Cita co rock galego para o outono na Estrada
setembro 29, 2021
Un novo festival ven de sumarse ao circuíto galego destes eventos e faino deslocalizándose temporal e xeograficamente , colocándose no calendario de outono escaso destes eventos, centrándose no rock de artistas e bandas galegas e ademais convocando desde a Galicia interior, na Estrada, unha localidade que xa tivo algúns intentos previos de organizar este tipo de evento, sen resultado ata agora. A primeira edición do festival Son dos arrieiros da Estrada, organizada desde a produtora Dotbeat! ofrece un programa que se desenvolverá na Fundación de Exposicións e Congresos desta localidade pontevedresa na fin de semana do 29 e 30 de outubro. A proposta de O son dos arrieiros, ideada como un festival de mediano formato e cunha capacidade fixada inicialmente nunhas 550 persoas, está fundamentada no rock, dentro do que abrangue moi diferentes estilos, ademais de ter en conta a perspectiva de xénero con bandas integramente femininas como Bala e Agoraphobia e a sesión de Señora DJ, quen picará música feita, cantada e tocada por mulleres. O cartel. Xa presentado, inclúe tamén nomes como Novedades Carminha, Heredeiros da Crus e Terbutalina.
Nacido baixo o abeiro das axudas para espectáculos musicais dentro da programación do Xacobeo 20-21, o festival caracterízase por contar cun elenco 100% galego pretendendo amosar que é posible formular propostas de éxito en clave territorial. Así mesmo, asina un compromiso firme coa sostibilidade económica da contorna, contando na meirande parte para a súa realización co tecido empresarial estradense. O recinto estradense converterase para a ocasión nun gran salón de concertos e contará con servicio de barra e restauración para os asistentes. Ademais, o festival terá unha programación complementaria, gratuíta e para todos os públicos, que será desvelada durante os vindeiros días e que completará unha experiencia integral para a última fin de semana de outubro. Na web ataquilla.com xa están a venda os 100 abonos de fidelidade, mentres que as localidades por día poderán adquirirse a partir do 1 de outubro, data na que se desvelará tamén o calendario detallado das actuacións.