Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Esposa presenta o primeiro disco longo 'Xardín Interior'

Xénero: Pop | 30 / 3 / 2017

not_27320.jpg

A banda compostelá Esposa presenta e saca á venda mañá venres o seu primeiro disco longo, Xardín interior. O álbum sae baixo o selo independente Prenom e presentarase cunha festa ás 19 horas no local de A Reixa Tenda/ Matrioska de Santiago de Compostela (Rúa do Hórreo, 46), onde ofrecerán un concerto en acústico. Xardín interior ofrece doce temas de pop lixeiro e rápido no son e de letras melancólicas e lánguidas case existenciais. Segundo a presentación que deles fai o selo “a alegría da súa música e a naturalidade da súa actitude pode levar a pasar por alto as tensións que laten debaixo e que os fan ser un grupo atípico: as letras en galego retratan a personaxes con identidades en conflito e dúbidas xeracionais, as guitarras e as baterías nerviosas contrastan con dous sintetizadores máis atmosféricos, as voces femininas e as masculinas conflúen ás veces en temas eléctricos e velvetianos e ás veces nunha delicadeza que lembra aos Yo La Tengo máis sutís.” A banda está conformada por Xacobe González (voz e guitarra), María Villamarín (voz e sintetizador), Mar Catarina (sintetizador) e Cibrán Tenreiro (voz e batería). O pasado ano o grupo presentou un EP Señora de pero este é o seu primeiro traballo longo gravado Tras desta presentación actuarán no Melona Fest en Santiago o día 8 de abril.

O festival El Loro Facu presenta o cartel completo da súa nova edición en xullo

Xénero: Indie | 28 / 3 / 2017

imaxe non dispoñible

O Festival El Loro Facu da localidade coruñesa de Miño ven de presentar xa o seu cartel completo para a edición deste ano. Os días 28 e 29 de xullo catorce bandas, a maioría delas galegas, encherán de música independente e ritmos variados este festival que celebra a súa segunda edición no Porto de Miño. O cartel está encabezado polos veteranos Siniestro Total pero tamén están o rapeiro sevillano ToteKing , Guerrera, Igloo, Terbutalina, Familia Caamagno, Ataque Escampe, The Parrots, Thee Blind Crows, Ricky Hombre Libre, White Bats, os locais The Artificieiros, os asturianos The Attack of the brain eaters e Superoito. Os abonos a prezo superreducido xa se esgotaron e agora están a venda as entradas anticipadas por 25 euros o abono dos dous días.

Azul de Bueu fusiona música tradicional e jazz

Xénero: Fusión | 24 / 3 / 2017

imaxe non dispoñible

O teatro principal de Pontevedra acollerá en sesión matinal este domingo a presentación do primeiro disco da formación Azul de Bueu. O disco homónimo desta banda integrada por seis músicos que proveñen tanto da escena da música tradicional coma do jazz ofrece unha fusión onde se afonda no repertorio máis antigo e tradicional galego para introducilo no universo do jazz e a música moderna. Sonsoles Martínez (voz, acordeón diatónico); Xosé Miguélez (saxo); Wilfried Wilde (guitarra); Alexandre Touceda (contrabaixo); Iago Fernández (batería) e Virxilio da Silva (dirección artística, guitarra) conforman este proxecto. Os temas musicais escollidos están extraídos de cancioneiros na súa maioría, outros son produto da recolleita de modernos etnomusicógrafos. Para este concerto de presentación Azul de Bueu contará con colaboracións como a da contacontos Vero Rilo e o grupo de canto e baile de Traspés.

Oscar Ibáñez presenta un disco de homenaxe a Ricardo Portela o Gaiteiro de Viascón

