Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Unha nova xeración de Meniños Cantores volve tender a ponte musical nas beiras do Miño

Xénero: Infantil | 2 / 12 / 2021

CCG_pr_destacado-meninos-cantores2.jpg

Arredor de trinta anos teñen agora algunhas das crianzas protagonistas do primeiro volume de 'Meniños cantores' publicado en 2005, un proxecto baseado na música e compartido por centros de ensino das dúas beiras da fronteira entre Galicia e Portugal. Case dezasete anos despois, unha nova xeración ven de ser recollida no 'Meniños cantores. Volume 2' que foi presentado hoxe na sede do Consello da Cultura Galega en presenza das entidades participantes, encabezada pola asociación Ponte.. Nas Ondas! (PNO!) impulsora do proxecto. Dezasete centros educativos de Galicia e Portugal participan nesta xeira do proxecto no que ademais outros tantos artistas de ambos países actuaron como padriños en canda un destes lugares para as gravacións das cancións escollidas, que representan un patrimonio musical compartido por unha comunidade que, como subliñou a presidenta do Consello da Cultura Galega, xa existía "antes de que houbera unha raia pintada no mapa".

Fernando Buide e Quico Cadaval fan ópera bufa coa Galicia contemporánea

Xénero: Clásica/Lírica | 1 / 12 / 2021

imaxe non dispoñible

O vindeiro 9 de decembro o Auditorio de Galicia acollerá a estrea da ópera cómica 'A sombra de Cristal', unha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG), a Real Filharmonía de Galicia e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. Este espectáculo de nova creación ten texto e dirección escénica de Quico Cadaval e música de Fernando Buide. A Real Filharmonia, dirixida polo director titular e artístico da orquestra, o mestre Paul Daniel, contará coas voces da soprano María Hinojosa, do barítono César San Martín e do actor Víctor Mosqueira -que fai de personaxe muda- para a representación. A estrea poderá seguirse en liña en directo pola canle de YouTube da Real Filharmonía de Galicia e ao día seguinte haberá outra sesión aberta ao público xeral, o día 10.

Berto debuta en solitario con Viaxe ao espazo interior

Xénero: Pop | 26 / 11 / 2021

imaxe non dispoñible

Cando pasou pouco máis dun mes desde que o dúo Verto anunciou unha pausa na súa actividade, un dos seus compoñentes Alberto Mira, Berto, presenta o seu primeiro traballo en solitario. Viaxe ao espazo interior está dispoñible desde as cero horas deste 26 de novembro nas principais plataformas dixitais.

Os Bar Ban Sónicos presentan o seu primeiro disco 'Químicamente impuro'

Xénero: Rock | 24 / 11 / 2021

barbansonicos_quimicamente impuros.jpg

Desde hoxe xa está dispoñible nas plataformas dixitais o que é o primeiro disco de longa duración da banda de garaxe punk Os Bar Ban Sónicos. O trío da Pobra do Caramiñal presentan 14 temas en galego neste 'Químicamente impuro' (Rock CD Records) gravado no Herztcontrol Studio en Seixas, Portugal. Contundentes sonoridades punk e de rock de garaxe son as bases deste traballo que estivo adiando a súa saída para ver a posibilidade de apoialo coas actuacións en directo da banda conformada por Manel Casal (guitarra e voz), Abel Cores (batería) e Amroth Lopez (baixo e coros). O lanzamento veu precedido pola saída do EP "Alimentando o nervio" o pasado 2020. O deseño gráfico do traballo é obra de Guillotina Estudio. O grupo tomou o seu nome da unión "dun posible xentilicio comarcal, Barbansós", co grupo do que fixeron as primeiras versións, The Sonics.

O CDG e a Fundación Groba presentan un espectáculo familiar

Xénero: Clásica/Lírica | 18 / 11 / 2021

imaxe non dispoñible

O Centro Dramático Galego (CDG), e a Fundación Rogelio Groba estrean este venres a coproducción 'O neno Groba e Música', dirixida e interpretada por Ramiro Neira. A representación terá lugar en Oleiros, no Auditorio Gabriel García Márquez ás 20,30 horas. 'O neno Groba e Música' forma parte das coproducións programadas para este ano polo CDG no marco da súa aposta por reforzar a colaboración cos distintos axentes do sector teatral de Galicia e pola descentralización da súa programación.

A escena musical reencontrouse nos Premios Martín Códax

Xénero: Miscelánea | 28 / 10 / 2021

imaxe non dispoñible

A entrega dos 8ª Premios Martín Códax da Música, na noite do pasado mércores en Pontevedra, converteuse no momento de reencontro para escena musical galega tras máis de dezaoito meses de pandemia. Desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora da gala, expresouse a enorme alegría de poder realizar o evento nun auditorio repleto de xente e tamén a esperanza de que a superación da crise sanitaria sexa unha oportunidade para dignificar a profesión. Preto de catrocentas persoas gozaron de maneira presencial no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra da gala dirixida e presentada por Marcos PTT Carballido, que tamén foi retransmitida en liña.

