Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Xabier Díaz, Xabarín Club e Anxo Angueira premios Rebulir 2021

Xénero: Folk | 28 / 7 / 2021

imaxe non dispoñible

Mediante un comunicado deuse a coñecer a decisión do Xurado dos Premios Rebulir da Cultura Galega 2021, un recoñecemento creado desde a asociación cultural do mesmo nome, para sinalar persoas ou colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións. Tres galardóns en tres categorías outorgou onte o xurado: Música galega, Artes escénicas e un premio de Homenaxe. Anxo Angueira, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, foi o escollido pola comisión para recibir o premio Homenaxe, "pola súa contribución a literatura galega, e a súa vinculación persoal e profesional con Ramirás e a comarca de Terras de Celanova", segundo o fallo. Un dos aspectos que defende este galardón é a proxección do nome de Galicia alén das súas fronteiras, facendo fincapé no establecemento de vínculos interculturais e de raíz. O músico Xabier Díaz tamén resultou recoñecido co premio Rebulir, "pola súa dilatada traxectoria no eido da música tradicional tanto dentro como fora de Galicia". Na categoría de Artes escénicas o xurado decidiuse por galardoar ao espazo infantil da TVG, Xabarín Club, "por ter contribuído desde o audiovisual, e máis concretamente desde a animación, a normalización lingüística e difusión da cultura galega", di o xurado. O acto de entrega de ditos galardóns terá lugar o sábado 18 de Decembro de 2021, no marco da Gala Central do Festival Internacional Rebulir 2021, a cal se celebrará previsiblemente no Complexo Polideportivo de O Picouto (Concello de Ramirás).

Anxo Araújo ten un plan musical para o optimismo

Xénero: Pop | 20 / 7 / 2021

anxo_araujo_1.jpg

O disco de debut en solitario de Anxo Araújo, Plan de urbanismo para un novo couto mixto (Autoeditado, 2021) supón unha aposta por un pop contemporáneo en galego, inzado de detalles de produción con ventos, electrónicas e outras texturas que achegan un son preciosista.

Xisco Feijoó pon en valor a cantiga de creación colectiva en 'Peixe'

Xénero: Folk | 7 / 7 / 2021

peixe_lata.jpg

Logo dun incesante labor de recuperación etnográfico ao longo de máis de trinta anos, e de colaborar en máis de vinte discos e espectáculos de artistas de raíz con proxección internacional (como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Berrogüetto, Kepa Junquera ou Rodrigo Romaní, entre outros), Xisco Feijoó presenta o seu primeiro traballo discográfico, Peixe (Sorte Discos), unha creación que bebe do máis puro e ancestral para achegar a modernidade alén das peixeiras. O álbum é o resultado dun incesante traballo de recuperación polas aldeas galegas, nas que o artista gravou e recolleu historias, músicas e cancións. Con Peixe, Xisco Feijoó pretende achegar, desde a súa óptica particular, unha visión atrevida, moderna e contemporánea sobre a música de creación colectiva galega. O disco, composto por dez temas, pon en valor o papel da cantiga tradicional, da que o artista salienta a súa identidade e significado propio, e sobre as que que fía un relato de historias con tintas autobiográficas e conectadas por un eixo común: a diversidade humana. "Peixe fala de sentimentos, de sensacións, de querencias e de desexos. Fala de todo o que queremos ser e non somos quen. E do que somos e non desexamos. Fala da aceptación, de deixar atrás a resignación, e de entender que, entre nós, non hai gaiolas nin peixeiras que nos pechen. Peixe somos cada un de nós, únicos e irrepetibles", sinala Xisco Feijoó.

Unha 'Mareira' de sons e palabras

Xénero: Cantautor | 6 / 7 / 2021

imaxe non dispoñible

A cantautora Bea A de Estrella lanza o seu proxecto Mareira, que toma o seu nome dun mar axitado e no que se mesturan diferentes formas de expresión artística ao redor da música. A coruñesa ven de abrir unha campaña para levar a cabo a edición dun libro disco e produción dun vídeo no que xa conta coas colaboracións, ben na parte musical ou na literaria, de nomes como Pablo Milanés, Rosa Aneiros e Yolanda Castaño entre outros. O novo proxecto da cantautora de Culleredo volve ofrecer na parte musical melodías de son cubano, tango, notas de blues, jazz, pop e a fusión do son máis tradicional con outros estilos e letras líricas moi persoais, como xa fixera no seu primeiro traballo discográfico, Már de fóra (2016). Neste caso ademais engade a poesía e a narrativa grazas a esoutras dúas mulleres, Aneiros e Castaño para publicación desta 'Mareira' en busca de financiamento popular que será libro-disco e un vídeo, e que tamén conta coas voces de coñecidos artistas da escena coruñesa coma Paris Joel, Tato López, César de Centi, Emilia Arija ,Inés Suárez, Taté Morales ou Montse Candal e os arranxos de Tato López na parte musical. Outras colaboracións incidirán na parte gráfica do proxecto a través do deseño, a ilustración e a fotografía.

Presentación acelerada de concertos cheos de música galega

Xénero: Miscelánea | 2 / 7 / 2021

imaxe non dispoñible

A entrada do mes de xullo chegou cun acelerón de anuncios de eventos musicais que completan esa axenda de verán cada vez máis similar á pre-pandémica, canda menos sobre o papel, que no presencial aínda haberá que manter moitas diferenzas. Festivais en diferentes formatos e ciclos de concertos ao aire libre poñen nomes e datas a unha oferta que permitirá gozar da escena musical galega máis que calquera outro ano. Repasamos algunhas das novidades para a axenda de cada un.

