Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O festival Revoltallo de Valladares abre hoxe a súa XXVIª edición

Xénero: Rock | 6 / 9 / 2019

imaxe non dispoñible

O festival Miudo fest de música para cativos presenta o seu cartel

Xénero: Infantil | 28 / 8 / 2019

imaxe non dispoñible

Malia que son algúns os festivais de música que engaden actividades para cativos, só existe un en todo o país que está pensado exclusivamente para esa xente estatura media e gustos propios, ese é o Miudo Fest, en Mos (Pontevedra). A cuarta edición deste festival xa ten cartel e terá lugar os vindeiros 14 e 15 de setembro (sábado e domingo) na Sala Rebullón do no Territorio Cultural As Pedriñas en Tameiga. Alí reuniranse algunhas das mellores ofertas musicais para cativos que a escena galega ten, e que demostran ademais a vitalidade desta opción musical no país. A Gramola Gominola é cabeza de cartel na tarde do sábado, compartindo escenario con A Banda dos Insectos, Antón Ke (ukelele de batea ) e o reggae de Elephants Yard. O domingo estarán o mago Marco e Cé Orquestra Pantasma.

A gaiteira María López gaña o prestixioso certame Mac Crimmon

Xénero: Folk | 7 / 8 / 2019

imaxe non dispoñible

No marco desta edición do Festival Interceltique de Lorient dedicada á cultura galega a gaiteira coruñesa María López Carballo ven de deixar a súa marca ao gañar o prestixioso certame Mac Crimmon de gaita que enfronta a intérpretes galegos con asturianos desde 1986. Esta é primeira vez que unha muller galega gaña este trofeo (unha asturiana o gañou en 2010) e a duodécima que o premio cae en mans galegas neste certame que leva xa 34 edicións. Segundo informa InfoAstruries a final quedou nun empate entre María López e o asturiano Fernando Vázquez Cárcaba que se resolveou xa que as normas ditan que nestes casos a persoa máis nova leva o trofeo e a galega conta só 14 candeas polo de agora. A coruñesa presentou un amplo repertorio con temas tradicionais galegos, asturianos e bretóns. María López enpezou os seus estudos musicais con seis anos na Escola de Música Bellón Maceirase ten tocado xunto a Carlos Núñez e Susana Seivane.

O Premios Rebulir recoñecen á Coral De Ruada, 'Morris' e Rosa Cedrón

Xénero: Folk | 30 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

A Coral de Ruada, o actor Antonio Durán ‘Morris’ e a músico Rosa Cedrón fixéronse merecedores este ano de cadanseu Premio Rebulir de Cultura Galega nas modalidades de Premio Homenaxe, Artes escénicas e Música Galega, respectivamente. Os premios outorgados pola Asociación Cultural Rebulir, de Ramirás (Ourense) supoñen un recoñecemento a persoas/colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura tradicional nas súas diferentes manifestacións. A entrega do premio faise no marco da Gala central do FIR (Festival Internacional Rebulir) que este ano chega á súa XIVª edición en decembro e consiste na entrega dun diploma acreditativo e dunha estatuílla que sempre elabora algún artesán ou artista galego. Un xurado decidiu os nomes dos premiados de entre unha lista de finalistas que foi sometida previamente a votación popular entre os membros da asociación.

O Xº Espazos Sonoros percorrerá enclaves de valor patrimonial con propostas didácticas e musicais

Xénero: Antiga | 26 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

A décima edición do ciclo Espazos Sonoros presentou o seu programa de concertos e actividades que comezarán o día 1 de setembro co grupo Cantaderas na igrexa de Santa Liberata, na vila de Baiona, cun programa que mestura música vocal da Idade Media con outras procedentes da tradición oral, tratando así de recuperar uns repertorios que, en grande medida, caeron no esquecemento. Serán en total oito xornadas en outros tantos lugares escollidos polo seu valor patrimonial nas catro provincias galegas. Sete deles son espazos relixiosos e un, o Pazo do Faramello en Rois (A Coruña) é un espazo civil vencellado ao patrimonio industrial. Santa María de Penamaior, Santa Cristina de Ribas de Sil, Santo Estevo de Chouzán, a Fundación Fernando Blanco de Lema, o devandito Pazo do Faramello aocllerán esteas actuación e nalgúns casos tamén as actividades previstas. A música a porán, ademais de Cantaderas, o Dúo Fracanapa, Michael Schöch, Mateo Arnáiz ou Capella de Ministrers entre outros. O 8 de outubro pecharase esta décima edición.

O Museo do Mar de Galicia acollerá un novo ciclo de concertos ao atardecer

Xénero: Miscelánea | 18 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

A Xunta de Galicia ven de presentar no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, o novo ciclo de concertos: Solpores do Museo, unha proposta que aproveita os espazos públicos como contexto e escenario de actuacións musicais ao caer á tarde, ao xeito que xa ocorre en Santiago na Cidade da Cultura de Galicia co Atardecer no Gaiás. Agora a Xunta e Galicia traslada a Vigo esta idea usando para iso as instalacións dunha das súas infraestruturas na cidade, o Museo do Mar de Galicia na punta do Muíño da parroquia de Alcabre. No relativo á proposta musica coordinan o ciclo Juan Rivas e Manuel Araújo, que ofrecen un cartel cuxo principal obxectivo é poñer en relevo os traballos artistas locais, tanto emerxentes como consagrados, mediante unha programación transversal, que una a estes con artistas de traxectoria consolidada no panorama nacional. Os concertos, que se desenvolverán no serán, terán como marco o espectacular solpor na Ría de Vigo, unha estampa que gaña valor coa calidade arquitectónica do edificio do Museo do Mar, obra dos arquitectos Cesar Portela e Aldo Rossi.

