Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Vinte e seis agrupacións musicais actuarán en 55 concellos de Pontevedra grazas ao programa Musigal

Xénero: Miscelánea | 15 / 3 / 2021

imaxe non dispoñible

Ata 55 concellos pontevedreses de menos 50.000 habitantes chegará este ano a música de 26 agrupacións musicais galegas de diferentes estilos a través do programa Musigal, impulsado pola Deputación provincial para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego. Andrea Pousa será a encargada de abrir a programación deste ano cun concerto que terá lugar o 9 de abril en Tui, mentres que a última cita será o 18 de decembro na Illa de Arousa, con Leilía.

A Banda da Loba homenaxea a Xela Arias a musicar Intempériome

Xénero: Pop | 8 / 3 / 2021

imaxe non dispoñible

Intempériome é o título do videoclip que acaba de publicar A Banda da Loba a musicar unha mestura de textos de Xela Arias. A letra combina versos de cinco poemas diferentes da obra do mesmo título da autora e gravouse nos estudios Abrigueiro de Arturo Vaquero. Segundo explica a banda, o tema "fala de deixar atrás o aprendido, os prexuízos e os estereotipos, e avanzar cara o auto-recoñecemento para sermos a persoa que queiramos ser. Os coidados e a liberdade... a base fundamental". O tema contou co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e intégrase nas propostas da Consellería de Cultura para o Día das Letras Galegas dedicado á autora.

Zumaque preséntase por todo o alto Silván

Xénero: Folk | 2 / 3 / 2021

imaxe non dispoñible

Ter situado o seu primeiro traballo, Silván, como candidato en todas as categorías dos Premios Opinión de Música Folk amosa o potencial da banda compostelá Zumaque. O trío formado pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec, o contrabaixista Alfonso Calvo e o clarinetista Pablo Pascual, explora novas sonoridades para os ritmos tradicionais no seu álbum de debut. Instrumentos pouco convencionais como son a harpa, o clarinete baixo e o contrabaixo, achegan toques de jazz ás catorce pezas do disco, que lanzaron no final de 2020 e que están a presentar por todo o país.

Néboa afonda na fusión con A realidade enganosa

Xénero: Fusión | 22 / 2 / 2021

realidade_enganosa_neboa.jpg

Logo de o presentar en BandCamp, está a saír do prelo este mes de febreiro a edición en vinilo de A realidade enganosa, primeiro álbum dos catoirenses Néboa. O quinteto formado por Aloia López Ferro, Jacobo García Lafuente, Tomás Porteiro Abuín, Sandra Pérez Míguez e Lucas M. Suárez de Centi afonda na aposta por unha fusión sen límites logo de varios EPs e singles. Indietrónica, música tradicional galega, poesía elíptica, jazz de vodevil, pop alternativo, canción de autor e pop internacionalista son influencias que a banda reivindica na presentación do seu traballo, que conta con dez temas cos que "compoñen un cadro de puro minimalismo pop, con trazas que nos levan ata o pop alternativo máis experimental e sons que repiquetean no máis fondo da canción de autor tradicional".

A Orquestra Galega de Liberación leva a improvisación ao disco

Xénero: Miscelánea | 18 / 2 / 2021

orquestra_galega_libertacion_capa_1.jpg

O traballo de dezaseis músicas e músicos a improvisar baixo a dirección de Xacobe Martínez Antelo, rexistrado ao vivo na forma de dez temas. Este é o contido do primeiro álbum da Orquestra Galega de Liberación, unha formación que se deu a coñecer o pasado mes de setembro de 2020 en Compostela no marco do Festival de Artes Performativas Plataforma. Segundo explica a presentación do álbum, do mesmo nome que a banda, "toda a música deste concerto foi improvisada no momento e composta a tempo real mediante técnicas de improvisación dirixida. Ningún material viña pactado, aprendido, ou composto previamente. O noso primeiro disco é o concerto íntegro de principio a fin". A formación reúne nomes chegados do jazz, a música clásica ou a performance, como Max Gómez, LAR Legido, Javier Pereiro, Olivier Cano, Xosé Miguélez, Sheila Patricia, Elena Vázquez ou Macarena Montesinos.

Timparrantela preséntase con Se te quixen foi polos grelos

Xénero: Folk | 11 / 2 / 2021

timparrantela_grelos.jpg

Desde Ourense chega Timparrantela, unha formación que aposta pola fusión desde a música tradicional cunha perspectiva poética e reivindicativa. Lorena Sotelo (voz), María Blanco (violino), Olalla Rodríguez López (clarinete), Olalla López Rodríguez (saxo), Olga Brañas (piano), Raquel Huete (tuba) e Marta Figueiredo (percusión) presentan o seu primeiro traballo logo de tres anos de actividade.

