Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Paraíso Canto e Charanga Trébede gañan o certame Interritmos

Xénero: Folk | 28 / 9 / 2021

imaxe non dispoñible

A nova edición do certame 'Interitmos: Sons do Rural' rematou coa proclamación das bandas Paraíso canto e Charanga Trébede como gañadoras tras da audición levada a cabo esta fin de semana pasada no Naútico de San Vicente do Mar entre as seis formacións finalistas. O Concurso, organizado polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) coa Asociación de Desarrollo Local Deloa, está destinado a propostas musicais instrumentais ou vocais, de ata un máximo de 8 compoñentes, con traballos que versen tanto na recreación ou evolución de pezas tradicionais, como en pezas de nova creación que beban da música de raíz. Este certame busca promover a cultura como motor de desenvolvemento territorial, así como dar visibilidade e potenciar a profesionalización de grupos e bandas que apostan pola evolución da música tradicional e de raíz.

Homenaxe a 'Narf' en Boiro

Xénero: Cantautor | 23 / 9 / 2021

imaxe non dispoñible

A Pousada da Galiza Imaxinaria en Boiro acollerá este venres un acto en lembranza ao músico e compositor Fran Pérez 'Narf' (1968-2016), organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña e polo Concello de Boiro. Esta cita inclúe a presentación dunha páxina web que recolle a vida e traxectoria do artista e un concerto da banda Caldo, gañadora da pasada edición do concurso 'Narf' para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña.

O 'maré'21' é moito máis ca cantos

Xénero: Fusión | 20 / 9 / 2021

imaxe non dispoñible

O festival que foi anteriormente Cantos na maré, inicia esta semana en Santiago de Compostela unha nova e ambiciosa etapa, co nome transmutado de 'maré 21' para a súa XVII edición, a meirande do seu percorrido, e incluíndo propostas máis alá da música. Diversidade, intercambio cultural e lusofonía seguen a ser as bandeiras artísticas e lingüísticas deste evento con multitude de propostas musicais e artísticas procedentes das dúas beiras do Atlántico que presenta catro días de festival, con máis de trinta concertos a cargo de artistas de máis de dez países diferentes. O lema desta diversa e plurilingüe edición, "WARETHWA!!!" está en idioma chopi timbilia e significa "avante!!!".

A Real Filharmonia ofrece 'viaxes' para a súa nova temporada

Xénero: Clásica/Lírica | 17 / 9 / 2021

imaxe non dispoñible

A Real Filharmonía de Galicia presentou a nova temporada 2021-2022, na que se continuará coa conmemoración do seu 25º aniversario (1996-2021) e durante a que celebrará na súa sede, o Auditorio de Galicia, 24 concertos. Baixo o lema Viaxes, a RFG pretende levarnos coa súa música a "percorrer a xeografía mundial, desde Australia a Finlandia pasando por París, Hamburgo, Praga, Bohemia ou cruzando o océano ata Latinoamérica; emprendendo con esta programación un camiño emocional que nos permite transitar a través da rebeldía, da fantasía, do feminismo, do amor, da ecoloxía e, sobre todo, cara a nós mesmos", segundo se afirmou na rolda de prensa desta nova temporada. Ademais en liña con estas 'viaxes, a orquestra "viaxará" coa súa música por toda Galicia, con 15 concertos: 7 en Vigo, 4 en Ferrol, 2 en Lugo, 1 en Ourense e 1 en Pontevedra. Faranse en colaboración coas Sociedades Filharmónicas de Vigo, Ferrol, Lugo e Pontevedra; Afundación e a Deputación de Ourense.

Ortiga marca o seu propio camiño cun novo disco

Xénero: Fusión | 2 / 9 / 2021

capa_ortiga_camino.jpg

Manuel González "Chicho do Funk" xa ten novo disco. O representante máis auténtico da electrocumbia e o "TRAPicalismo" en Galicia ten desde hoxe nas plataformas Sabes el camino que elegí (Ernie Records) un álbum que reúne dez temas novos na súa liña e do que xa foi dando avances nos pasados meses con temas que ademais foi incorporando nos directos como "Nanana", "Helicóptero" ou ese "A veces", co que arranca este novo traballo chamado a facer bailar de moitas maneiras e conseguilo.

A importancia de picar música galega a debate

Xénero: Miscelánea | 27 / 8 / 2021

imaxe non dispoñible

O xornalista e pica-discos Carlos Crespo presentou o "I Foro sobre o papel dos disc-jóckeys na difusión da música galega", unha iniciativa que xurde ao amparo do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo da Xunta. Na Alameda de Vilagarcía de Arousa reuniranse catro destacados nomes da nosa escena musical encabezados por Eme DJ; o músico, promotor e DJ Manuele Caamagno; o propio Carlos Crespo e a vilagarciá K DJ co xornalista musical Pepe Cunha, COMISARIO DA MOSTRA 'CantáMola en Galego' como moderador desa charla.

