estreará o vindeiro outono.
CARLANGAS sube aos escenarios co seu primeiro disco en solitario
Xénero:
| 27 / 4 / 2023O FIV de Vilalba acollerá esta fin de semana a actuación de Carlos Pereiro presentando o seu proxecto en solitario como CARLANGAS tras a disolución de Novedades Carminha. O músico santiagués sacou o pasado día 20 de abril o seu primeiro disco longo co nome do seu proxecto CARLANGAS e na discográfica coa que xa traballaba coa súa anterior formación, Ernie Records. Nove temas pop, de curta duración bailables e lixeiros, con retrousos doados, conforman este traballo de Carlos Pereiro que mantén liñas de conexión coas derradeiras gravacións de Novedades Carmiha, moi vencelladas ao baile e mesmo á verbena, pero explorando agora miras aínda máis amplas e relaxadas que as do grupo co que acadou grande sona. O disco conta ademais con tres colaboracións especiais, remarcando a establecida con Manu Chao no tema "Cae la noche", que pecha o álbum. Ademais tamén están Grande Amore e a banda viguesa Mundo Prestigio dando presenza ao hip hop galego na canción "O día que volvín nacer", a única en galego do disco. Nos concertos de CARLANGAS serán Mundo prestigio quen acompañe a Carlos sobre o escenario.
Ataque Escampe volven de a cabalo do pasado en Cabalgata
Xénero:
| 18 / 4 / 2023Cabalgata, o oitavo disco de Ataque Escampe, que xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. Trátase do primeiro LP que publica a banda compostelá tras da dupla saída en 2018 de "Ídolos adolescentes (2007-2011)" e "A vida dos animais (2012-2018)" e de varias mudanzas na formación. O fío principal do novo disco é o diálogo co pasado, non como obxecto de nostalxia senón, en palabras do grupo, "como espazo inesgotable que nos interpela". De aí sae o intento de explorar estilos musicais doutras épocas claramente perceptibles con sonoridades dos anos 80 e 90, pero tamén temáticas que atravesan o álbum, como a infancia, os amores diferentes ou as amizades conservadas ou perdidas, simbolizadas nas letras polas diferentes imaxes de cabalos ás que fai referencia o título: a tenrura dos cabaliños de carrusel das festas, a ameaza dos policías montados, a emotividade da relación cos animais á que podería apuntar "Cabaliño lento", o terceiro adianto do LP -estreado o 31 de marzo- e tema que pecha o álbum. Ataque Escampe presentará Cabalgata na Sala Capitol o sábado 29 de abril, nun evento que abrirá un combinado de membros da Banda de Lalín. Así, péchase en certa maneira o círculo aberto pola mención á Banda dentro do disco ou a presenza de parte da súa formación no videoclip do adianto Lamborghini. As entradas xa están á venda.
Filloas xa vai polo seu segundo traballo en menos dun ano
Xénero:
| 14 / 4 / 2023Aínda non fai un ano que saía o seu primeiro disco longo como FILLOAS, e xa temos aquí o novo traballo do artista vigués Iago Galego Ferreiro, co explícito nome de "O Segundo Disco xd" e de novo distribuído pola plataforma A Regueifa 2.0. Malia a escasa marxe entrambos lanzamentos a comunicación do novo disco asegura que con el o proxecto de Galego "chega á súa maioría de idade", presentando estes dez novos temas gravados nos estudos composteláns Garaxeland. O certo é que hai diferenzas nas sonoridades deste novo disco e o anterior, no sentido dunha sofisticación respecto ao que xa se amosaba no primeiro álbum, un paso máis que dá consistencia ao seu estilo. As melodías electro-pop e synth-pop bailables conforman o núcleo duro do disco incluíndo ritmos urbanos e querencia guitarreira, sobre un libreto de letras de ton existencialista e desencantado que, segundo comunican, "provoca ter medrado entre crises económicas, pandemias, a abafante presión das redes sociais e a precariedade laboral", contando situación cotiás relacionadas con sentido do humor co desamor, as inquedanzas sociais, a cultura pop e, por riba de todo, unha sensación de frustración persoal provocada, segundo din polo "día a día da vertixe capitalista". O primeiro tema de lanzamento, "Cando estás durmida", chega acompañado dun videoclip que reivindica a amizade coma perfecto remedio contra a ansiedade existencial.
REPORTAXE
Disco con etiqueta
Data.O vinte de maio o público e un xurado escollerán o Primeiro disco pop do ano de solistas galegos