TanDub gañan no Concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans

Xénero: Fusión | 22 / 6 / 2021

imaxe non dispoñible

Ata 260 formacións musicais de toda a xeografía española participaron este ano no Concurso de bandas emerxentes organizado pola Fundación Paideia Galiza e Estudios Mans, unha das iniciativas desta institución dirixidas ao fomento do emprendemento musical. Despois da selección dos 15 semifinalistas por parte do público e un xurado profesional, 4 foron as bandas seleccionadas para acadar o premio e a representación da escena musical galega entre elas a levan os ourensáns TanDub. Xunto a eles o xurado premiou tamén a dúas bandas de Valencia, Los Premios e Balanceo e unha formación catalá de Tarragona, Celistia.

Quilómetros de orgullo musical

Xénero: Miscelánea | 21 / 6 / 2021

imaxe non dispoñible

Resulta imposible saber a ciencia certa a quilometraxe que leva a Duendeneta de Carlos Crespo percorrido nos seus 47 anos na estrada vivindo vidas moi diferentes desde 1974, "o contador só ten catro díxitos e non sabemos cantas veces lle puido dar a volta". Esta Avia con motor Perkins Hispania, serviu primeiro para a venta ambulante de zapatos e leva xa uns anos dedicada a facer mover eses pés que antes vestía, transmutada de furgoneta en Duendeneta pola maxia da música grazas ao xornalista e Dj de Vilagarcía que a converteu nun arsenal para poñer banda sonora ao aire libre. O que si podemos saber é que os máis recentes centos de quilómetros teñen que ver con dúas cousas: o Camiño de Santiago e a historia da música en galego. Entrambas ideas xurdiu o proxecto "Os camiños das músicas galegas" co que Crespo e a súa Duendeneta levaron unha sesión de musical por 18 lugares ao longo dos camiños francés, portugués e inglés cara Santiago, onde remata hoxe o plan do seu percorrido coincidindo co Día Europeo da Música e que terá lugar ás 19:30 na Praza de Cervantes da capital galega .

'Néboa' gaña co seu primeiro disco o Premio MIN ao álbum en galego

Xénero: Miscelánea | 17 / 6 / 2021

imaxe non dispoñible

O quinteto de Catoira, Néboa, ven de acadar co seu primeiro disco longo publicado - A realidade enganosa (Raso, 2020)- o Premio Mejor álbum en Gallego da XIIIª edición dos Premios MIN, da música independente española, organizados pola Unión Fonográfica Independiente. Onte celebrouse en Burgos a gala na que se daban a coñecer os nomes dos artistas e traballos gañadores nas 19 categorías destes galardóns. A outra alegría para a escena musical galega nesta gala foi o triunfo de Triángulo de Amor Bizarro co seu traballo de nome inverso oɹɹɐzıqɹoɯɐǝpolnƃuɐıɹʇ (Mushroom Pillow, 2020) polo cal recibiron dous dos catro premios aos que optaban: o importante Premio The Orchard ao 'Álbum del año' e o Premio SAE Institute a 'Mejor Producción'.

Secho presentáse con 'Recuperar'

Xénero: Pop | 16 / 6 / 2021

secho_recuperar.jpg

Serxio Castiñeiras "Secho" presenta hoxe o seu disco Recuperar (Autoeditado), un conxunto de cancións moi persoais que se moven entre o pop, o indie ou o folk, nunha nova voz para a música en galego. Despois de estrear o pasado mes o videoclip dun dos temas deste traballo -As Sensacións- o músico e compositor amósanos agora por completo este traballo de presentación, once temas de corte intimista nos que conta con colaboracións de artistas como Guadi Galego, García MC ou Sabela Galván. Secho escribía cancións para si mesmo desde os albores deste século ata que en 2009 a banda Medomedá, coñecedora destes tesouros agochados, convídao a abrir un dos seus concertos en Compostela. De aí xurdiron outras actuacións, colaboracións e tamén a primeira formación, composta por músicos de Medomedá e Ruxe Ruxe. Agora Secho comeza unha nova etapa con este Recuperar, o seu primeiro traballo en solitario, gravado con Iago Pico, con arte de David Cuence e rodeado de músicos como Dani Riveiro (batería e percusión), Lois Carlín (baixo) e Tomás Porteiro (guitarra eléctrica).

Músicas ao Vivo e Asociación de Gaiteiros reaccionan contra o peche do Estudio 5 da Radio Galega

Xénero: Miscelánea | 16 / 6 / 2021

imaxe non dispoñible

Fai uns días o comité de empresa da CRTVG alertou de que a empresa pública ía levar a cabo o desmantelamento do Departamento de Produción Propia da Radio Galega (Estudio 5) para a posta en marcha dun estudio multimedia no lugar que agora ocupa esta área. O Estudio 5 é un departamento que deu cobertura, desde a creación da emisora pública, a todas as músicas do país dende o ano 1985 e desde o Comité entenden que "a razón que esgrime a dirección para negar que finiquita o departamento- nada ten que ver con garantir a continuidade das funcións que viña desenvolvendo o icónico negociado que agora desaparece". A súa alerta chegou xa aos colectivos artísticos musicais, máis primeiramente afectados por esta decisión da dirección da CRTVG. Así tanto desde a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) como desde a de Músicas ao Vivo (MAV) fixeron súa a reclamación do comité e ambos colectivos coinciden ao asegurar que esta decisión é un "grave erro" e ao solicitar unha marcha atrás da decisión por parte da dirección do ente público galego "que pon fin a un servizo público valiosísimo que deu e da cobertura ás músicas do país", din desde AGG. Pola súa banda en MAV inciden tamén "na necesidade de incluír na grella programas especializados en música, con cabida para todas os estilos e niveis".

<< Inicio / Anterior . 181 a 190 de 1395 . Seguinte \ Fin >>