Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Tonhito de Poi reivindica a súa personalidade salvaxe en 'In-dios'

O NOVO TRABALLO EN SOLITARIO VOLVE ESTAR CONECTADO COA SúA EXPERIENCIA AMAZóNICA

Tonhito de Poi reivindica a súa personalidade salvaxe en 'In-dios'

ROCK | maio 26, 2021

in_dios_tonhito.jpg

Tonhito de Poi (Castiñeiras, 1969) volve sacar inspiración musical das súas experiencias selváticas e ven de presentar o seu terceiro traballo en solitario: In-dios (Autoeditado, 2021). Se das anteriores dúas viaxes a Amazonía xurdiron os traballos O soro da verdade(2013) e Non hai onde esconderse (2019) o ribeirán volveu ás selvas do Amazonas fai dous anos e trouxo unha reivindicación de si mesmo coma parte da comunidade india mundial que desemboca nos temas que foron gravados en estudio para este novo álbum. In- dios xa está dispoñible nas plataformas dixitais.

O novo disco foi gravado completamente con métodos técnicos analóxicos na procura dun "son quente e orgánico". A masterización, que tamén foi analóxica, ten unha leve compresión para darlle "forsa sen que perda dinámica". No resultado, con produción de Cristina Morquilla, a feitura sonora dos temas e arranxos presenta talvez o máis elaborado dos seus discos en solitario e, neste caso, ademais do uso de efectos electrónicos, coros e percusións ou cánticos tribais, o de Poi deixa saír o seu rock interior máis eléctrico xa desde o tema de apertura, Salvaxe. Na súa traxectoria individual o membro de Heredeiros da Crus preséntase coa súa perspectiva mística e tribal, de comuñón coa natureza froito da súa experiencia inmersiva coas comunidades nativas do Amazonas. As letras están todas nesta liña de coherencia independentemente do tema que se trate en cada canción, con referencias interculturais que poden conectar ás selvas con The Doors ou as tradicións galegas do San Xoán sen esforzo.

Entre os nove temas que presenta este In-dios hai tamén unha homenaxe á activista revolucionaria guatemalteca Rogelia Cruz asasinada, cun tema que leva o seu nome e conta a súa historia, para o que contou coa colaboración de 'García', ex-Dios Ke te Crew. Entre as moitas colaboracións coas que conta Tonhito para o disco están tamén, entre moitos outros, Xan Solo e Nacho Dafonte, ex-Presumido, o seu compañeiro de Heredeiros, Manu Rey así como outro antigo membro da banda Pepe Medín, que participará na posta en directo deste traballo.

datos do disco