Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Os Resentidos presentan o primeiro disco de temas novos en 28 anos

Xénero: Fusión | 22 / 4 / 2021

disco_organizacionNautilus_Resentidos.jpg

Case 40 anos despois da súa formación (1982), Os Resentidos volven a presentar un disco de estudio, o primeiro desde Están aquí (DRO, 1993). Organización Nautilus (Altafonte) é o nome deste traballo que ven de ser lanzado onte e do que se foron amosando os primeiros videoclips nos meses pasados. Nautilus e Outro día máis sen ir ao mar (vídeo baseado nos debuxos do neno Anton Romero, un artista de 14 anos con Transtorno do espectro autista) son os títulos destes avances que xa deixan claro o aspecto da ollada cara o mar deste traballo moi apegado á súa cidade de orixe, Vigo, e ao imaxinario de Julio Verne e o seu Nautilus tamén relacionado coa cidade, ademais de parecer tamén nas súas letras a circunstancia pandémica e unha ollada crítica sobre cuestións da actualidade social e política.

Caamaño & Ameixeiras botan 'Aire!'

Xénero: Folk | 20 / 4 / 2021

Aire_caamano_ameixeiras.jpg

Aire! é o nome do primeiro disco de Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, dúo que baixo o nome Caamaño & Ameixeiras veñen mantendo actividade musical desde 2018. O traballo conta con produción do músico burgalés Diego Galaz, e con colaboracións tan destacadas como Sílvia Pérez Cruz, Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, Carola Ortiz, Pablo Martín, Apel•les Carod ou El Pana. O disco xa está dispoñible para adquirilo a través da súa web e veñen de lanzar o seu primeiro tema en videoclip, Florencio. O título fai referencia á figura imprescindible de O cego dos Vilares, creador e transmisor de músicas e historias populares que facía nacer do seu violín e da súa gorxa, e que espallaba despois polas aldeas e montañas da Fonsagrada. O vídeo é "unha homenaxe á tradición, ao popular, ás raíces. Ao poder e á verdade do simple e do auténtico".

Sumrrá presenta hoxe '7 visións' o seu disco máis existencial

Xénero: Jazz/Blues | 16 / 4 / 2021

7Visions_Sumrra.jpg

O Teatro Principal de Santiago acolle hoxe a presentación oficial en concerto do novo álbum do trío de jazz Sumrrá. SUMRRÁ 7 VISIÓNS (Clermont MUsic) é o sétimo disco desta formación que leva xa 21 anos sendo a punta de lanza do jazz en Galicia e unha das formacións máis coñecidas do xénero fóra da comunidade. O pianista Manuel Gutierrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido, dan a luz un novo traballo discográfico que supón a consolidación dunha forma única de entender a música ao vivo. O disco estará dispoñible en todas as plataformas a partires do 30 de abril.Marcado polo confinamento, unha das diferenzas con respecto aos anteriores traballos é ser o primeiro traballo da formación que se levou a gravar sen ter tocado os temas previamente ente público.

Verto publica Embora, o seu segundo álbum

Xénero: Pop | 9 / 4 / 2021

embora_verto.jpeg

Este nove de abril chegaba ás redes Embora, o segundo traballo do dúo Verto. Berto Mira e Fer Peleteiro afondan na súa aposta de technopop sen complexos, con frontes influxos dos anos 80, en catorce novos temas nos que o desamor marca o ton de moitas letras. Como contrapunto, ritmos alegres, toques funky como os de Que pensas?, solos de guitarra e autotunes manteñen o ton luminoso de temas como Quérote atopar ou Como Son Goku. Gravado na casa e autoeditado, o álbum foi masterizado por Cem Oral en Jammin’ Masters. Todos os temas están dispoñibles na rede en plataformas como Youtube ou Spotify. O grupo presentará o álbum o vindeiro 21 de abril cunha actuación no ciclo Lugo Cultural.

Xurxo Fernandes une as tradicións orais de Galicia e o Mediterraneo en 'Levaino!'

