Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Os Amigos do Músicos presentan o disco 'Segundo fogar'

Xénero: Pop | 15 / 4 / 2019

segundo_fogar_OADM.jpg

Os Amigos dos Músicos achan novo fogar nun novo disco. Case tres anos despois do seu disco de debut (Os Amigos dos Músicos, Gran Derby Records 2016) a banda ourensá presenta estes días tanto en plataformas dixitais como en tendas o novo traballo Segundo fogar (Todomedre,2019). A banda que conseguiu facerse un oco na escena pop do país entrando en numerosos carteis de festivais e conseguindo o Premio Martín Códax en 2017 na categoría POP/Indie aumenta a súa aposta por un son máis folk, aínda que mantendo bases do pop, en galego e apegado á terra e a tradición as través dos dez temas que conforman este traballo. O disco do sexteto (Jaime Mateo, Arcadio Nóvoa, Raúl Diz, Daniel Alonso, Druso Pedrouzo, Álvaro A. Rivera.) preséntase ao igual que o primeiro como un traballo de gran coherencia sonora e virtuosismo instrumental, no que as composicións corren a cargo de varios dos seus seis compoñentes. Nunha delas, Bicarelo, ademais tiran para a letra dun poema do poeta Uxío Novoneyra. O primeiro concerto onde o grupo defenderá en directo Segundo fogar será en Lugo, o 18 de maio dentro do programa do FaCeLa fest.

Familia Caamagno presentan o seu novo disco 'Había que intentalo'

Xénero: Pop | 12 / 4 / 2019

familiacaamagno_habiaque.jpg

Como xa ocorrera co seu anterior traballo discográfico, os sigüeiráns Familia Caamagno elixiron a Sala Capitol de Santiago para a presentación do seu novo traballo Había que intentalo (Folc Records). Estes sábado 13 de abril a banda convocará aos seus fieis e celebrar a ocasión oficialmente, acompañados ademais por outra banda da corda, os Oh Ayatollah!. A banda de power pop en galego mantén a súa liña sonora bailable, divertida e chea de enerxía e a súas letras contemporáneas apegadas ao territorio e á vida real. O novo álbum, que xa está nas plataformas dixitais, está formado por oito cancións e máis un bonus track, cos que achegan novos himnos, coma Castromil, O peor non son os cartos ou Un día espectacular. Dialogando cos seus discos anteriores, continuístas no rock & roll de inspiración 60’s pero cun afán renovador: Tabernas e rotondas, Cocogualla e Proceso Soberanista. O novo traballo, o terceiro disco editado pola banda, está gravado entre os días 2 e 7 de febreiro nos estudios Circo Perrotti de Xixón. Ao igual que os dous anteriores está producido, mesturado e masterizado por Jorge Explosión, agás o corte Canción Moderna de Occidente, que está producido, gravado e mesturado por Hevi no Laboratorio Soyuz e masterizado por Cem Oral en Jammin’ Masters (Berlín) en maio de 2018.

Faia debuta en solitario con Ao cabo leirín

Xénero: Fusión | 9 / 4 / 2019

cabo_leirin_faia2.jpg

Faia Díaz Novo, membro de De Vacas, o Coro Encaixe ou Apatacón acaba de iniciar a súa carreira en solitario. Ao cabo leirín é o título do primeiro disco de Faia, un lanzamento de seis temas no que a voz, a interpretar cantigas de feitío tradicional, aparece como protagonista absoluta. Acompañána ambientes sonoros contemporáneos que se desesnvolven en colaboración con Hevi, de Fluzo e Malandrómeda, a crear un innovador contraste. O proxecto complétase coas videocreacións de Sara Traba que acompañan cada unha das cancións. O álbum pódese escoitar íntegro no web da artista, onde tamén se poden ver os vídeos correspondentes a cada tema.