Dor na música tradicional polo pasamento de Santiago Caneiro

Xénero: Folk | 16 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

Sucédense con pesar dende onte as despedidas a Santiago Caneiro Aneiros, que faleceu aos 58 anos de idade. O seu pasamento chegou con especial calado ao eido da música tradicional onde a súa labor de décadas non deixou de ser recoñecida e apreciada. Caneiro foi profesor da Escola de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón, director durante máis de dez anos da Banda de Gaitas de Narón, fundador do Obradoiro de construción de instrumentos tradicionais do mesmo Padroado e presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos entre 1993 e 2015 para pasar despois ao posto de Presidente de Honra da asociación. A súa dedicación e activismo no eido da música tradicional marcou diferenzas "desempeñando unha importante tarefa ao longo da súa vida en canto á recuperación da música tradicional galega en xeral e da gaita e da percusión en particular", segundo recoñece nun comunicado a alcaldía de Narón neste lutuoso momento. A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, trasladou o pésame do Concello e do propio Padroado da Cultura aos familiares e ás amizades de Santiago Caneiro destacando a súa gran contribución a impulsar a música e a cultura galegas nas últimas catro décadas. A mandataria naronesa agradeceu en nome da corporación a "intensa aportación de Santiago Caneiro ao Padroado da Cultura de Narón e á música tradicional galega en xeral, deixándonos un importante legado a través da súa profesionalidade", ao tempo que lamentou "a gran perda que supón o seu pasamento, unha destacada figura do panorama musical galego é á que sempre recordaremos con gran agarimo nesta cidade".

A Banda da Balbina saca a tortilla a bailar en 'Con Cebola ou Sen Cebola'

Xénero: Fusión | 15 / 7 / 2019

Balbina_cebola.jpg

Non fuxen do debate, o sacan a bailar. Tres anos despois do seu disco Convertindo Cuncas en Ferrados (Sonaxe Records, 2016), A Banda da Balbina volve rexistrar en soporte de CD novos temas que se engaden ao seu repertorio festeiro co que non deixaron nunca de animar nos seus concertos. En Con Cebola ou Sen Cebola (Sonaxe Producións, 2019) o quinteto presenta once novos temas acaídos do seu estilo, con influencias da música latinoamericana sempre interpretada desde a tradición galega máis verbeneira. Desde o propio nome do disco e da canción que o abre, ata od eselño gráfico no que o CD presenta imaxe de tortilla, a banda demostra unha vez máis as súas ganas de entrar na diversión a través do humor. Ese gusto polo humor e a festa non quita senón que engade na súa proposta musical, apta para todos os públicos que estean dispostos a bailar e participar da festa. Sons mexicanos -A Chorona-, portugueses -Uma casa portuguesa- , caribeños -Pandeirada-, ou ska –O retornado- e sempre o “trad” máis fresco para tirar dos corpos cara ao baile. O disco xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais.

Carlos Núñez fai xira este verán por enclaves patrimoniais con encanto

Xénero: Folk | 2 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

O Parador de Baiona acollerá no solpor do vindeiro día 13 o inicio dunha xira moi especial do músico vigués Carlos Núñez, un dos abandeirados destacados a nivel internacional da música galega de raiz. Baixo o nome "Lugares máxicos" Núñez levará a súa música a catorce sitios especiais de grande valor patrimonial e histórico, moitos deles en chan sacro, e tanto dentro das catro provincias da comunidade galega como fóra delas. O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra) é outro dos dez concertos que poderemos ver no país e que será a segunda data deste percorrido, o día 14. O músico escolleu, como xa fixera o pasado ano, lugares moi especiais para encontrarse co público creando atmosferas “máxicas”. O día 25, coincidindo co Día da Patria Galega , o músico actuará no Claustro dos Bispos do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil en Nogueira de Ramuín (Ourense). Ademais, ata o vindeiro día 13 de agosto, Núñez tamén pasará pola Igrexa de Santa María de Abades en Silleda; a de San Martiño en Noia; o Mosteiro de Oseira; Catedral de Mondoñedo; Castelo de Monterrei e finalmente o Mosteiro de Meira, en Lugo. O vigués alternará tamén estes concertos con outras citas fóra de Galicia e de España, coas que pasará por Madrid, Barcelona, Fez (Marrocos) , Francia ou Suíza, antes de dar o salto en outubro cara a Arxentina.

O 17° Ribeira Sacra presenta o programa 'Patrimonio' encabezado por Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre

Xénero: Miscelánea | 1 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

O festival 17° Ribeira Sacra xa está a finalizar os detalles da súa edición deste ano. Se en abril presentaba o cartel de artistas que participarán na primeira das fins de semana que abarca, 17° Ribeira Sacra Paisaxe entre o 18 e 21 de xullo, agora xa desvelou as actuacións e actividades previstas na segunda fin de semana e que teñen que ver coa parte ourensá do festival englobadas como 17° Ribeira Sacra Patrimonio durante os días 26 e 27 de xullo. As actividades incluídas dentro de 17° Patrimonio terán lugar en espazos patrimoniais e de gran valor natural: o Castelo Castro Caldelas, o Parador de Santo Estevo, o canal do río Sil (a actuación será no catamarán), o Mosteiro de Santa Cristina de Concello de Ribas de Sil e A fabrica da luz. Aí actuarán artistas como Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, María José Llergo, Os Amigos dos Músicos, Benxamín Otero & Germán Díaz, Aldaolado e Allova.

<< Inicio / Anterior . 301 a 310 de 1395 . Seguinte \ Fin >>