Xénero: Folk | 5 / 4 / 2021

PortadaLevaino-XurxoFernandes.jpg

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá este vindeiro venres, 9 de abril, a presentación do disco Levaino! de Xurxo Fernandes con todos os asentos dispoñibles xa ocupados. O artista coruñés, coñecido coma etnógrafo e investigador da tradición popular musical oral por formar parte de Radio Cos xunto a Quique Peón, reúne neste traballo discográfico música de raíz tanto galega coma mediterránea oriental con base sefardí que xa trataba desde o seu alter-ego Jako el Muzikante. Por vez primeira na súa traxectoria reúne ambas liñas de recollida tradicional e interpretación. O álbum presenta doce temas recollidos polo propio artista en lugares tan dispares coma Coristanco, Samakov, A Mezquita, Pakistán, Tordoia, Larache, Tel Aviv, Marrocos, Bulgaria, Turquía ou Thesalónika. Con eles, Levaino! percorre unha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidas que explicitan e manifiestan os vencellos entre ambas culturas e tradicións orais. Fernández acompáñase na grabación pola dulzaina e ventos de Pedro Lamas, as percusións de Rubén Montes, Rafa Morales no baixo e Roberto Comesaña nos teclados, aos que se engaden as voces e pandeiretas do grupo Pandeireteiras sen Fronteiros (PanSenFron).

Xoán Curiel e Iris Gey musican cantigas medievais en Treides comigo!

Xénero: Miscelánea | 29 / 3 / 2021

treidescomigo_xuriel_imaxe.jpg

"Unha revisión e unha abordaxe contemporánea" de cantigas medievais galegas vencelladas aos camiños de Santiago. Esta é a proposta que fan o músico Xoán Curiel e a filóloga e cantante Iris Gey no proxecto Treides comigo!, que acaban de presentar. Os once temas, que se desenvolveron co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21, están dispoñibles íntegros no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais de letras do período medieval, o álbum recolle tamén unha versión musicada do poeta muxián Gonzalo López Abente.

O proxecto Rosalía Cantada bota a andar cun primeiro disco

Xénero: Clásica/Lírica | 25 / 3 / 2021

Rosalia_Cantada_1_capa.jpg

Este 26 de marzo a sede da Fundación Rosalía en Padrón acolle a presentación de Rosalía Cantada (vol. 1 Música clásica). O barítono Eliseu Mera e o pianista Cándido Cabaleiro interpretarán ao vivo os temas desde traballo discográfico, nos que recrean pezas realizadas por compositores clásicos e contemporáneos como Xoán Montes, Xosé Baldomir, Antón García Abril, Juan Durán, Octavio Vázquez e Fernando Buide a partir da obra de Rosalía de Castro.

Guadi Galego gaña o certame 'aRi[t]mar galiza e portugal' á canción galega

Xénero: Pop | 24 / 3 / 2021

imaxe non dispoñible

Os máis de cinco mil votos do público emitidos no certame 'aRi[t]mar galiza e portugal' promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela determinaron que a canción de Guadi Galego Cólico é a gañadora polo mellor tema musical galego publicado en 2020. A canción da artistas de Cedeira forma parte do seu último lanzamento discográfico, Costuras. Esta edición contou coa participación popular máis alta de todas as do certame. O tema Quase Dança da lusa Cláudia Pascoal, foi o gañador en canto ao relativo ás musicas portuguesas no certame. Os seguintes temas galegos máis votados, foron os de Xoana por Anceios e o terceiro foi Pasei pola túa porta de Os D’Abaixo. No relativo ás músicas portuguesas os postos segundo e terceiro nas votacións foron para os temas Outras Línguas, de Bárbara Tinoco e para Miguel Araújo con A Incrível História de Gabriela de Jesus.

O Liceo de Ourense acolle a presentación do libro-CD Cantando a Carballo Calero

Xénero: Melódica | 18 / 3 / 2021

cantando_rcc_capa.jpg

A Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de presentar a edición en libro CD de Cantando a Carballo Calero. O álbum recolle dezaseis versións musicadas de poemas do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020, nove das cales xa se fixeran públicas no Portal Galego da Língua durante 2020. José Luís Fernández Carnicero foi o responsable da adaptación e da interpretación das músicas ao piano, con voz de Xico Paradelo na formación Agualevada.

Tito Lesende ponse á fronte da 'Consellería do ritmo' na Radio Galega Música

Xénero: Miscelánea | 17 / 3 / 2021

imaxe non dispoñible

Un novo formato de programa para recoller o rock e o pop feito en Galicia comezará este vindeiro 21 de marzo na canle pública Radio Galega Música. O novo espazo 'Consellería do ritmo', producido e conducido polo xornalista musical Tito Lesende, emitirase todos os domingos ás 22.00 horas e tamén estará dispoñible en formato podcast a través da web da Radio Galega e das plataformas habituais.

<< Inicio / Anterior . 211 a 220 de 1407 . Seguinte \ Fin >>