Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Bala abre Lume a discreción

Xénero: Rock | 28 / 2 / 2017

not_27196.jpg

Violeta Mosquera (batería e voces) e Anxela Baltar (guitarra e voces) fan do ruído virtude e están resultar mención imprescindible á hora de falar da escena do rock alternativo e independente sen concesións. Hoxe estréase en redes o seu novo disco Lume, gravado en Catalunya en Ultramarinos Costa Brava e Cal Pau Recordings e editado polo selo Matapadre. Nove temas de contundencia indiscutible dan boa continuidade e relevo a aquel primeiro disco Human Flesh (2015) que xa as levou por escenarios de salas e festivais. Para este ano xa se confirmou a súa aparición cun previsiblemente potente directo no cartel do Resurrection Fest e no Woodrocks e agora veñen de poñer sobre a mesa unha longa lista de concertos que comezarán este mesmo xoves, 2 de marzo, en El Pueblo café Cultural de Ourense e que incluirá ata maio 16 concertos na península ademais dun importante salto internacional con catro concertos en Tokyo e seis en Australia, catro deles en Melbourne. O tema que abre o disco, Colmillos, xa ten videoclip de fasquía dura e escura, como corresponde ao dúo que fascina a indies, heavys e punks por igual.

Ezetaerre desembarca con Aspiracións mínimas e urxentes

Xénero: Hip-Hop | 24 / 2 / 2017

aspiracions_minimas_urxentes_ezetaerre.jpg

Oito videoclips en simultáneo. Este é o espectacular xeito co que a banda Ezetaerre optou por presentar o seu primeiro disco Aspiracións mínimas e urxentes. Versións audiovisuais de todos os temas do álbum están xa dispoñibles na canle de Youtube deste trío de rap combativo en galego formado por Garchu, Pirola e Petrowski. A colonización de Latinoamérica, a audiencia nacional, a situación de Palestina ou a precariedade laboral danse cita nas temáticas duns temas que se acompañan de samplers de Yann Tiersen, Los Panchos, José González, temas árabes ou influencias folk. O proxecto, gravado por Iago Pico en Pousada Son Studios sae á luz baixo o selo Santa Guerrilla. A compostelá Sala Capitol acolle o vindeiro 3 de marzo a presentación do proxecto nun concerto con Nao.

A OSG e Quico Cadaval levarán o mar ao Palacio da Opera

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 2 / 2017

imaxe non dispoñible

A Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección de Diego García Rodríguez presenta unha nova proposta didáctica dentro do seu programa educativo Son Futuro baseada nun dos pilares da vida do noso país: O Mar. Coa colaboración do actor Quico Cadaval a OSG perseguirá a creación de públicos para á música lírica e clásica usando para iso a obertura de O holandés errante de Richard Wagner e os Catro interludios mariños de Benjamin Britten, unha obra do século XX na que se describe o mar en diferentes situacións. Varias representacións didácticas para escolares e unha de Concertos para a familia este venres ás 18 horas no Palacio da Ópera da Coruña ofrecerán este programa de temática mariña . Quico Cadaval fará a narrativa dramática da interesante lenda do buque pantasma de O Holandés errante e tamén, despois de cada un dos interludios, trasladará ao público á beira do mar partindo das imaxes mitolóxicas e as aventuras de piratas ata chegar a unha descrición de situacións cotiás das xentes do mar. A OSG elaborou unha guía didáctica para estas representacións orientada ao público máis cativo.

Milesios continúa Indoevindo no seu novo traballo

Xénero: Folk | 22 / 2 / 2017

indoevindo_milesios.jpg

Catro anos despois daquel Alén mar, Milesios publica o seu segundo traballo discográfico. Indoevindo continúa a senda de mestura entre a música galega e irlandesa en once temas que beben das dúas tradicións e que integran sons tradicionais con composicións propias. O septeto formado por Maite Veiga, Marta Portela, Manuel María Veiga, Manuel do Moucheiro, Noelia Fersán, Paula Veiga e Senén Montero integra percusións, baixos, guitarra, batería, violíns gaitas, bouzouki, mandolina, acordeóns, bodhran e mesmo gadañas nuns arranxos complexos e coidados. Arturo Vaquero foi o responsable da gravación do álbum nos estudios Abrigueiro. O proxecto, autoeditado, ve a luz en formato libro-CD, nun volume con 52 páxinas e fotos orixinais de Daniel Díaz Trigo e que inclúe ademais unha paisaxe sonora e dúas músicas extras. A Casa do Saber en Lugo acolle este venres 24 de febreiro o concerto de presentacion.

Xan Campos saca o seu cuarto disco

Xénero: Jazz/Blues | 20 / 2 / 2017

not_27163.jpg

O selo pontevedrés Free Code Jazz Records ven de presentar o cuarto traballo do pianista Xan Campos. No disco ESD o músico conta coas guitarras de Virxilio Da Silva, Yoel Molina e Wilfried Wilde; a batería de Iago Fernández; os sintetizadores e o Rhodes a cargo do propio Campos. Nos seus nove temas ESD marca diferenza cos seus tres anteriores traballos (Ida e volta, 2007; Orixe Cero, 2011; Ectopía, 2014), e condúcenos a sons máis eléctricos, ao jazz rock e á psicodelia progresiva do anos 70. Grazas a unha campaña de achegas económicas pola rede Verkami o disco puido saír, ademais de en CD, nunha edición en vinilo. O disco gravouse en Copenhague en xuño de 2015 e trátase dun traballo autoproducido e autofinanciado. O traballo pode escoitarse a través da plataforma Bandcamp.

