Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
O espectáculo Amantes da Terra lembra a Antonio Fraguas desde a tradición
Xénero:
| 26 / 4 / 2019A compañía escénica Queiman e Pousa presentaba onte no Museo do Pobo Galego, en Compostela, a proposta coa que queren sumarse ás homenaxes a Antonio Fraguas por mor do Día das Letras. Amantes da Terra é o título do espectáculo que estrearán o vindeiro 4 de maio en Vilalba e no que, canda ao Bruxo Queiman e a Andrea Pousa, participan a Banda de Unión de Lantaño, as do Val da Mahía e de Salvador de Camanzo e mais o grupo de gaitas e baile Foula a sumar un cento de persoas sobre o escenario.
Xacarandaina recupera gravacións inéditas polos seus corenta anos
Xénero:
| 4 / 4 / 2019Unha selección de músicas gravadas ao vivo, material descartado doutros álbums ou proxectos que non chegaron a ver a luz compoñen o disco 40 anos Xacarandaina. A formación de música tradicional coruñesa celebra o seu aniversario con este lanzamento, no que se poden escoitar desde a Danza de Bergantiños, gravada ao vivo en 1981 nun festival bretón, ata gravacións do pasado ano que permiten verificar a evolución do grupo de música e baile tradicional ao longo do tempo. Ademais, inclúense temas rexistrados en 1990 na que se considera a primeira gravación moderna dun grupo de pandeireteiras para un disco.
Pesar na cultura polo falecemento do acordeonista Pazos de Merexo
Xénero:
| 27 / 3 / 2019Manuel Pazos Redonda, coñecido como Pazos de Merexo, popular acordeonista da Costa da Morte, faleceu o pasado luns. A súa habilidade co instrumento, nomeadamente o "floreo" que incorporaba ás interpretacións, fixérono moi popular na súa contorna e valeulle o recoñecemento de pescudadores da música tradicional como Mercedes Peón, Ugia Pedreira, Kepa Junquera, os irmáns Castro Vicente ou Xurxo Souto. Con presenza en programas televisivos e actuacións en diferentes galas e teatro, protagonizou o volume Pazos de Merexo e o acordeón diatónico da Costa da Morte. Os seus restos foron soterrados onte na igrexa parroquial de San Martiño de Ozón.
Tanxugueiras gaña o Premio MIN de disco en galego do 2018
Xénero:
| 14 / 3 / 2019Finalmente Tanxugueiras levou o Premio MIN da Música Independente de España ao mellor disco en galego do 2018 polo seu álbum homónimo co que debutaban. Finalmente as pandereteiras impuxéronse ás outras catro finalistas: Chicharrón, Xoana, Mercedes Peón e Ezetaerre. Ras músicas recolleron o premio durante a gala celebrada este mércores no Teatro Circo Price de Madrid na gran festa da música independente española facendo un alegato ás diferentes linguas e a riqueza que iso supón, poñendo en pe ao público do teatro. Tanxugueiras preparan un novo lanzamento discográfico a finais deste ano, que se verá potenciado por este recoñecemento dos Premios MIN, premios no que tamén chegaron a ser semifinalistas como mellor artista emerxente. Non houbo sorte para os outros cinco artistas galegos que se mantiñan finalistas noutras categorías dos galardóns. O disco homónimo das Tanxugueiras permitiulles levar a súa música por todo o país cunha xira de máis de 50 concertos en 2018 e tamén internacionalmente por Cuba, La India, Suíza e no Festival Celtic Connections de Glasgow. Crecendo da man da banda escocesa Shooglenifty, veñen de publicar conxuntamente o single East West, chegando a colaborar nunha experiencia única coa banda escocesa e Dayam & Katif (Dhun Dhora) da India. O vindeiro 29 de marzo no Salón Teatro de Lalín comezarán a xira de 2019 na que non deixan de sumarse datas e que servirá de despedida deste traballo co que tantos éxitos están colleitando.
Gwendal e Shooglenifty no cartel da 41ª edición do Festival de Ortigueira
Xénero:
| 28 / 1 / 2019O festival do Mundo celta de Ortigueira aproveitou o salón internacional de turismo FITUR de Madrid para presentar alí o cartel e o programa da súa nova edición. Do 11 ao 14 de xullo se celebrará a 41ª edición desta veterana cita coa música folk na vila coruñesa. O cartel deste ano sae da man do artista Cristian F. Caruncho e busca representar os elementos de distinción que teñen as oito nacións celtas. Gwendal, Anxo Lorenzo Band, Shooglenifty, Flook e Beltaine son algúns dos nomes que conforman un cartel de luxo. Segundo a distribución presentada o xoves 11terá lugar o xa habitual concerto de finalista do concurso Runas e esa noite será Gwendal quen poña o broche. Na segunda xornada, o venres, estarán Peoples Ford Boghall & Bathgate Caledonia Pipe Band, a Escola de Gaitas de Ortigueira, Moving Hearts, Anxo Lorenzo Band e Project Smok. A xornada do sábado, estará tomada polas bandas Bagad Kerlenn Pondi, Dominic Graham School of Irish Dance, Shooglenifty, Flook e Beltaine. O Fiadeiro, Tanxugueiras e Leilía porán a despedida este ano o domingo.
