Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Doce festivais de verán inclúense na marca Fest Galicia da Xunta

Xénero: Miscelánea | 19 / 6 / 2019

imaxe non dispoñible

Unha ducia de festivais a celebrarse entre os meses de xullo e setembro conforman a segunda temporada do calendario Fest Galicia que promove a Xunta. Cantos na Maré de Pontevedra e Caudal Fest de Lugo veñen de engadirse aos 10 eventos que xa participaran na experiencia piloto do ano pasado: PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival. En todos eles, a Xunta organizará novas campañas de concienciación a prol da igualdade e da prevención da violencia de xénero, do uso do galego, do respecto medioambiental ou do fomento de valores positivos para a xuventude, que terán o seu epicentro nun renovado stand da marca, ao tempo que avanzará na medición do impacto económico e social dos festivais. Refórzase así a aposta por esta marca, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración con outros departamentos autonómicos, como vía de apoio a festivais considerados estratéxicos para a promoción do turismo musical de acordo con criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.

A 36ª Festa da Carballeira de Zas acada o seu sitio entre os grandes eventos do verán

Xénero: Folk | 13 / 6 / 2019

imaxe non dispoñible

A 36ª edición da Festa da Carballeira de Zas, na provincia da Coruña, fai valer a súa constancia e coloca o seu cartel entre os festivais de moda tirando de artistas consolidadas e emerxentes e apostando polo eclecticismo sen perder a raíz. Susana Seivane será cabeza de cartel na xornada do venres 2 de agosto e o multipremiado trío Tanxugueiras estará o sábado 3 tamén nesta romaría folk que reúne arredor de cinco milleiros de persoas. Elas son so dous das máis dunha ducia de actuacións previstas este ano e que inclúen tamén a fusión de Dakidarría e a proposta electrónica de Baiuca. A presenza internacional está tamén asegurada coas formacións Celtic Social Club (Francia) e Tide Lines (Escocia). O grupo Korrontxi representará a música tradicional do País Vasco. Na xornada do sábado ademais procurarase manter a esencia de romaría do evento potenciando a sesión vermú con varias actuacións importantes entre as que está o dúa Vudú, Monoulious Dop e a formación internacional Fourth Moon, ademais de Os Farrapos e outras. A Festa da Carballeira de Zas está organizada desde a Asociación Cultural Castro Meda e dedica parte da súa recadación a fins sociais, neste caso a unha asociación local de apoio a persoas con discapacidade funcional. A organización ten aberta ademais unha liña de voluntariado para colaborar no evento.

Marco Foxo recupera romances medievais para os nosos tempos no seu cuarto traballo

Xénero: Folk | 12 / 6 / 2019

romances_novos_vellos_marco_foxo.jpg

Marco Foxo acompañouse dunha vintena de músicos para gravar o seu cuarto traballo. Romances novos e vellos chega ás tendas a recoller romances medievais recollidos por Xosé Lois Foxo nas montañas ourensás, por Valdeorras, Riós, O Bolo ou o Courel. O armenio Emmanuel Hovhannisyan, os iranianos Tina Jamegarmi, Mohsen Sharifian e Habibb Meftah ou os galegos Daniel García, Óscar Ibañez, Emilio Rúa, Lucia Perez e Xabier Biscaíño fan parte deste proxecto, que inclúe temas como o Romance de Dona Ildara, Adelina, o Romance de Martín García ou Rogelio e a moza deshonrada. Canda a estes, o álbum presenta temas popularizados pola orquesta Os Padernes, como o Bicarelo do Bico do Brelo, con letra de Uxío Novoneyra. O músico apunta que a obra pretende achegar "sosego" aos oíntes actuais con estas composicións que se cantaban ao pé das lareiras.

