Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Baiuca bota o seu 'Embruxo' folktrónico afondando na tribalidade máxica

O SEGUNDO áLBUM DO VANGARDISTA MúSICO INSPíRASE EN CANTIGAS E MITOS DA CULTURA GALEGA

Baiuca bota o seu 'Embruxo' folktrónico afondando na tribalidade máxica

FUSIóN | maio 7, 2021

Baiuca_embruixo.jpg

Embruxo (Raso Estudio) é o novo traballo de Baiuca, nome artístico co que Álex Gullán está rachar barreiras entre a música electrónica e tradicional e puxo en primeiro plano a etiqueta da 'folktrónica'. Hoxe xa sae á luz o traballo completo, o segundo tras aquel sorprendente Solpor (2018). Inspirado abertamente en cantigas e mitos o disco trae dez temas, nomeados no título cun substantivo único (coma no primeiro disco) e con connotacións claramente esotéricas e antropolóxicas: Meigallo, Veleno, Luar, Romaría, Conxuro, Lavandeira, Diaño, etc. A reinterpretación do son tradicional coas ferramentas da electrónica do século XXI non renuncia entrar na visión máis tribal do noso legado cultural. Tampouco renuncia á invitación ao baile, parte indiscutible desa tribalidade. Baiuca esconxura coa súa alquimia dacabalo entre o dixital e o analóxico, os samplers e as cantareiras, a parte máis máxica da nosa relación coa natureza e universo como galegos. Neste fito Baiuca fíxose acompañar por persoalidades tan potentes do novo folk coma o asturiano Rodrigo Cuevas, o percusionista Xosé Lois Romero, o frautista e gaiteiro Cristian Silva e o grupo de pandereteiras e cantareiras Lilaina, que achegan esa necesaria conexión coa cultura ancestral feminina das meigas a través das súas potentes voces. Segundo se comunica, Embruxo pretende converse nun exercicio" que redefina tanto o alcance da música tradicional como da electrónica de club e que resinifique os códigos da cultura ancestral galega". O artista presentará en concerto este novo traballo o vindeiro 21 de maio no Auditorio Mar de Vigo, dentro do ciclo TerraCeo e stá tamén confirmado dentro do Orballo Cultural na Costa da Morte, para o verán.

datos do disco