Xénero: Folk | 23 / 3 / 2017

Cuberta-Aires-de-Pontevedra.jpg

Co gallo dos 25 anos do pasamento do gaiteiro Ricardo Portela (Viascón, 1920-Pontevedra-1992) Oscar Ibáñez presenta un novo disco baixo o título Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela, 25 Anos Pasamento no que homenaxea ao Gaiteiro de Viascón cunha selección do seu repertorio máis característico interpretado coa súa propia gaita de dixitación pechada. A efeméride incluirá ademais diversos actos este venres nos concellos de Cerdedo-Cotobade, cunha ofrenda floral ante o busto dedicado ao músico, e en Pontevedra co descubrimento dunha placa na rúa Laranxo e unha posterior gala musical no Teatro Principal. No disco colaboran na percusión destacados artistas que gravaron ou tocaron con Ricardo Portela na década dos 80 fundamentalmente como Xosé V. Ferreirós (Milladoiro), Chuco Estevez Gonzalez (E-Trad), Gonzalo Caride (artesán-músico), Wenceslao Cabezas "Polo" (Escola Municipal de Danza do Concello de Vigo), Antón López "Toniño" (Treixadura), Manuel Solla (Os Cruceiros), Xosé Carlos V. Bouza e Jesus Corral Fernandez (Xarabal), Miguel Souto (O Fiadeiro), Alberto Costas (PelePau), Manuel Alonso e Xosé María Gutiérrez (Noitarega). O álbum foi gravado, mesturado e masterizado en Chispún! Estudio (Vigo) por Rubén Troitiño, edita e distribúe Inquedanzas Sonoras baixo licenza de Oscar Ibáñez. Non é a primeira vez que Ibáñez rende tributo a este mestre da gaita, xa en 2008 impulsou unha homenaxe en forma de dobre CD editado por Edicións do Cumio baixo o título Foliada nas Rías Baixas. Homenaxe a Ricardo Portela, o Mestre.

O Ciclo 'Música Actual Galega II' estreará en Ourense obras de cinco compositores

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 3 / 2017

imaxe non dispoñible

A Fundación SGAE e a Asociación Galega de Compositores convocan a segunda edición do ciclo Música Actual Galega , unha serie de concertos que ten como obxectivo incentivar a programación do repertorio clásico galego dos séculos XX e XXI. Na cita ourensá interpretaranse a piano e voz as obras Na Xanela de Luis Carro; Sós de Juan Durán; MariNana de Julio Montero; Nouturno deLuis Carro; Romance de Arlequín de Julio Montero; Amor de Gloria R. Gil; Eu ben quixera de X. Comesanha e Le cimetière marin de Xan Viaño. Case todas a sobras son de estrea absoluta neste concerto que terá lugar no Liceo de Ourense, con acceso gratuíto, o sábado 25 de marzo (19:30 horas) coa participación das voces de Patricia Rodríguez e Gabriel Alonso e o piano de José Manuel Yáñez. Está é a terceira cita deste evento itinerante que xa comezara en Santiago en decembro e tamén tivo outra cita en Vigo. O pianista José Manuel Yáñez, foi fundador do Trío Groba e integrante da Orquestra de Cámara Galega, tocará este repertorio con dúas grandes voces. Patricia Rodríguez é titulada profesional en Piano e titulada superior en Canto; colaborou co coro da Orquestra Sinfónica de Galicia e co coro da Ópera de Oviedo, entre outros. Gabriel Alonso é titulado profesional en Canto e Saxofón; foi representante galego no concurso Intercentros da Fundación Orfeo e Mellor Intérprete de Zarzuela no concurso Amigos da Ópera de Santiago de Compostela.

IGMIG presenta o seu disco 'Ai, que lío'

Xénero: Alternativa | 20 / 3 / 2017

not_27270.jpg

O dificilmente clasificable trío IGMIG, formado por por Mig Seoane (voz e guitarra), Nacho Muñoz (voz e teclados) e Suso Feixón (batería),veñen de presentar o seu novo traballo, o segundo que publican e que xa está dispoñible nas plataformas dixitais. Ai, que lío reúne de novo toda a capacidade ecléctica da banda de mesturar estilos e buscar resultados creativos sen concesións nos seus 15 temas "multiculturais" cunha liña de desenfado festivo sempre presente. Rock psicodélico, electrónica, funky rock progresivo , folk e case calquera influencia ten cabida na oferta musical de IGMIG. A xira de presentación deste traballo promete como sempre postas en escena teatrais e directos explosivos. Este é o seugo traballo despois do EP Shaishakarrascaishe !! en 2014. A banda presentou un videoclip do tema Ostiá! gravado en o club El Náutico, de San Vicente e coa actuación protagonista do Leo Arremecághona. IGMIG é unha das bandas que fan parte do colectivo Metamovida. A gravación do disco contou coas colaboracións de María de Mallou,Elena Vazquez (Trilitrate), Macarena Montesinos, Carlos Castro, Olalla Vidal López, Gonzalo Castro, Iago Carballo Alonso, José Antonio López López, Mercedes Peón, Lúa Gándara e João Paulo.

Emilio José publica na rede os 64 temas de Nativos digitais

Xénero: Indie | 17 / 3 / 2017

nativos_digitais_emilio_jose.jpg

O Bandcamp de Emilio José está que ferve estes días. O mércores 15 de marzo o músico de Quins publicaba neste espazo Nativos digitais, un proxecto que comprende nada menos que 64 cancións. O traballo preséntase como un mixtape, é dicir, unha gravación na que se recombinan fragmentos de audio, efectos e bases rítmicas sobre as que o compositor introduce os seus persoais recitados de hip-hop. Moita experimentación, crítica social, poesía electrónica e o intenso mundo persoal de Emilio José danse cita neste proxecto con pistas como Referentes culturais, 15-M, Hail Errejón!, Second Life ou eucalyptus. Todos os temas foron compostos entre xullo de 2016 e pasado mes de febreiro, segundo asegura o artista no seu Bandcamp. Emilio José está ao vivo na Casa do Pobo de Cangas mañá, 18 de marzo.

Talabarte fai pleno en todas as candidaturas aos Premios Opinión

Xénero: Folk | 10 / 3 / 2017

imaxe non dispoñible

A XVIª edición dos Premios Opinión da Música de Raíz, vencellados ao xornal La Opinión de Coruña, ven de desvelar as candidaturas finalistas que optarán a galardón. Sete discos lograron obter un lugar entre algunha das candidaturas elaboradas polo xurado, composto por oito persoas que falan sobre música de raíz en diferentes medios de comunicación. O disco Fake de Talabarte conseguiu ser o único presente nas tres categorías dos premios por mellor álbum, mellor tema orixinal e lograr Pedro Pascual os votos necesarios para ser finalista na categoría de mellor artista. Ademais dalgúns nomes que xa concorreron en edicións anteriores cos seus proxectos musicais outros artistas, mesmo con anos de carreira logran por vez primeira entrar nas candidaturas, é o caso de Rosa Cedrón e Xoán Curiel. Caxade consegue dous nomeamentos entre a lista de finalistas, pola canción Nábia e como artista. Nesta última categoría é a terceira vez que aparece na historia dos galardóns, dos que xa resultou gañador na décimo terceira edición.

Ouvirmos recupera a compositora Eugenia Osterberger

Xénero: Clásica/Lírica | 3 / 3 / 2017

Eugenia_Osterberger_Ouvirmos.jpg

Quince composicións para voz e piano é o legado sonoro da compositora Eugenia Osterberger que recupera a editora Ouvirmos no seu último lanzamento. Eugenia Osterberger: A compositora galega da Belle Époque (1852-1932) é o título do libro-CD no que reivindica unha creadora que contribuíu "de forma singular á creación dunha música galega académica de raíz popular. Participou de forma activa na vida cultural e social da Coruña e Compostela e foi académica correspondente da Real Academia Galega desde a súa fundación". Para alén das pezas que agora se recuperan, a autora tamén realizou composicións para piano. Beatriz López-Suevos, Rosario Martínez Martínez e Susana de Lorenzo asinan unha obra na que se fai un repaso pola vida e o traballo de Osterberger. Un concerto no Círculo Recreativo Cultural do Porriño acollerá o concerto de presentación deste traballo, no que Susana de Lorenzo e Beatriz López-Suevos, voz e piano, interpretarán todo o contido do disco.

Esquíos voltan con Nunca choveu que non escampara

Xénero: Rock | 1 / 3 / 2017

nunca_choveu_que_non_esquios.jpg

O Pub Invictus da estrada acollerá este sábado a presentación do novo disco da banda Esquíos. Nunca choveu que non escampara será o noveno álbum desta prolífica banda de punk rock na súa década longa de existencia. Para a gravación do disco a banda repetiu nos estudios Bonhan da Coruña, onde xa fixeran o anterior traballo, e o proceso fíxose ao vivo. Aínda que manténdose fieis nas letras ao seu espírito de crítica social e combativa a banda asegura que este LP e o "máis variado e posiblemente máis melódico e psicodélico" dos seus traballos e que con entran nun novo estilo que dan en chamar "rock psicotrónico". Tras desta presentación Esquíos actuarán o vindeiro 8 de marzo na Sala Malatesta de Santiago, como parte do programa do festival Desafogha.

<< Inicio / Anterior . 461 a 470 de 1395 . Seguinte \ Fin >>