Emilio José publica na rede os 64 temas de Nativos digitais
marzo 17, 2017
O Bandcamp de Emilio José está que ferve estes días. O mércores 15 de marzo o músico de Quins publicaba neste espazo Nativos digitais, un proxecto que comprende nada menos que 64 cancións. O traballo preséntase como un mixtape, é dicir, unha gravación na que se recombinan fragmentos de audio, efectos e bases rítmicas sobre as que o compositor introduce os seus persoais recitados de hip-hop. Moita experimentación, crítica social, poesía electrónica e o intenso mundo persoal de Emilio José danse cita neste proxecto con pistas como Referentes culturais, 15-M, Hail Errejón!, Second Life ou eucalyptus. Todos os temas foron compostos entre xullo de 2016 e pasado mes de febreiro, segundo asegura o artista no seu Bandcamp. Emilio José está ao vivo na Casa do Pobo de Cangas mañá, 18 de marzo.