Anxo Araújo ten un plan musical para o optimismo
xullo 20, 2021
O disco de debut en solitario de Anxo Araújo, Plan de urbanismo para un novo couto mixto (Autoeditado, 2021) supón unha aposta por un pop contemporáneo en galego, inzado de detalles de produción con ventos, electrónicas e outras texturas que achegan un son preciosista.
Da cabalo entre a melancolía e unha relaxada alegría intimista, Araújo presenta as súas intencións xa no tema de presentación, Canción perfecta, que marca o camiño dun álbum , creado como moitos no 2020 nese tempo de confinamento e crise pandémica. O proceso de creación no seu estudio de gravación, obtivo como resultado desa introspección dez cancións fermosas de auto afirmación e de reflexión sobre a relativa importancia das cousas. Con algunhas chamadas a exercer de auténticos himnos, coma esa Antinuclear, o ese magnífico peche de disco que é Propósito de enmenda, que deixa coas ganas de máis. Música feliz para tempos de crise, ou en palabras do propio Anxo "Un saír dos buratos máis profundos con confianza e ilusión. Un reforzo da auto estima. Un aprender a bailar deixando marchar a carraxe acumulada. Un mirar cara a cara ao mundo." Plan de urbanismo para un novo couto mixto foi gravado e producido por el mesmo no seu estudio en Poio e masterizado por Víctor García en Ultramarinos (Costa Brava, Barcelona) e pódese adquirir nalgúns puntos de venda física e en formato digifile ou dixital na súa páxina web.