Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Xisco Feijoó pon en valor a cantiga de creación colectiva en 'Peixe'

O PRIMEIRO DISCO DO CANTANTE E BAILADOR REúNE UNHA MANCHA DE COLABORACIóNS DE PRIMEIRO NIVEL DA MúSICA TRADICIONAL

Xisco Feijoó pon en valor a cantiga de creación colectiva en 'Peixe'

FOLK | xullo 7, 2021

peixe_lata.jpg

Logo dun incesante labor de recuperación etnográfico ao longo de máis de trinta anos, e de colaborar en máis de vinte discos e espectáculos de artistas de raíz con proxección internacional (como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Berrogüetto, Kepa Junquera ou Rodrigo Romaní, entre outros), Xisco Feijoó presenta o seu primeiro traballo discográfico, Peixe (Sorte Discos), unha creación que bebe do máis puro e ancestral para achegar a modernidade alén das peixeiras. O álbum é o resultado dun incesante traballo de recuperación polas aldeas galegas, nas que o artista gravou e recolleu historias, músicas e cancións. Con Peixe, Xisco Feijoó pretende achegar, desde a súa óptica particular, unha visión atrevida, moderna e contemporánea sobre a música de creación colectiva galega. O disco, composto por dez temas, pon en valor o papel da cantiga tradicional, da que o artista salienta a súa identidade e significado propio, e sobre as que que fía un relato de historias con tintas autobiográficas e conectadas por un eixo común: a diversidade humana. "Peixe fala de sentimentos, de sensacións, de querencias e de desexos. Fala de todo o que queremos ser e non somos quen. E do que somos e non desexamos. Fala da aceptación, de deixar atrás a resignación, e de entender que, entre nós, non hai gaiolas nin peixeiras que nos pechen. Peixe somos cada un de nós, únicos e irrepetibles", sinala Xisco Feijoó.



Neste traballo Xisco Feijoó implicou a un equipo interdisciplinar que puxo ao servizo da música. Artistas como Xose Liz, Artur Puga, Xan Pérez, María Jorge, Miguel Fraile, Iago Ramilo e Jose Díaz, ademais do coprodutor Carlos Quintá, responsable dos arranxos do álbum, formaron parte deste proxecto. Ademais, Peixe contou coa colaboración de figuras como Úrsula Rial (ETRAD), Pepe Vaamonde (Pepe Vaamonde Grupo), Aida Tarrío (Tanxugueiras), Alba Faro (SonDeSeu), Diego Calviño, Diego Cabaleiro e Iván Blanco (O Fiadeiro) ou Rodrigo Romaní (Milladoiro, ETRAD, SonDeSeu); ademais do violinista escocés Alasdair Fraser (intérprete e compositor de bandas sonoras como O último mohicano) ou a violinchelista estadounidense Natalie Haas. O álbum tivo como presentación previa a publicación de dous videoclips correspondentes ao tema que dá nome ao disco, Peixe e o pasado 24 de xuño, o artista estreou o videoclip de Animal, un tema cuxo impactante vídeo emprega imaxes da longametraxe documental Lejos de los árboles, de Jacinto Esteva. No formato físico ( presentado en lata de conservas) o disco pódese mercar a través da web oficial www.xiscofeijoo.gal e está dispoñible nas principais plataformas dixitais como Spotify, Youtube ou Apple Music, entre outras.

datos do disco