Azul de Bueu fusiona música tradicional e jazz
marzo 24, 2017
O teatro principal de Pontevedra acollerá en sesión matinal este domingo a presentación do primeiro disco da formación Azul de Bueu. O disco homónimo desta banda integrada por seis músicos que proveñen tanto da escena da música tradicional coma do jazz ofrece unha fusión onde se afonda no repertorio máis antigo e tradicional galego para introducilo no universo do jazz e a música moderna. Sonsoles Martínez (voz, acordeón diatónico); Xosé Miguélez (saxo); Wilfried Wilde (guitarra); Alexandre Touceda (contrabaixo); Iago Fernández (batería) e Virxilio da Silva (dirección artística, guitarra) conforman este proxecto. Os temas musicais escollidos están extraídos de cancioneiros na súa maioría, outros son produto da recolleita de modernos etnomusicógrafos. Para este concerto de presentación Azul de Bueu contará con colaboracións como a da contacontos Vero Rilo e o grupo de canto e baile de Traspés.
O repertorio inclúe xotas e muiñeiras, temas bailabes e cantables, que procedentes da tradición oral vénse aquí interpretados tratados dun xeito moi semellante ao que os músicos de jazz trataron as melodías e cancións populares americanas que acabaron por se converter en “standards”. Segundo afirman dese a presentación do proxecto, as modernas harmonías creadas por Wilfried Wilde para alfaiar as melodías e ritmos seleccionados están inspiradas nos modos e no sistema musical galego buscando un equilibrio entre a rica linguaxe harmónica do jazz e o minimalismo e a sobriedade da tradición galega onde as harmonías ou heterofonías que se empregaban eran moi comedidas. O emprego da guitarra para lanzar estas harmonías e a inclusión da sección rítmica responde á un desexo de enriquecemento e renovación das tradicionais seccións rítmicas que eran empregadas na música galega.