A gaita e os seus intérpretes nas paredes do museo
setembro 29, 2021
O Museo de Pontevedra inaugura mañá a exposición "Gaiteiraos" no claustro do edificio Sarmiento. Esta mostra presenta un total de 35 debuxos de recoñecidas gaiteiras e gaiteiros de Galicia feitos polo artista César Lombera, moi coñecido pola súa faceta de escultor. A través destes 35 debuxos Lombera pretende reivindicar a figura do gaiteiro como un exemplo do patrimonio inmaterial galego. Avelino Cachafeiro, Ricardo Portela, Susana Seivane, Carlos Núñez, Cristina Pato, Os Trinta de Trives, o gaiteiro de Guillarei e os de Soutelo, son algunhas das persoas representadas nos gravados reunidos nesta mostra que abrirá ao público tralo acto de inauguración que terá lugar o xoves, día 30 de setembro, ás 20:00 h e poderá visitarse ata o 28 de novembro. O capitel de Melide, unha peza do século XIV pertencente á colección do propio museo provincial, complementa esta proposta expositiva dado que representa nunha das súas faces unha escena musical que inclúe un laúde e unha gaita. Na mostra, ademais, poden coñecerse explicacións sobre a orixe da gaita e a súa área de expansión.