Sondeseu actuará na gala de apertura do Celtic Connections de Glasgow
Xénero:
| 15 / 1 / 2019A orquestra Sondeseu de música folk e tradicional subirá ao escenario principal do Glasgow Royal Concert Hall durante a gala de apertura do Celtic Connections este xoves 17. Como parte do cartel xeral do evento, tamén tocarán na cidade escocesa Anxo Lorenzo e Mercedes Peón os días 25 e 26, respectivamente. Ademais, Galicia terá un especial protagonismo como o territorio convidado de Showcase Scotland, con diferentes actuacións entre o 30 de xaneiro e 2 de febreiro a cargo de Raíces Aéreas (Mónica de Nut), Tanxugueiras, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Anxo Lorenzo, Talabarte e Banda das Crechas. Esta será a delegación seleccionada pola Consellería de Cultura e Turismo, que organizou, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e baixo a marca GalicianTunes On Tour, unha delegación institucional, profesional e artística co obxectivo de apoiar a proxección exterior da nosa música e de promover Galicia como destino turístico-cultural. Dela forman parte estas oito formacións artísticas, así como unha ducia de empresas e operadores turísticos, que terán a oportunidade de entrar en contacto directo con promotoras e axentes internacionais dos seus respectivos sectores.
O Consello da Cultura homenaxea o labor das corais coa mostra Son de Galicia
Xénero:
| 10 / 12 / 2018A conmemorar o centenario da histórica coral De Ruada, o Consello da Cultura Galega inaugura mañá a exposición Son de Galicia, que percorre a traxectoria desta histórica formación canda a outras como Toxos e Froles, Cántigas da Terra e Cantigas e Agarimos. A sede de Afundación na Coruña acolle desde este 11 de decembro e ata o vindeiro 26 de xaneiro esta iniciativa que comisariou Miguel Anxo Seixas e que consta dunha serie de paneis acompañados de publicacións, manuscritos, fotografías, instrumentos, partituras, vestimenta, retallos de prensa e outros documentos, así como diversos vídeos de apoio. A mostra aborda cuestións como o traballo etnográfico de recollida da música e da vestimenta popular, o labor filantrópico e benéfico destas entidades, as súas xiras internacionais, a importancia das corais no comezo da actividade teatral galega ou o seu compromiso coa lingua. A inauguración celebrarase mañá ás 19 horas.
Tanxedoras homenaxean de Alan Lomax en 1952
Xénero:
| 27 / 9 / 20181952, ano no que o etnomusicólogo estadounidense Alan Lómax chegou a Galicia, serve de título para o novo traballo de Tanxedoras. O trío de música tradicional homenaxea o traballo deste investigador a reinterpretar 18 pezas recollidas por el "a tentar preservar a súa integridade". Así, as pandeireteiras tocan temas como Fun a feira de San Saturniño, E morreu a burra, O Tróupele ou Vente vindo, a contar coas colaboracións do acordeón de Carlos Comesaña e da voz Roberto do Viso. Leni Pérez, Margó Gayoso e María Silva continuarán a presentación do álbum cun concerto no V Poemagosto de Allariz o vindeiro 13 de outubro.
Susana Seivane explora a maternidade en FA
Xénero:
| 14 / 9 / 2018Logo da preestrea que celebrou o pasado mes de febreiro cun recital da Coruña, hoxe sae á venda FA, o novo álbum de Susana Seivane logo de oito anos de silencio discográfico. A gaiteira achega doce composicións que presenta como "unha profunda introspección no eido da maternidade, os convencionalismos, a familia e a plenitude persoal". De feito o nome do disco xorde das iniciais dos seus fillos, Fiz e Antón. Segundo adianta a discográfica, "sen perder a súa esencia definitoria, Susana explora novos ritmos imprimindo modernidade na tradición". Papá Pum Pum, "un canto á alegría vital e á supremacía dos pequenos momentos" é o tema de presentación gravado, como o resto do álbum, nos estudios Nakra. Durmíndote, O primeiro baile ou A nana dos bicos son outros dos títulos que xa están dispoñibles en tendas e plataformas dixitais.
Galicia será a protagonista dun espazo de promocións no Celtic Connections
Xénero:
| 7 / 9 / 2018Galicia será o territorio convidado do programa Showcase Scotland 2019, que se desenvolverá ao abeiro da 26ª edición do Celtic Connections de Glasgow (Escocia), un dos festivais musicais de inverno máis relevantes do panorama internacional e o máis destacado no ámbito dos sons celtas. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), colabora como socia nesta iniciativa para garantir a actuación de seis grupos ou solistas galegos como parte desta programación con carácter de actuacións de demostración, que terá lugar do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro e estará aberta tanto ao público xeral como aos delegados internacionais acreditados. Este anuncio ven sumarse, no contexto da proxección internacional da música galega de raíz, ao Ano de Galicia no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa o que fai agardar unha importante presenza dos artistas galegos nos máis importantes citas deste xénero musical no 2019.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos