Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Xulio Lorenzo presenta o seu primeiro traballo en solitario 'Cantos da ialma'

Xénero: Folk | 15 / 5 / 2017

not_27480.jpg

O gaiteiro e compositor Xulio Lorenzo presentará en concerto o vindeiro sábado en Vigo o seu primeiro disco en solitario Cantos da ialma. Doce temas de composición propia xurdidos en distintos momentos da súa extensa traxectoria tanto no país como nas súas experiencias internacionais desde 2011 e nos que Lorenzo lúcese cos súas composicións na gaita, na frauta ou no whistle. Foi ao rematar 2015, despois de dúas xiras por Brasil cona agrupación Gaiteiros de Lume (coa que participa na gravación do segundo álbum) e polo sur de Italia da man do grupo Napolitano Brigan, cando Xulio Lorenzo, natural de Mos, decide comezar a deseñar o seu primeiro traballo discográfico que este mes presenta en concerto aínda que xa leva un tempo dispoñible en tendas. Para a elaboración deste disco Lorenzo rodeouse dunha banda formada por Paco Dicenta (baixo eléctrico), Ioana Pérez (violín), Diego Bea (guitarra), Roberto Comesaña (acordeón), David Outumuro (percusións)e Alberto Vilas (piano). Pero ademais no álbum conta con importantes colaboracións nalgúns temas como Bieito Romero (Luar na Lubre), Marcos Campos ( Crema de Gaita, Riobó), Pedro Fariñas (Trim, Transilvanians), Noelia Alvarez Rodriguez-Osorio ( Two in the Mirror, Aretha Franklin Tribute Band), Marisé Balado (Arume, Orquesta folk Sondeseu), Francesco Di Cristofaro (Brigan Italia), Alberto Vilas ( Tangata, Alberto Vilas Quartet) e a Banda de gaitas Xarabal. O vindeiro sábado día 20 Xulio Lorenzo e compañía estará presentando en directo Cantos de ialma Teatro Afundación Vigo ás 21 horas.

Os d'Abaixo levantan o voo co seu segundo disco

Xénero: Folk | 8 / 5 / 2017

not_27458.jpg

A banda Os d'Abaixo ven de presentar o pasado día 5 en Melide o seu novo traballo Quixera ser dos paxaros, o seu segundo disco, primeiro de estudio, composto por temas tradicionais inéditos provintes dun grande traballo de investigación, e que contan cos arranxos feitos por eles. O seu primeiro disco Ao vivo en Lorient (2014) gravárase durante unha actuación no Festival Interceltique francés e agora optaron polo estudio para crear un disco máis intimista onde o compoñente estético ten moito peso, tanto na coidada selección de letras como no deseño gráfico e a fotografía. A banda folk Os d'Abaixo está formada, entre outros, por músicos de dous dos grandes referentes da música en Galicia: Berrogüetto e Fía na Roca. Xacobe Varela – voz, bouzouki, gaita e percusións; Quim Farinha – violín; Roberto Rama – saxo e gaita; Gom Goás – guitarra e coros; Xosé Ramón Vázquez – acordeón e Richi Martín – percusión. No disco, cada un dos once temas ven acompañado dunha detallada descrición que axuda a comprender o traballo de pesquisa e documentación do repertorio por arquivos públicos e privados. A copla que dá nome e marca a estética do álbum , Quixera ser dos paxaros foi recollida en Ferrol en 1954 por Pedro Echevarría Bravo (Burgos, 1905 - Madrid, 1990) que foi director da Banda de Música de Santiago entre 1955-1965 e forma parte do Fondo de Música Tradicional da Institució Milà i Fontanals (CSIC-IMF) de Barcelona. Algunha outra peza, como a Espadelada de Solveira provén dos fondos recollidos polo investigador Alan Lomax. Os seguintes concertos de presentación de Quixera ser dos paxaros terán lugar o vindeiro domingo na Sala Garufa da Coruña, o martes 16 no teatro principal de Santiago e o domingo 31 no Salasón de Cangas do Morrazo.

