Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Pontevedra recupera a iniciativa Cabos Soltos

O PROGRAMA INCLúE UN CONCERTO E VARIAS XORNADAS DE RELATORIOS E OBRADOIROS PARA O SECTOR CULTURAL

Pontevedra recupera a iniciativa Cabos Soltos

MISCELáNEA | maio 14, 2021

imaxe non dispoñible

O Concello de Pontevedra recuperou este ano a programación Cabos Soltos vinculada neste caso ao Plan Supera co obxecto de promover actividades que permitan reactivar o consumo na cidade. Cabos Soltos naceu en 2019 coma unha resposta desde o Concello aos problemas para a programación de concertos ao vivo nos locais da cidade ante os cambios na Lei de espectáculos de Galicia e como apoio á hostalería e á cultura local e neste 2021 volve en forma de xornadas técnicas coordinadas por Patricia Hermida da empresa Dotbeat, os días 19, 20 e 21 de maio, ademais da programación dun concerto "piloto" na praza da Ferraría o domingo 23 ás 13h a cargo de Ortiga.

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou esta nova edición dunha iniciativa dirixida especialmente ao sector da cultura ao vivo e coa mirada posta no apoio á hostalaría , que asegurou que "volve para quedar" e engadiu que ao longo do ano se irán implementando máis actividades coa mirada posta en "dar un balón de osíxeno a todo o sector creativo e cultural, entendido tamén como un sector económico que necesita seguir traballando". Sobre as xornadas, explicou que están concibidas como "un foro de debate, un foro de diálogo e un foro para compartir boas prácticas con xente que leva traballando na cultura de base durante moito tempo e que se enfronta a un desafío novo tras a pandemia".

Un programa de reflexión e preparación profesional
Neste sentido, ao longo dos tres días intercalaranse relatorios con obradoiros, estes últimos especialmente dirixidos a artistas e axentes culturais, de cara a dotalos de ferramentas para optimizar o rendemento no exercicio do seu labor profesional. Así, traballaranse cuestións como a propiedade intelectual na internet, a monetarización da creación cultural en plataformas dixitais, e como optimizar ferramentas dixitais na autoxestión na industria musical. Estes obradoiros estarán a cargo de Diego Parajó, de Xeneme Innovación Social e do Local de Música de Pontevedra, de Miguel Martorell, director de Altafonte Spain, e de Belén Álvarez, abogada en Gabeiras & Asociados. Nos relatorios, abordaranse temas como a exposición constante que a contorna dixital demanda dos e das artistas, o papel das institucións nun momento de crise como o actual, o futuro das salas de concertos ou a revisión do modelo dos festivais musicais tal e como se coñecía antes da irrupción da pandemia. Para participar nestas xornadas é preciso inscribirse a través do formulario dispoñible na páxina web cabossoltos.pontevedra.gal, tamén serán retransmitidas en 'streaming'.