TanDub gañan no Concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans
xuño 22, 2021
Ata 260 formacións musicais de toda a xeografía española participaron este ano no Concurso de bandas emerxentes organizado pola Fundación Paideia Galiza e Estudios Mans, unha das iniciativas desta institución dirixidas ao fomento do emprendemento musical. Despois da selección dos 15 semifinalistas por parte do público e un xurado profesional, 4 foron as bandas seleccionadas para acadar o premio e a representación da escena musical galega entre elas a levan os ourensáns TanDub. Xunto a eles o xurado premiou tamén a dúas bandas de Valencia, Los Premios e Balanceo e unha formación catalá de Tarragona, Celistia.
TanDub nace do encontro entre músicos de Galicia e Marrocos. Na procura da fusión dos sons de ámbolos dous países xurde unha mestura de influencias afastadas entre si, pero con sorprendentes puntos en común. Todo isto pasado por diferentes filtros para completar unha viaxe polas músicas do mundo, dende o gnawa marroquí ao reggae, e fusionado con ritmos electrónicos.
Videoclip rodado en Bemposta por PixelinPhoto no veràn de 2019
O obxectivo deste concurso é facilitar aos grupos e solistas que están comezando a súa carreira, unha ferramenta para a difusión do seu traballo e a posibilidade de gravar produtos de calidade nun entorno profesional. Se ben en anteriores convocatorias os grupos recoñecidos pasaban a formar parte do cartel de festivais consolidados coma O Son do Camiño, Portamérica, Atlantic Fest, Sinsal SON Estrella Galicia ou o Festival de la Luz, por mor da pandemia cambiáronse esas bases xa o pasado ano e as gañadoras terán a oportunidade de tocar no Náutico de San Vicente de O Grove, sala de concertos emblemática na escena nacional. Ademais, gravarán durante dúas xornadas nos Estudios Mans de A Coruña.