Leira Catro saca'Heroe' como tarxeta de presentación

Xénero: Jazz/Blues | 3 / 5 / 2017

not_27437.jpg

Catro músicos de ampla traxectoria e experiencia con múltiples bandas e formatos xúntanse en Leira Catro para facer este primeiro disco Heroe, con Ana Leira como centro pola característica fundamental no jazz vocal que ofrecen e que ela manexa maxistralmente nos seus variados rexistros. O cuarteto (voz, piano, contrabaixo e batería) ofrece un repertorio de estándares de jazz, bossa nova e composicións orixinais. Neste primeiro traballo discográfico gravado en Estudios Bruar (A Coruña) Leira Catro pon sete temas, dos cales tres son orixinais da formación, compostos por Alfonso Calvo , contrabaixista do cuarteto. Calvo tamén forma parte de outras propostas como Alfonso Calvo Septet, Aló Django, Valentín Caamaño trío e Marcos Teira trio. Dous dos temas son en galego ( Dous e Oaky ), un en brasileiro, outro en castelán e tres en inglés. todos na voz de Ana Leira que tamén fai parte do grupo vocal Faltriqueira. A batería e percusións corren a cargo de Miguel Queixas, quen tamén forma parte de outras formacións como Nova Galega de Danza, Banda Crebinsky (que presentarán novo disco en breve) , Som do Ghalpóm, Borja Quiza Big band, Sleeping cat ou 3Azoteas. O pianista Iago Mouriño completa o cuarteto que presenta estes días Heroe (Autoedición) un tíutlo sacado da letra dunha das cancións do álbum, Joao e Maria, de Chico Buarque.

As Maimiñas festexan a súa Volta, revolta e reviravolta

Xénero: Infantil | 27 / 4 / 2017

volta_revolta_reviravolta_maiminhas 2.jpg

Logo da viaxe polo mundo que propuñan no seu primeiro libro-CD, o dúo As Maimiñas volta a casa para o seu segundo traballo. Volta, revolta e reviravolta convida a revisitar, de xeito soñado aqueles "lugares distantes e marabillosos que deixaran atrás na súa primeira viaxe". En total, 18 novos temas nun novo libro disco ilustrado de novo por Patricia Castelao e que ve a luz da man da Editorial Galaxia. Segundo explica o dúo na presentación deste proxecto, "os nenos e nenas son nesta ocasión o fío conductor, sendo eles quen guían As Maimiñas nesta Volta, Revolta e Reviravolta, e da súa man trátanse tamén temas transversais, como son os medios de transporte ou a igualdade interracial". Deste xeito, Lucía Lago e Irene Álvarez están a presentar o novo disco cun espectáculo no que buscan unha maior participación do público e no que contan cun maior soporte audiovisual. A Feira do Libro de Compostela acolle este sábado 29 a vindeira presentación, cun concerto ás 19:00 horas.

Desde O Incio chega o novo disco de Vizcaíno

Xénero: Cantautor | 25 / 4 / 2017

not_27410.jpg

Xabier Vizcaíno, cantante e compositor d´O Incio, que se presenta con nome artístico abreviado de Vizcaíno, ven de sacar o seu segundo disco. Diáspora é o nome deste novo traballo gravado en A Palleira estudios de O Incio que se presentaba o pasado día 9 na súa terra chica en Sarria, proximamente estará coa presentación en Monterroso o sábado 28 de abril, e no Liceo de Ourense o venres 5 de maio, á espera de máis datas por confirmar. Co seu primeiro disco Alas de papel (2014) Xabier mantivo unha intensa xira, que previamente comezará levando esas cancións súas por toda América Latina. O artista volve agora cun novo traballo de estudio con temas en galego e castelán, destacando cancións coidadas, con estilos rock, folk, pop e indie e con innumerábeis colaboracións, mesmo do outro lado do océano. Vizcaíno ofrece unha fórmula alquímica propia con sons mesturados que van do folk ao blues nunha fusión desenfada moi persoal que demostra funcionar, tanto no formato máis íntimo dos cantautores como acompañado de banda. O primeiro videoclip deste novo traballo, Serendipia, gravouse na súa Terra Brava de O Incio, onde o Embalse de Vilasouto en Eirexalba.

Triángulo de Amor Bizarro saca un EP para coleccionistas

Xénero: Alternativa | 24 / 4 / 2017

not_27406.jpg

A partir de Barca Quemada, unha das cancións máis coñecidas do seu aclamado disco Salve discordia (Mushroom Pillow, 2016), Triángulo de Amor Bizarro ven de sacar co mesmo selo un E.P. con catro temas. Ademais da mencionada Barca quemada esta novidade discográfica dos barbanzáns, inclúe tamén un tema inédito, Barco de Oro; a versión en galego do clásico popuilar saído das Bahamas The John B.Sails que teñen versionado Johnny Cash ou Beach Boys e que agora TAB nos trae co título A Cantiga de Juan C como todo unha homenaxe á súa propia terra e pechan esta pequena obra cun “cover” da canción do grupo Hidrogenesse, Vuelve conmigo a Italia. O disco públicase en formato dixital e vinilo 10”, nunha edición limitada a 500 unidades e que aparece nun momento moi celebrado para a banda tras os numerosos recoñecementos por parte da crítica especializada e premios acadados con Salve Discordia.

