Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Banda da Loba homenaxea a Xela Arias a musicar Intempériome

A RAG PUBLICA UN DISCURSO QUE A AUTORA HOMENAXEADA NO DíA DAS LETRAS PRONUNCIOU EN 1991

A Banda da Loba homenaxea a Xela Arias a musicar Intempériome

POP | marzo 8, 2021

imaxe non dispoñible

Intempériome é o título do videoclip que acaba de publicar A Banda da Loba a musicar unha mestura de textos de Xela Arias. A letra combina versos de cinco poemas diferentes da obra do mesmo título da autora e gravouse nos estudios Abrigueiro de Arturo Vaquero. Segundo explica a banda, o tema "fala de deixar atrás o aprendido, os prexuízos e os estereotipos, e avanzar cara o auto-recoñecemento para sermos a persoa que queiramos ser. Os coidados e a liberdade... a base fundamental". O tema contou co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e intégrase nas propostas da Consellería de Cultura para o Día das Letras Galegas dedicado á autora.

A canción é o primeiro do vindeiro EP do grupo, que sairá a comezos de abril tamén en lembranza da homenaxeada co título de Hasme oír. No mesmo, ademais deste tema, poderá oírse unha nova versión da canción Tigres coma cabalos, que xa fixera parte do anterior LP de A Banda da Loba, canda a Darío a diario e Denuncia do equilibrio acompañados de interludios musicais recitados.



Pola súa banda, a Real Academia Galega acaba de publicar no seu web o artigo que Arias presentou en 1991 no "Encontro de escritores galegos e portugueses", celebrado en Santiago de Compostela. Segundo explica a RAG, a autora fala da escrita como un acto de liberdade que exercía sen pensar en que era unha muller, "pero tamén sei que só podo escribir desde muller, desde miope e desde galega", reflexionaba.