O 17° Ribeira Sacra Festival presenta artistas e espazos para a súa terceira edición

Xénero: Miscelánea | 5 / 4 / 2019

imaxe non dispoñible

O festival 17° Ribeira Sacra deu hoxe a coñecer o seu cartel de artistas confirmados para a programación Paisaxe desta terceira edición, a falta dalgunhas “sorpresas” que aínda poidan chegar, segundo Carlos Montilla, director do 17° Ribeira Sacra. Entre o 18 e o 21 de xullo Terán lugar en oito localizacións diferentes os 13 concertos das sesións Paisaxe desta terceira edición. Tres adegas, o parador de Monforte, o miradoiro de Santiorxo, a reitoral de Gundivós a Praza de España de Chantada e o barco catamarán de Doade acollerán estas actuacións. O cartel artístico "aposta pola variedade e a diferenciación" nun contexto de saturación de festivais no que, Segundo Montilla o 17° Ribeira Sacra non quere presentarse como "un festival temático" e ademais preséntase cun concepto afastado dos eventos masivos buscando un público diferente tamén. O arxentino Kevin Johansen, o estadounidense Jonathan Wilson e a a veterana banda de rock Los Enemigos encabezan as propostas este ano. Tamén están as galegas Marem Ladson e Cora Velasco, Enric Montefusco, McEnroe, Delafé, Jacobo Serra, Champs, Alberto&García, 39th& The Nortons e Soledad Vélez, esta última será quen dará o concerto a bordo do catamarán. Hoxe ás 20:00 horas dá comezo tamén no mesmo lugar da presentación, a fundación DIDAC de Santiago, o ciclo de concertos 17° Delicatessen, antesala do festival, coa actuación de Santi Araújo en entrada libre ata completar aforo.

A Gramola Gominola presenta en Pontevedra o seu terceiro disco

Xénero: Infantil | 5 / 4 / 2019

Bravas_capa_gramolaG.jpg

No marco do XIX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, o grupo A Gramola Gominola presenta este sábado 6 de abril o seu novo traballo de música infantil: BRAVAS. O REXURDIR DA LUZ (Sonárbore, Ed. Galaxia). A banda de rock ofrecerá un concerto a partir das 19.00 horas no Pazo da Cultura para dar a coñecer e iniciar a distribución deste terceiro traballo da banda que gañou o Premio Martín Códax da Música 2018 ao mellor grupo de música infantil, que se lle entregou no mesmo recinto onde mañá presentan este traballo. Segundo comunica a formación, o libro-disco, pon en valor ás Superheroínas que tratan de cambiar o mundo cos seus superpoderes. As protagonistas de BRAVAS. O REXURDIR DA LUZ, ilustradas por Iago Araujo, viven mil aventuras. A Megatronca, a Lebre Chouteira, a Superlingua, Paz, a Banda Pica Pica e moitas máis empregan os seus poderes para loitar contra o abuso escolar, defender a lingua, protexer a natureza e visibilizar as emocións. A Gramola Gominola nace en 2015 como unha banda de auténtico Rock&Roll en galego para público cativo. Eles son Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos). Trala estrea de Pontevedra, a banda presentará o novo proxecto o 21 e abril, ás 18.00 horas, no Teatro Colón da Coruña.

O 8º Galegote Rock volve a facer de Pontevedra a capital da música en galego

Xénero: Miscelánea | 4 / 4 / 2019

imaxe non dispoñible

O vindeiro 25 de abril volverá a Pontevedra o Galegote Rock, a aposta máis forte pola música en galego no país. O festival alcanza este ano a oitava edición e entre o día 25 e o 27 ofrecerá numerosos concertos tanto nas rúas como no interior de locais tendo todos eles como común denominador o uso da lingua galega na música. O Parque das Palmeiras acollerá por vez primeira algúns dos concertos do programa entre os que destacan na cabeza do cartel as actuacións de Malandrómeda, Terbutalina, Oh!Ayatollah e Chicharrón. Actuarán tamén seis bandas do programa Xeración Sónica, compostas por adolescentes de 12 a 16 anos que cantan en galego. O cartels deste 8º Galegote Rock ofrecerá ademais propostas moi variadas en canto a xéneros musicais coa presenza de música rock, rap, electrónica, funk, etc. A sala Karma e El Pequeño seguen a ser locais de referencia neste festival urbano no que tamén haberá concertos en A Taberna do Jazz e O Diaño. O xoves 25 de abril haberá unha obra de teatro musicalizada, Ele e Dylan: As flores solitarias, en A Taberna do Jazz.