Pablo Barreiro recibirá o Premio de honra dos Martín Códax

Xénero: Miscelánea | 21 / 10 / 2021

imaxe non dispoñible

O produtor, compositor e técnico de son, Pablo Barreiro Rivas (Forcarei, 1956), considerado unha figura histórica da música en Galicia, recibirá o vindeiro 27 de outubro o galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música 2021 que recoñecen unha traxectoria. Desde a Asociación Músicas ao Vivo, organizadores do premio, destacan do premiado os centos de músicos e milleiros de horas de gravacións no seu haber como técnico, que cualifican de "xeneroso, comprometido e sempre respectuoso cos proxectos que chegan ás súas mans". Barreiro, ata a súa recente xubilación, foi responsable do Arquivo Sonoro da Radio Galega desde 1985 e está considerado un pioneiro, "abrindo novos vieiros sempre para a música feita en Galicia", considera a entidade. O premiado recollerá o seu galardón na gala do 27 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, na que se desvelarán tamén os proxectos premiados nas diferentes categorías a votación nos 8º Martín Códax da Música, tamén recibirán un recoñecemento extraordinario o festival Jazz de Ría e a sala de concertos Mardi Gras.

A música entra polos portos de mar

Xénero: Miscelánea | 8 / 10 / 2021

imaxe non dispoñible

'Porto Maresía' e 'Noites do Porto' son dúas iniciativas que veñen de ser presentadas con apenas días de diferencia e que coinciden en ofrecer ciclos de concertos nun contexto de cidades costeiras portuarias, e mesmo usando algunhas das infraestruturas a tal fin. As instalacións do Palexco, no porto da Coruña coinciden en ambos programas. Do 29 ao 31 de outubro, nos terreos portuarios desas instalacións terán lugar os concertos abrindo con iso este espazo simbólico da Coruña á cidadanía. Alí instalarase o escenario e a carpa para as tres sesións, nas que o público poderá gozar de pé da música dos andaluces Derby Motoreta's Burrito Kachimba e Califato ¾ (29), Bad Gyal (30), e Xoel López e Ángel Stanich (31). O ciclo está organizado desde a promotora Masgalicia e de momento, a capacidade máxima será de 1.000 persoas de pé, mais agardan poder aumentala a 1.500.

A gaita e os seus intérpretes nas paredes do museo

Xénero: Folk | 29 / 9 / 2021

imaxe non dispoñible

O Museo de Pontevedra inaugura mañá a exposición "Gaiteiraos" no claustro do edificio Sarmiento. Esta mostra presenta un total de 35 debuxos de recoñecidas gaiteiras e gaiteiros de Galicia feitos polo artista César Lombera, moi coñecido pola súa faceta de escultor. A través destes 35 debuxos Lombera pretende reivindicar a figura do gaiteiro como un exemplo do patrimonio inmaterial galego. Avelino Cachafeiro, Ricardo Portela, Susana Seivane, Carlos Núñez, Cristina Pato, Os Trinta de Trives, o gaiteiro de Guillarei e os de Soutelo, son algunhas das persoas representadas nos gravados reunidos nesta mostra que abrirá ao público tralo acto de inauguración que terá lugar o xoves, día 30 de setembro, ás 20:00 h e poderá visitarse ata o 28 de novembro. O capitel de Melide, unha peza do século XIV pertencente á colección do propio museo provincial, complementa esta proposta expositiva dado que representa nunha das súas faces unha escena musical que inclúe un laúde e unha gaita. Na mostra, ademais, poden coñecerse explicacións sobre a orixe da gaita e a súa área de expansión.

Cita co rock galego para o outono na Estrada

Xénero: Rock | 29 / 9 / 2021

imaxe non dispoñible

Un novo festival ven de sumarse ao circuíto galego destes eventos e faino deslocalizándose temporal e xeograficamente , colocándose no calendario de outono escaso destes eventos, centrándose no rock de artistas e bandas galegas e ademais convocando desde a Galicia interior, na Estrada, unha localidade que xa tivo algúns intentos previos de organizar este tipo de evento, sen resultado ata agora. A primeira edición do festival Son dos arrieiros da Estrada, organizada desde a produtora Dotbeat! ofrece un programa que se desenvolverá na Fundación de Exposicións e Congresos desta localidade pontevedresa na fin de semana do 29 e 30 de outubro. A proposta de O son dos arrieiros, ideada como un festival de mediano formato e cunha capacidade fixada inicialmente nunhas 550 persoas, está fundamentada no rock, dentro do que abrangue moi diferentes estilos, ademais de ter en conta a perspectiva de xénero con bandas integramente femininas como Bala e Agoraphobia e a sesión de Señora DJ, quen picará música feita, cantada e tocada por mulleres. O cartel. Xa presentado, inclúe tamén nomes como Novedades Carminha, Heredeiros da Crus e Terbutalina.

<< Inicio / Anterior . 161 a 170 de 1395 . Seguinte \ Fin >>