Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A importancia de picar música galega a debate

ABRE HOXE O Iº FORO SOBRE O PAPEL DOS PICA DISCOS NA DIFUSIóN DA MúSICA GALEGA DA MAN DE CARLOS CRESPO

A importancia de picar música galega a debate

MISCELáNEA | agosto 27, 2021

imaxe non dispoñible

O xornalista e pica-discos Carlos Crespo presentou o "I Foro sobre o papel dos disc-jóckeys na difusión da música galega", unha iniciativa que xurde ao amparo do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo da Xunta. Na Alameda de Vilagarcía de Arousa reuniranse catro destacados nomes da nosa escena musical encabezados por Eme DJ; o músico, promotor e DJ Manuele Caamagno; o propio Carlos Crespo e a vilagarciá K DJ co xornalista musical Pepe Cunha, COMISARIO DA MOSTRA 'CantáMola en Galego' como moderador desa charla.

Dividido en dous bloques, o evento comezará ás 21,00 h coa mesa redonda na que se debaterá arredor do papel que poden e deben xogar os disc-jóckeys na difusión da música en galego. Unha vez rematada, a partir das 22,00 h, cada un dos artistas realizará unha sesión de música en galego desde A Duendeneta, a discoteca móbil vintage habilitada por Carlos Crespo nunha furgoneta Avia do 74 coa que levou recentemente a cabo o proxecto 'Os Camiños das músicas galegas', levando unha sesión didáctica sobre a historia da música moderna en galego por diferentes paradas do Camiño de Santiago. As sesións dos catro pica-discos serán consecutivas, creando un set de música de case tres horas que lle amosará ao público dun xeito práctico o potencial da música galega e dos propios artistas.