Ataque Escampe entrega os seus Primeiros bicos

Xénero: Pop | 15 / 2 / 2017

primeiros_bicos_ataque_escampe.jpg

Tres anos despois do seu Disco vermello, os composteláns Ataque Escampe voltan cun álbum gris. Primeiros bicos está xa dispoñible para a escoita en liña e sairá á venda, tanto en formato LP como dixital o vindeiro 27 de febreiro. Segundo adianta o grupo, a capa gris do disco poderase rañar cunha moeda para descubrir os debuxos agochados debaixo, con catro variantes deseñadas por David Silva. Aínda que a marcha de Álex Charlón como cantante se deixa sentir no son, o quintento mantén o seu característico estilo, se caso máis cru e eléctrico, cunha especial pegada de tons funk que se mesturan sen complexos con salsa ou soul para animar unhas letras sempre intensas. O álbum, que ve a luz da man de Discos da Máquina, gravouse no estudio As Gonzalinhas de Lalín. A Sala Capitol da capital galega acollerá o concerto de presentación do novo traballo nun concerto no que o grupo compartirá escenario con Emilio José o vindeirio 24 de febreiro.

Luar na Lubre inicia a xira de 30 aniversario con nova vocalista

Xénero: Folk | 31 / 1 / 2017

imaxe non dispoñible

O concerto co que comezou da xira de trinta aniversario de Luar na Lubre, este 28 de xaneiro en Compostela, foi tamén o de despedida de Paula Rey como vocalista logo de seis anos. O conxunto que capitanea Bieiro Romero acaba de anunciar a remuda do cantante. A coruñesa Belém Tajes será a quinta voz no conxunto folk, e estrearase de xeito oficial no concerto que a banda ten previsto para este venres 3 de xaneiro en Almería. Sevilla, Granada, Madrid, Ponferrada e Porto serán as seguintes etapas dun tour que prevé recalar na Coruña a coincidir coas vindeiras festas de María Pita e en Pontevedra o vindeiro mes de xullo. Guanajuato, Miranda de Ebro, Valladolid, Barcelona, Lisboa,Barakaldo, Cáceres, Albacete, Castelló e Logroño son outras paradas xa confirmadas nesta xira. Tajes, especialista en musicoterapia, ten participado en formacións como Voodoo e Sisters in the House, e o pasado ano participou no proxecto de intercambio entre músicos en linguas minorizadas Tosta Cultural Cargo.

Primordiais dá a coñecer o seu primeiro álbum

Xénero: Folk | 26 / 1 / 2017

drogueria_moderna_primordiais.jpg

A promoción de Droguería Moderna, o seu primeiro álbum, está a mobilizar o dúo Primordiais. Acaban de subir á rede o vídeo do seu single Por ti moreno e preparan concerto para o vindeiro 18 de febreiro no marco da Rede de Músicas Soltas de Redondela. Luis Martíns e Marcelo DoBode combinan arpa, voz e percusión nunha orixinal reinterpretación da tradición do país con aires improvisados, e toques jazz que denominan "músicas de OrTa" e "musicas en crecemento". O álbum ve a luz da man de Mada Producións

Fol Música reúne unha representación feminina da nosa música no disco 'Mujer Raíz- Root Woman'

Xénero: Folk | 20 / 1 / 2017

not_27059.jpg

O selo discográfico Fol Música ven de presentar un disco recompilatorio no que fai unha homenaxe ás mulleres da música de raíz. En Mujer Raíz – Root Woman reúnense voces femininas esenciais da música galega actual copando a maioría dos 14 temas do disco, complementadas con outras propostas de mulleres de Brasil ou África , por exemplo. No disco están presentes Mercedes Peón, Guadi Galego, Ugía Pedreira, Uxía, Susana Seivane, Cristina Pato, Rosa Cedrón e Sés. Tamén están como grupo Malvela, Doa e Fuxan os Ventes, estes últimos acompañados de Sabela Rodríguez. O músico ourensán Magín Blanco tamén aparece colaborando en dúas das cancións, nunha delas coa brasileira Luanda Cozzetti. A través dun comunicado o selo di querer comezar así o ano "porque -din- presentimos que vai ser un ano transcendental para os dereitos das mulleres. Van caer moitas barreiras e derrubar muros de prexuízos e inxustizas que aínda existen en todo o mundo. As mulleres van tomar conciencia da súa forza e a súa poder e sen renunciar aos seus valores, á feminidade, a intuición, a compaixón. A empatía e a non violencia, van dar un salto cuántico para lograr a igualdade e ocupar lugares e posicións relevantes en todos os ámbitos políticos e culturais." O álbum está xa dispoñible nas plataformas dixitais.

Sae á venda Enxebre, o último disco de Brath

Xénero: Folk | 12 / 1 / 2017

enxebre_brath.jpg

Aínda que levan un anos presentándoo ao vivo, non foi ata este mes de decembro que saíu á venda Enxebre, o último disco de Brath. A veterana banda folk que capitanea Eloi Caldeiro presenta dez novos temas nos que os títulos remiten a elementos da tradición galega (A Santa Compaña, O Trasno, A Bruxa Meiga, As fogueiras de lume novo) que se mesturan con referencias celtas como Druídas, Samhaín, Lughnasadh ou Beltane das fachas. Fiel ao seu estilo, o proxecto continúa unha aposta de folk no que a batería e a percusión teñen unha grande importancia e onde non faltan tampouco guitarras eléctricas. Segundo asegura Caldeiro, o título supón un retorno aos comezos de Brath, que conmemora con este álbum 36 anos de traballo. Enxebre ve a luz nun formato de libro-CD con múltiplos contidos extras e unha edición a toda cor.

<< Inicio / Anterior . 471 a 480 de 1395 . Seguinte \ Fin >>