Xacarandaina recupera gravacións inéditas polos seus corenta anos

Xénero: Folk | 4 / 4 / 2019

40anos xacarandaina.jpg

Unha selección de músicas gravadas ao vivo, material descartado doutros álbums ou proxectos que non chegaron a ver a luz compoñen o disco 40 anos Xacarandaina. A formación de música tradicional coruñesa celebra o seu aniversario con este lanzamento, no que se poden escoitar desde a Danza de Bergantiños, gravada ao vivo en 1981 nun festival bretón, ata gravacións do pasado ano que permiten verificar a evolución do grupo de música e baile tradicional ao longo do tempo. Ademais, inclúense temas rexistrados en 1990 na que se considera a primeira gravación moderna dun grupo de pandeireteiras para un disco.

A AS-PG publica Pondaliana, quince poemas musicados do Bardo de Ponteceso

Xénero: Miscelánea | 28 / 3 / 2019

pondaliana_cd.jpg

En 2017, a coincidir co centenario da morte de Eduardo Pondal, a Sociedade Cultural Medulio de Ferrol realizou un concerto no que se presentaron versións musicadas de textos do Bardo de Ponteceso. Dous anos despois, a Asociación Socio Pedagóxica Galega recupera aquel repertorio no CD Pondaliana, un álbum que recolle quince temas con letra de Pondal e música de diferentes autores e que ve a luz en colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística. Xoán Padín, Lidia Piñeiro, Alberte López Porta e Roberto Vázquez nas voces, Andrés Pazos Bellón co piano, Alberte Maceiras á gaita, Alberte Núñez co acordeón diatónico, Soraia García Riveiros á frauta, Marta Varela Porto a achegar o óboe, Pablo Salgueiro Alonso na percusión, Víctor Gacio co baixo, Marcos Sánchez coa marimba e Cabe García na guitarra eléctrica son algúns dos creadores que participan desta iniciativa.

Magín Blanco leva A nena e o grilo máis aló no seu novo libro-CD

Xénero: Infantil | 26 / 3 / 2019

nena_grilo_mais_alo_magin_blanco2.jpg

Logo de matar sen querer a Xertrude a Araña, os protagonistas aventúranse no Alén para rescatar a súa amiga. Este é o argumento de A nena e o grilo máis aló, último libro-CD de Magín Blanco que publica a editorial Galaxia. Blanco recupera os seus personaxes para unha nova aventura da que é unha das sagas máis exitosas da música galega para público infantil. Para alén das cancións, a obra inclúe tamén o texto da adaptación teatral que realizou Pepablo Patinho para Teatro dos Ghazafelhos sobre esta historia, que se atopa en plena xira. O espectáculo, que conta con música ao vivo. O volume complétase coas ilustracións de Luz Beloso.

Mileth debuta con Catro pregarias no albor da Lúa Morta

Xénero: Fusión | 25 / 3 / 2019

catro_pregarias_mileth_capa.jpg

Voces guturais, ritmos acelerados e guitarras distorsionadas combinadas con cantareiras e instrumentos tradicionais. Esta é a orixinal proposta que o grupo Mileth integra como Metal Pagán Galaico e que acaba de presentar no seu primeiro álbum, Catro pregarias no albor da Lúa Morta. A banda mariñá achega nove temas con títulos como O Son do buxo baixo a sombra do Xistral, Esperta, letárxica e erma fraga!, Mitolóxica errante: Ith ou De bruma e salitre, single de presentación do que acaban de presentar vídeo.

<< Inicio / Anterior . 321 a 330 de 1395 . Seguinte \ Fin >>