O festival de Lorient será 'solar' grazas á calor dos 'celtas do sur' chegados de Galicia

Xénero: Folk | 4 / 6 / 2019

imaxe non dispoñible

"O outro Finisterre: ao final do camiño, a alegría e a calor dos celtas do sur", ese finalmente é o lema co que a 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, celebra a súa homenaxe á Galicia este vindeiro mes de agosto. Tal e como se anunciara xa o pasado ano este será un ano dedicado a Galicia. A nosa música, lingua e cultura, tamén a gastronómica, estarán presentes durante os dez días deste evento de referencia mundial na Bretaña francesa entre o 2 e o 10 de agosto. "A edición 2019 será solar, -asegura Lisardo Lombardia o director do festival- tanto dende o punto de vista da expresión artística como da convivencia e a festa." O desembarco de artistas e formacións galegas será un feito que salpica o programa do evento con presenza da nosa terra en diferentes formatos. Desde a cea de apertura, o mesmo día 2 de agosto na que participaran as pandereteiras de Xacarandaina e os pandereteiros Os do fondo da barra, a música do país estará moi presente neste evento que ten unha asistencia estimada de 750.000 persoas. Carlos Núñez, Mercedes Peón, Milladoiro e Xosé Lois Romero & Aliboria encabezan unha representación galega na que tamén estarán a Banda de Gaitas de Forcarei, José Manuel López Josele, Abraham Cupeiro, Suso Vaamonde, Pablo Seoane, Begoña Lorenzo, Bouba, Xirandela, Davide Salvado, etc.

Surfing the Lerez amplíase en dous días na súa novena edición

Xénero: Miscelánea | 20 / 5 / 2019

imaxe non dispoñible

O festival Surfing The Lérez xa ten cartel da súa novena edición, presentada recentemente na súa cidade, Pontevedra. Este ano a cita musical crece de acordo co seu tirón e pasa a celebrarse en dúas xornadas que ocuparan a Illa das Esculturas con case vinte actuacións en dous escenarios, con bandas de primeira liña da escena musical galega e tamén nacional e internacional e cunha mestura de xéneros para todos os gustos aínda que cao predominante presenza do rock. Os días 21 e 22 de xuño pasarán por Pontevedra os neocelandeses Labretta Suede & The Motel Six, Heredeiros da Crus, The Sex Museum, Basanta, Familia Caamagno, Thee Blind Crows, Malkeda, Ortiga, Maneiro, Holywater, Anaut, Rayo taser e a escola de rock de Paredes de Coura, entre outros. A entrada será de balde como sempre cun programa de recollida da organización redeAxuda en forma de produtos alimentarios ou de hixiene.

Unha praza en Ourense para a Coral de Ruada

Xénero: Coral | 9 / 5 / 2019

imaxe non dispoñible

Desde hoxe mesmo unha praza da cidade de Ourense leva o nome de Praza Coral de Ruada en homenaxe da cidade a esta agrupación centenaria. A praza situada na confluencia da rúa Xoán de Novoa e a Avenida de Bos Aires da capital provincial será a que lucirá o nome deste colectivo que recentemente celebraba os seus cen anos de vida e actividade cultural e que era obxecto dun expediente de honra aberto por acordo dos catro grupos políticos con representación municipal e contando co apoio de 1.800 persoas que se sumaron a esta proposta, igual que numerosas asociacións e entidades culturais. O alcalde, a Corporación e representantes da Coral participaron nos actos que se desenvolveron primeiro no salón de plenos e posteriormente na propia praza. Nesta descubriuse a placa que lle dá o nome da Coral de Ruada "como mostra de recoñecemento e gratitude da nosa cidade a unha das agrupacións máis senlleiras e queridas, a nosa provincia. Unha fonte inesgotable de amor á nosa música, á cultura galega e as nosas tradicións, embaixadora da nosa terra en todo o mundo, sinal identitario e sementadora de paixón por Ourense e de paixón por Galicia", sinalou o alcalde.

Dios ke te Crew retrata a súa madurez en O Ciclo da Serpe

Xénero: Hip-Hop | 7 / 5 / 2019

ciclo_da_serpe_diosketecrew.jpg

Logo de oito anos desde o seu anterior traballo e de se dedicar a diferentes proxectos persoais, os membros de Dios ke te crew, grupo de referencia do hip-hop galego, lanzan o seu novo disco conxunto. O Ciclo da Serpe preséntase ao público cun concerto o vindeiro 11 de maio na compostelá Sala Capitol e achega dezaseis cortes nos que o grupo mantén o seu carácter de intervención social. Cuestións como o ascenso da ultradereita, os refuxiados, as drogas, a reivindicación da liberdade de expresión, as redes sociais ou a xestión do lixo son abordados coa habitual sátira e retranca en letras traballadas que amosan a madurez do conxunto.