Baldo Martínez presenta en Jazz de Ría o Cuarteto da Terra

Xénero: Jazz/Blues | 13 / 8 / 2021

imaxe non dispoñible

O músico de jazz ferrolán baseado en Madrid, Baldo Martínez, fará o peche do festival Jazz de Ria na súa vila natal presentando unha nova formación en formato cuarteto integramente conformado por músicos galegos cos que porá en escena un espectáculo no que aglutina grande parte do contido dos seus últimos proxectos. Será no Parque de Freixeiro de Narón onde se presentará en rigorosa estrea este Cuarteto da Terra, un espectáculo armado coa complicidade de outros afamados músicos: Pablo Castanho ao saxo alto e soprano; Antonio Bravo na guitarra; LAR Legido na batería e o propio Baldo no contrabaixo. Martínez, recoñecido contrabaixista e membro fundador de Clunia Jazz e outros proxectos imprescindíbeis para entender o jazz no noso país dos últimos 40 anos, e de atesourar ducias de premios e recoñecementos acadados en todo o mundo polas súas numerosas formacións e colaboracións, fai así un agasallo á súa vila e terra de orixe con este proxecto. O festival inclúe outras destacadas formacións galegas como a Orquestra Galega de Liberación ou a banda Aló Django.

Un documental a falta de un festival

Xénero: Rock | 11 / 8 / 2021

imaxe non dispoñible

Desde 1991 que leva celebrándose en Cambre ( A Coruña) o festival 'Rock in Cambre? Pero este ano, ao igual que o pasado, a traxectoria desta cita musical queda cortada por mor das circunstancias sanitarias. Con todo desde a organización e o Concello non quixeron deixar pasar a efeméride do 30 aniveersario aínda que non haxa edición e para manter viva ademáis a presenza, así como para homenaxear a todos os artistas e público que pasaron polo evento, así como para os propios vecinos de Cambre, presentaron unha peza audiovisual documental: 'Rockambreiros. Historia dun pobo rockeiro'. A historia dunha cita esencial contada por algún dos seus protagonistas e seguidores. Nonito Pereira, Julián Hernández, Pulpiño Viascón ou Tomi Legido son algún dos que participan nesta peza que está xa subida nas redes do festival.

Ruxe-Ruxe ten moito que expor

Xénero: Rock | 5 / 8 / 2021

imaxe non dispoñible

A banda de rock bravú Ruxe-Ruxe cumpre 25 anos de actividade ininterrompida neste 2021 facendo música en galego. O festexo está a tomar varias formas, desde un traballo discográfico de homenaxe ata esta exposición que xa está aberta na Zona C de Santiago. O espazo recentemente recuperado polo Concello para a cultura na Praza de Cervantes acolle a mostra "Ruxe Ruxe (1996-2021): 25 anos de universo gráfico", unha ollada aos deseños que vestiron e acompañaron a andaina musical desta banda.

O TradFest volve levar a Santiago a variedade da música de raíz

Xénero: Folk | 28 / 7 / 2021

imaxe non dispoñible

Santiago de Compostela festexará o vindeiro sábado 31 a contemporaneidade da música galega de raíz cunha nova edición do TradFest, que inclúe 20 concertos, ruadas e unha feira de artesanía, entre outras actividades, coa participación de máis de 60 artistas galegos e internacionais. A nova edición volve a realizarse no parque e igrexa de San Domingos de Bonaval usando varios palcos polos que pasará un abano de artistas representando unha gran variedade de estilos e estéticas dentro da música tradicional: o Cuarteto Caramuxo, Marcos Coll , Caldo, Caamaño & Ameixeiras, Tobie Miller, Najla Shami, Mulleres de Gharghamala!, Xico de Carinho e Cuchús Pimentel, Grupo 1500, Os da Porfía, TOR, Mozart á galega, Antonio Prado e Miguel Vázquez. O evento pechará cunha foliada ao vivo na praza da Quintana que contará coa participación da Banda da Crechas e convidades de luxo: Felisa Segade, Os da Porfía, Marcos Coll, Caamaño & Ameixeiras, Sheila Patricia. Todas as actuacións son de balde pero é precisa a retirada previa de entradas.

<< Inicio / Anterior . 171 a 180 de 1395 . Seguinte \ Fin >>