Ailá debuta a investigar a tradición musical
abril 26, 2021
"Unha visión moderna e lúdica da creación colectiva" a partir da tradición oral. Esta é a proposta que fai Ailá, o cuarteto formado por Ángela Carou, Abel Gañete, Manuele Pardo e Xan Pampín que acaba e lanzar o seu primeiro álbum, co mesmo nome que o grupo. Logo de representar a Galicia no Celtic Connection 2020 e de seren premiados no Festival Interritmos dese mesmo ano, Ailá preséntase este 26 de abril como un neoloxismo feito a partir dunha "redución semántica dos retrousos que evocan os Ailalelo ailalá".
Os trece temas do álbum parten de investigacións en diferentes arquivos sonoros do país combinados con recollidas realizadas por todo o país, con varias pezas tiradas das gravacións do etnógrafo danés Gustav Henningsen nos anos 60. A vocación festeira marca o carácter co que nace este proxecto, cuxos compoñentes destacan que "o canto e o baile tradicional tiveron unha función vertebradora na vida da comunidade galega. Nelas a danza e a diversión, os momentos máis lúdicos, ocuparon un papel fundamental, e cremos que cada xeración debe recrear e revitalizar estas músicas para que pervivan. Con Ailá queremos facer festa, facer bailar".
A potenciar esa intención, o grupo apostou polo sistema de notación dos bailegramas para a danza tradicional, desenvolvido por Serxio Cobos, e achega a versión neste formato da súa Muiñeira de Frades para facilitar a súa interpretación.
Acordeón, pandeireta, bombo, fliscorno, tarrañolas, gaita "rosca", cunchas ou tixolas atópanse nun proxecto que combina as bases tradicionais con elementos do jazz e mesmo toques de música balcánica. O proxecto conta coas colaboracións de Andrés Vilán, Manuel Amigo, Nikolai Velikov, Pedro Lamas ou Pedro Pascual. O álbum foi gravado por Roberto Ledesma nos estudios Son Natural e sae autoeditado pola propia banda. O Auditorio Municipal de Cangas acollerá o 28 de maio o concerto de presentación do disco.