Agadic convoca axudas para programación musical en salas privadas

Xénero: Miscelánea | 1 / 2 / 2021

imaxe non dispoñible

A Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC, ven de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases da convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas dentro da programación do Xacobeo 2021. As axudas que se concederán nun réxime de concorrencia non competitiva contan cun orzamento total de 800.000 euros e mañá abrese o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 1 de marzo. Non obstante a premura na presentación de solicitudes é case un requisito xa que, unha vez esgotado o crédito na contía máxima fixada nas bases, non se admitirán novas solicitudes aínda que a publicidade desta circunstancia se produza con posterioridade. Entre os requisitos a cumprir os proxectos financiados deberán incluír unha programación mínima de 15 concertos, cun 70 % mínimo de grupos galegos, e cun orzamento mínimo do proxecto de 20.000 euros e desenvolverse integramente en Galicia nas datas comprendidas entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de outubro de 2021.

Abe Rábade comeza 2021 con Sorte, o seu décimo cuarto álbum

Xénero: Jazz/Blues | 22 / 1 / 2021

portada-Sorte-Abe-Rabade-Trio.jpg

Abe Rábade comeza 2021 cargado de proxectos. O pianista e compositor acaba de presentar, no formato trío, Sorte o décimo cuarto álbum da súa carreira. O disco conta con doce composicións orixinais nas que Rábade se acompaña de Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e de Bruno Pedroso á batería. Segundo a presentación da obra "coa suxerente idea-forza da Sorte como `grupo de elementos que emerxeron por medio do azar', cada peza do álbum representa un estado de ánimo ou unha fonte magnética de inspiración". Segundo o autor "o abano estético do material vai desde a música clásica ao blues, pasando pola influencia da música tradicional de Galiza, a experimentación tímbrica de vangarda e, por suposto, os elementos interactivos e espontáneos tan propios do jazz". Publicado por Nuba e Karonte, os doce temas do álbum estrutúranse en tres trípticos, "Sorte mística", "Sorte épica", "Sorte íntima" e "Sorte lúdica".

Pablo Sanmamed reinterpreta as Cantigas de Santa María en Ben Vennas Maio

Xénero: Jazz/Blues | 12 / 1 / 2021

BenVennasMaio_sanmamed_Capa_g.jpg

Unha revisión das Cantigas de Santa María que promoveu Afonso X a mesturar as linguaxes do jazz e da música medieval. Esta é a orixinal proposta que desenvolve Pablo Sanmamed en Ben Vennas Maio, o álbum que acaba de publicar aCentral Folque. O volume, que sae en formato vinilo acompañado por fotografías de Eutropio Rodríguez e textos de Alba Cid que dialogan coas letrasorixinais, achega dez temas que se centran nos temas das cantigas, a primavera, o maio e a muller. Begoña Olavide (salterio e voz), Elena Tarrats (voz), Xurxo Varela (viola de gamba), Iago Mourinho (piano), Chus Pazos (batería) e Carlos Castro (percusións) colaboran co contrabaixista e compositor que lidera este proxecto.

O dúo Acordeireta comeza a súa andaina con Loitar cantando

Xénero: Folk | 11 / 1 / 2021

Acordeireta_loitar_cantando.jpg

Co final de decembro de 2020 comezaron as presentacións de Loitar cantando o álbum de debut do dúo Acordeireta. Cos dous instrumentos que lles dan o nome como base, Patricia González Iglesias e Alejandro Balbuena Ojea achegan no seu primeiro traballo quince cortes que parten de formas tradicionais e inclúen unha versión do Deitado frente ao mar, de Celso Emilio Ferreiro, outra do poema Aperta de Carvalho Calero, e un tema dedicado a Rosalía de Castro. Segundo sinala o grupo na súa presentaicón "Decidimos emprender esta viaxe para amosar o noso agradecemento e facer homenaxe a moitas persoas que queremos e admiramos, e que a través da súa amizade, vivencias, ensinanzas, músicas e poemas, chegaron ás nosas vidas". Ritmos de festa e de loita que ven a luz da man de Inquedanzas Sonoras.

<< Inicio / Anterior . 221 a 230 de 1407 . Seguinte \ Fin >>