A Reixa trae ao galego as historias de Little Neno
setembro 28, 2021
As aventuras dun cativo que, cada vez que soña, coñece unha banda histórica da música pop e rock. Esta é a premisa da colección "Little Neno", unha proposta que procura achegar os máis cativos á música con textos de Dani Llabrés e debuxos de Jaime Pantoja, e que agora ve a luz na nosa lingua. A tenda compostelá A Reixa dá o paso á edición cos dous primeiros volumes do proxecto, Little Neno descobre os Beatles e Little Neno descobre os Rolling Stones.
Para alén da correspondente aventura onírica ambientada nos temas, historias e persoeiros de cada banda, os volumes inclúen un código QR desde o que se pode acceder ás versións en galego das letras que se mencionan no libro, un link para escoitar os mesmos en Spotify e unha sección de anécdotas de cada artista. Cada unha das obras conta con 32 páxinas a cor.
Para presentar o proxecto, a editora organizou unha ducia de presentacións por centros socioculturais da cidade, que inclúen contacontos a cargo de Alfonso Espiño, Cristina Fuentes ou Carla Grim, e mais unha actividade na Biblioteca Pública Ánxel Casal que rematará cun pequeno concerto.