O Sonoro Maxín celebra dez anos de traballo con Setedezasete

Xénero: Fusión | 21 / 4 / 2017

sete_dezasete_o_sonoro_maxin.jpg

Cando cumpren dez anos, e cunha candidatura aos Premios Martín Códax da Música, O Sonoro Maxín presenta o seu segundo álbum de estudio. Setedezasete conmemora esta década de traballo ao tempo que xoga co carácter de números primos das dúas cifras e lembra que estes "son os días de feira en Ourense". A banda continúa coa súa fusión de estilos na Galicia Tropical nos doce novos temas que ven a luz baixo o selo Inquendanzas Sonoras. Ská, cumbias, acordeóns, metais e guitarras eléctricas danse cita en cancións que queren poñer a bailar a todo o país. A banda inicia nesta mesma noite no Café Cultural Auriense unha intensa xira de presentación. A Cidade das Burgas acolle tamén o día 22 a segunda cita, desta volta no Café Cultural El Pueblo. Carballiño (28 de abril), Bueu (día 30), Pontevedra (5 de maio), Vilar de Santos (7 de maio) ou San Sadurniño (12 de maio) son as seguintes actuacións previstas. O disco está en libre descarga no propio web do grupo.

Rafael Quintía e João Bieites presentan A Pedra do Fundamento

Xénero: Folk | 7 / 4 / 2017

pedra_do_fundamento_quintia_bieites.jpg

Unha escolma de dez anos de traballos musicais compoñen A Pedra do Fundamento, o álbum que acaban de presentar o antropólogo Rafa Quintía e o músico João Bieites. En total son vinte e nove temas inspirados na mitoloxía galega nos que se combinan pezas compostas para documentais con traballos inéditos. O proxecto, audoeditado, mestura sons folk e tradicionais e contou con colaboracións como as de Francisco Sutil, Antonio Vázquez, Alexandre Leiro, Xosé Feijoo, Rosalía Rodríguez ou César Martínez. Guitarras e outros instrumentos de corda mestúranse con gaitas, teclados e diferentes percusións no álbum, cuxos temas fan referencias a lugares como A cruz do Seixo ou A fonte da prata e a elementos e lendas como Labirintos, O Alicornio ou O demo asubiador, que fan parte da nosa cultura tradicional.

A Gramola Gominola volve con Cancións para desafinar

Xénero: Infantil | 6 / 4 / 2017

cancions_para_desafinar_gramola_gominola.jpg

Xusto cando se fan dous anos do seu primeiro álbum, A Gramola Gominola presentaba cun concerto no Salón do Libro de Pontevedra o pasado 1 de abril o seu segundo lanzamento. Cancións para desafinar achega trece novos temas nos que a banda máis rockeira para o público familiar explora diferentes estilos, desta volta arredor do rock. Surf-rock, punk, rock, gospel, hard-rock, funk, latin-rock ou rockabilly atópanse en temas como Canción para desafinar, a A Fábrica de Carmela, Pita Récords ou A Avoa Fina e o seus "tres ferrados de forza". Iago Romero corre coas ilustracións do libro-CD que publicar Galaxia dentro da súa colección Sonárbore. A Casa da Cultura do Milladoiro (Ames) acolle o 5 de maio o vindeiro concerto do grupo, que continuará xira por Ourense o día 21 do mesmo mes.

As empresas musicais renovan a José Manuel Blanco como presidente da súa asociación

Xénero: Miscelánea | 5 / 4 / 2017

imaxe non dispoñible

A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) ven de renovar a súa xunta directiva con poucos cambios respecto á anterior e asumindo unha continuidade do proxecto e dos seus retos como colectivo. José Manuel Blanco, de Nalgures Producións, segue no cargo de Presidente desta asociación que está integrada actualmente por once empresas cuxas actividades profesionais son de promoción, produción, representación artística ou axentes de contratación de espectáculos musicais. O principal cambio na Xunta Directiva ven pola entrada como Secretario de Francisco Javier Alonso, de Maruxa eventos, substituíndo a Kin Martínez de Esmerarte. O Vicepresidente , Xosé Manuel Aldea, de Ouvrimos, segue no cargo tamén e asume o cargo de Tesoureiro que antes levaba Belén Bermejo, de Sirgo Torcendo. Aínda que a nova Xunta está a elaborar o plan de traballo e de actuación de cara ó exercicio 2017, así como os obxectivos da Asociación a medio prazo, José Manuel Blanco pon como retos da nova etapa en AGEM algúns que xa veñen de atrás como é "estruturar a profesionalización do sector" e "loitar porque definitivamente se estableza unha normativa e se desenvolva a Lei do espectáculo para que poidamos ter unha normativa clara e definida porque agora mesmo hai normativas varias e dispersas" que cumpriría reunir arredor dun só texto que puidese dar seguridade ás empresas do sector da música en directo. Desde AGEM tamén queren avanzar en distintas vías no apoio aos profesionais como con ferramentas informáticas que axuden a levar a cabo "nas mellores condicións os espectáculo que se realicen", asegura Blanco.

<< Inicio / Anterior . 451 a 460 de 1395 . Seguinte \ Fin >>