Mercedes Peón finalista a mellor disco europeo do 2018 para a revista británica Songlines

Xénero: Fusión | 24 / 4 / 2019

imaxe non dispoñible

A revista musical británica Songlines, especializada en músicas do mundo, tradicionais e fusión, e cunha tiraxe en papel de 20.000 exemplares ven de colocar o disco Déixaas(Fol Music, 2018) de Mercedes Peón como finalista entre os catro albumes seleccionados como os mellores da música feita en Europa no pasado ano. Do traballo feito en Songlines recoñece os límites cruzados por Peón en canto aos canons do tradicional e dí: "Mercedes Peón presta á música popular galega unha nova imaxe e carácter contemporáneo. O seu quinto álbum afástase dos arranxos tradicionais en favor dunha paleta de sons que van desde o heavy metal ata o minimalismo abstracto, sobre a cal ela fai xemer con desinhibición a súa poesía enfeitizadora". A portuguesa Mariza, a banda danesa Dreamer’s Circus e o violinista británico Sam Sweeney so os outros tres finalistas nesta categoría europea. O vindeiro 10 de maio coñecerase a decisión do xurado conformado por un panel internacional de xornalistas especializados.

Xacobe Martínez Antelo presenta 'Capturas'

Xénero: Jazz/Blues | 23 / 4 / 2019

XMA_Trio_capturas.jpg

O contrabaixista compostelán Xacobe Martínez Antelo presenta o seu novo traballo discográfico como líder de formación. Capturas (autoeditado, 2019) é o segundo disco gravado en formación de trio, existindo outros dous gravados en formación de cuarteto e quinteto. O batería Max Gómez repite nesta formación con Martínez Antelo e complétase o trío co saxo tenor de Xosé Miguelez. Capturas presenta oito temas de composición propia de Xacobe Martínez. Un traballo profundo, maduro e que está ancorado no rpesente como o demostran os títulos das pezas, desde A política lingüística de Alberte co que abre o disco a Conciliade malditos, Non alimenten ó Troll ou O precariado. Composicións todas elas orixinais e inspirada en feito cotiáns e realidades agresivas que forman parte do actual contexto vital. O disco, presentado en formato digi-pack, foi gravado, mesturado e masterizado este pasado mes de marzo nos estudos Savik Sound de José Trincado, "Triqui", un sitio habitual de músicos de jazz e onde Martínez Antelo xa ten gravado outros traballos. O disco está en plataformas dixitais e pode adquirirse no web de Martínez Antelo.

Xoán Curiel presenta o libro-cd 'Canta, miña pedra, canta' dedicado a Antonio Fraguas

Xénero: Infantil | 16 / 4 / 2019

Curiel_cantaminapedra.jpg

Cun título sacado dunha cantiga recollida preto da casa de Antonio Fraguas, Xoán Curiel presenta o disco Canta, miña pedra, canta (Sonárbore, 2019), un traballo dirixido ao público infantil e baseado na vida e obra do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Curiel ofrece nas once pezas deste libro-cd un percorrido pola tradición popular recollida en Cantigueiro de Cotobade e tamén con letras creadas para que os nenos e nenas coñezan o mestre galeguista, inseridas en sons que presentan sons tradicionais e outros máis modernos. O disco gravouse en Gourmet Sound estudio e conta con moitas colaboracións nas voces e instrumentos como a de Sérgio Tannus que engade sonoridades do Brasil en dous temas, país traído ao libro porque o pai de Fraguas tivo que emigrar a el. Curiel non dá puntada sen fío e para cada tema do disco acha unha conexión co mestre Antonio Fraguas e a súa obra.

<< Inicio / Anterior . 311 a 320 de 1395 . Seguinte \ Fin >>