Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Tonhito de Poi reivindica a súa personalidade salvaxe en 'In-dios'

Xénero: Rock | 26 / 5 / 2021

in_dios_tonhito.jpg

Tonhito de Poi (Castiñeiras, 1969) volve sacar inspiración musical das súas experiencias selváticas e ven de presentar o seu terceiro traballo en solitario: In-dios (Autoeditado, 2021). Se das anteriores dúas viaxes a Amazonía xurdiron os traballos O soro da verdade(2013) e Non hai onde esconderse (2019) o ribeirán volveu ás selvas do Amazonas fai dous anos e trouxo unha reivindicación de si mesmo coma parte da comunidade india mundial que desemboca nos temas que foron gravados en estudio para este novo álbum. In- dios xa está dispoñible nas plataformas dixitais.

'Grande Amore' presenta álbum debut homónimo

Xénero: Rock | 21 / 5 / 2021

Grande-amore-portada-disco-1536x1536.jpg

Hoxe é o día de presentación oficial do álbum íntegro de debut de Grande Amore, nome artístico de Nuno García Pico para a súa proposta musical persoal máis alá de formar parte do grupo Oh! Ayatolah. O do Valadouro puxo título homónimo a este primeiro traballo no que reúne as cancións que xa leva un tempo presentando con outras a maiores ata completar os nove cortes do disco editado por Ernie Records. Nove cancións de calado post-punk, electrónicas e industriais que se sitúan conscientemente no rock underground e que que consegue darlle unha volta nova desde unha perspectiva moi persoal a unha postura musical e narrativa herdeira directa dalgunhas das propostas máis alternativas dos oitenta.

Trilitrate presentan 'Esta de grelo', o seu terceiro disco

Xénero: Folk | 20 / 5 / 2021

portada_ESTA-DE-GRELO_-TRILITRATE.jpg

O trío formado por Rubén Abad, Marcos Padrón e Elena Vázquez veñen de presentar o seu terceiro álbum Está de grelo, case cinco anos despois daquel Frutal Death, no que consolidaban os seu sentido experimentador folclorista de perspectivas universais. Neste novo traballo xurdido baixo o apoio do selo norteamericano Ropeadope e o selo barcelonés Gandula os Trilitrate ofrecen trece novos temas, maiormente instrumentais agás tres deles, nos que se manteñen nese espazo propio dando voltas arredor do folk, da música clásica e da contemporánea, no que experimentan sen limitacións de xéneros musicais. O disco ademais inclúe no formato físico un libro de receitas cos grelos, da man de Montse Piñeiro, responsable do deseño gráfico e das artes visuais. Está de grelo, xa está nas principais plataformas dixitais. Foi gravado e mesturado por Javier Ortiz en Estudio Brazil (Madrid) e por Ibán Pérez en Estudio Terraforma (Galicia).

Eloi Caldeiro presenta o seu disco de homenaxe a Xela Arias

Xénero: Rock | 19 / 5 / 2021

equilibro_tigres_arias_caldeiro.jpg

Dez poemas tirados dos poemarios Denuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos compoñen a homenaxe que Eloi Caldeiro lle presta a Xela Arias. O músico de sarria acaba de lanzar no selo Sons Galiza e no marco da colección "O son da palabra" o álbum O equilibrio dos tigres. O músico apostou por rock e pop con sonoridades dos anos oitenta ou polo blues para adaptar os versos da autora celebrada no Día das Letras Galegas. O proxecto, que conta co apoio do Concello de Sarria e da Consellería de Cultura, conta cunha tiraxe de 1.500 exemplares que saen á venda en formato libro-CD. Caldeiro realizou a adaptación e gravacion dos temas en apenas dous meses.

Pontevedra recupera a iniciativa Cabos Soltos

Xénero: Miscelánea | 14 / 5 / 2021

imaxe non dispoñible

O Concello de Pontevedra recuperou este ano a programación Cabos Soltos vinculada neste caso ao Plan Supera co obxecto de promover actividades que permitan reactivar o consumo na cidade. Cabos Soltos naceu en 2019 coma unha resposta desde o Concello aos problemas para a programación de concertos ao vivo nos locais da cidade ante os cambios na Lei de espectáculos de Galicia e como apoio á hostalería e á cultura local e neste 2021 volve en forma de xornadas técnicas coordinadas por Patricia Hermida da empresa Dotbeat, os días 19, 20 e 21 de maio, ademais da programación dun concerto "piloto" na praza da Ferraría o domingo 23 ás 13h a cargo de Ortiga.

