Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Os d'Abaixo levantan o voo co seu segundo disco

A FORMACIóN OFRECE EN 'QUIXERA SER DOS PAXAROS' 11 TEMAS TRADICIONAIS INéDITOS

Os d'Abaixo levantan o voo co seu segundo disco

FOLK | maio 8, 2017

not_27458.jpg

A banda Os d'Abaixo ven de presentar o pasado día 5 en Melide o seu novo traballo Quixera ser dos paxaros, o seu segundo disco, primeiro de estudio, composto por temas tradicionais inéditos provintes dun grande traballo de investigación, e que contan cos arranxos feitos por eles. O seu primeiro disco Ao vivo en Lorient (2014) gravárase durante unha actuación no Festival Interceltique francés e agora optaron polo estudio para crear un disco máis intimista onde o compoñente estético ten moito peso, tanto na coidada selección de letras como no deseño gráfico e a fotografía. A banda folk Os d'Abaixo está formada, entre outros, por músicos de dous dos grandes referentes da música en Galicia: Berrogüetto e Fía na Roca. Xacobe Varela – voz, bouzouki, gaita e percusións; Quim Farinha – violín; Roberto Rama – saxo e gaita; Gom Goás – guitarra e coros; Xosé Ramón Vázquez – acordeón e Richi Martín – percusión. No disco, cada un dos once temas ven acompañado dunha detallada descrición que axuda a comprender o traballo de pesquisa e documentación do repertorio por arquivos públicos e privados. A copla que dá nome e marca a estética do álbum , Quixera ser dos paxaros foi recollida en Ferrol en 1954 por Pedro Echevarría Bravo (Burgos, 1905 - Madrid, 1990) que foi director da Banda de Música de Santiago entre 1955-1965 e forma parte do Fondo de Música Tradicional da Institució Milà i Fontanals (CSIC-IMF) de Barcelona. Algunha outra peza, como a Espadelada de Solveira provén dos fondos recollidos polo investigador Alan Lomax. Os seguintes concertos de presentación de Quixera ser dos paxaros terán lugar o vindeiro domingo na Sala Garufa da Coruña, o martes 16 no teatro principal de Santiago e o domingo 31 no Salasón de Cangas do Morrazo.

datos do disco