Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Secho presentáse con 'Recuperar'

O DISCO XA ESTá DISPOñIBLE EN TODAS AS PLATAFORMAS DIXITAIS,

Secho presentáse con 'Recuperar'

POP | xuño 16, 2021

secho_recuperar.jpg

Serxio Castiñeiras "Secho" presenta hoxe o seu disco Recuperar (Autoeditado), un conxunto de cancións moi persoais que se moven entre o pop, o indie ou o folk, nunha nova voz para a música en galego. Despois de estrear o pasado mes o videoclip dun dos temas deste traballo -As Sensacións- o músico e compositor amósanos agora por completo este traballo de presentación, once temas de corte intimista nos que conta con colaboracións de artistas como Guadi Galego, García MC ou Sabela Galván. Secho escribía cancións para si mesmo desde os albores deste século ata que en 2009 a banda Medomedá, coñecedora destes tesouros agochados, convídao a abrir un dos seus concertos en Compostela. De aí xurdiron outras actuacións, colaboracións e tamén a primeira formación, composta por músicos de Medomedá e Ruxe Ruxe. Agora Secho comeza unha nova etapa con este Recuperar, o seu primeiro traballo en solitario, gravado con Iago Pico, con arte de David Cuence e rodeado de músicos como Dani Riveiro (batería e percusión), Lois Carlín (baixo) e Tomás Porteiro (guitarra eléctrica).



Secho exerce de ourive dun universo onde o seu facer son notas que viaxan nunha jukebox ao noso rescate. Reivindicando as cousas pequenas, título do tema de apertura do álbum no que tamén participa GarciaMC, Secho ofrécenos sóns cálidos e luminosos con arranxos preciosistas, todo cunha atmosfera intimista conducida pola voz cálida e case infantil de Serxio. As letras deambulan entre esas pequenas cousas, o cotián, series de televisión, lembranzas de infancia, ensoñacións e reflexións existenciais das de cada día non exentas de profundidade. Desde un claro achegamento pop o artista transita de xeito natural pola balada country e por un folk de guitarra acústica moi americano, nalgunha ocasión remarcado polo son dunha harmónica ou dun banjo. En todos os temas a factura sonora é preciosista e impecable, feita con mimo. A súa música emerxe como esa compañeira necesaria que pon banda sonora ás nosas biografías: constrúe memoria, sentimentos, sensacións, fuxidas, soños e tamén as outras vidas que decidimos non vivir. Secho está aquí para ficar, e sobran os motivos para poder celebralo.

datos do disco
Ligazóns