Baiuca bota o seu 'Embruxo' folktrónico afondando na tribalidade máxica

Xénero: Fusión | 7 / 5 / 2021

Baiuca_embruixo.jpg

Embruxo (Raso Estudio) é o novo traballo de Baiuca, nome artístico co que Álex Gullán está rachar barreiras entre a música electrónica e tradicional e puxo en primeiro plano a etiqueta da 'folktrónica'. Hoxe xa sae á luz o traballo completo, o segundo tras aquel sorprendente Solpor (2018). Inspirado abertamente en cantigas e mitos o disco trae dez temas, nomeados no título cun substantivo único (coma no primeiro disco) e con connotacións claramente esotéricas e antropolóxicas: Meigallo, Veleno, Luar, Romaría, Conxuro, Lavandeira, Diaño, etc. A reinterpretación do son tradicional coas ferramentas da electrónica do século XXI non renuncia entrar na visión máis tribal do noso legado cultural. Tampouco renuncia á invitación ao baile, parte indiscutible desa tribalidade. Baiuca esconxura coa súa alquimia dacabalo entre o dixital e o analóxico, os samplers e as cantareiras, a parte máis máxica da nosa relación coa natureza e universo como galegos. Neste fito Baiuca fíxose acompañar por persoalidades tan potentes do novo folk coma o asturiano Rodrigo Cuevas, o percusionista Xosé Lois Romero, o frautista e gaiteiro Cristian Silva e o grupo de pandereteiras e cantareiras Lilaina, que achegan esa necesaria conexión coa cultura ancestral feminina das meigas a través das súas potentes voces. Segundo se comunica, Embruxo pretende converse nun exercicio" que redefina tanto o alcance da música tradicional como da electrónica de club e que resinifique os códigos da cultura ancestral galega". O artista presentará en concerto este novo traballo o vindeiro 21 de maio no Auditorio Mar de Vigo, dentro do ciclo TerraCeo e stá tamén confirmado dentro do Orballo Cultural na Costa da Morte, para o verán.

Os históricos Clunia reúnense para celebrar o 40 aniversario do Filloa Jazz

Xénero: Jazz/Blues | 30 / 4 / 2021

imaxe non dispoñible

Coincidindo hoxe coa celebración do Día Internacional do Jazz, establecido así pola UNESCO, o Teatro Colón acollerá un concerto histórico que reunirá de novo á formación Clunia Jazz, un dos proxecto referentes da escena jazz de Galicia e do resto de España desde 1982. Quince anos despois da súa última actuación, volven subirse xuntos a un escenario Nani Garcia, Baldo Martínez e Fernando Llorca, con Pablo Castano e Matthew Simon. Con todas as entradas xa vendidas os integrantes de Clunia reúnense este 30 de abril para levar a cabo un concerto de homenaxe aos 40 anos cumpridos en decembro do club coruñés Filloa Jazz, templo deste xénero na cidade herculina. O concerto estaba pensado inicialmente para levarse a cabo en xaneiro e tivo que ser adiado polas restricións vixentes nese momento, para recolocarse na axenda xustamente nesta data tan significativa. Malia ter completa a capacidade do espazo, o concerto pode seguirse tamén a través da plataforma TolemiasTV.

Silvia Penide transforma o chumbo en música co seu oitavo disco

Xénero: Cantautor | 27 / 4 / 2021

SPenide_dias_de_plomo.jpg

Los días de plomo é o título do oitavo disco de Silvia Penide, unha das cantautoras con máis presenza e percorrido da escena galega que gañou en 2020, por segunda vez, o Premio Martín Codax da Música na categoría de Mellor Canción de Autor. Neste disco, vencellado xa desde o título e a portada coa circunstancia pandémica, a autora ofrece seis temas, cinco deles novas composicións con letras que nos recordan o que estamos a vivir e que tamén miran cara o futuro, ás que engade unha nova versión do tema que dá nome ao seu anterior traballo, El efecto boomerang, e que nesta ocasión conta coa colaboración na voz de Víctor Manuel, un soño cumprido para a cantautora coruñesa.

Ailá debuta a investigar a tradición musical

Xénero: Folk | 26 / 4 / 2021

aila_capa2.jpg

"Unha visión moderna e lúdica da creación colectiva" a partir da tradición oral. Esta é a proposta que fai Ailá, o cuarteto formado por Ángela Carou, Abel Gañete, Manuele Pardo e Xan Pampín que acaba e lanzar o seu primeiro álbum, co mesmo nome que o grupo. Logo de representar a Galicia no Celtic Connection 2020 e de seren premiados no Festival Interritmos dese mesmo ano, Ailá preséntase este 26 de abril como un neoloxismo feito a partir dunha "redución semántica dos retrousos que evocan os Ailalelo ailalá".

Chicharrón presentan o novo disco 'Unha fogueira intacta'

Xénero: Electrónica | 23 / 4 / 2021

fogueira_chicharron.jpg

Na vaga de novidades discográficas que están a chegar estes días, froito do intenso traballo creador dos artistas ao abeiro do confinamento o grupo Chicharrón tamén engade a súa propia achega cun novo traballo discográfico que, no seu caso, entra dentro das habituais dinámicas de produción do trío a álbum por ano. Unha fogueira intacta, editada co selo ferrolán Ferror Records, é o seu cuarto disco longo tras Cancións clínicas (Prenom, 2018) e está dispoñible para a pre-venda en vinilo ademais de nas plataformas dixitais.

<< Inicio / Anterior . 201 a 210 de 1407 . Seguinte \ Fin >>