Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

García MC lanza o seu primeiro longa duración

Xénero: Hip-Hop | 21 / 1 / 2022

Garcia-MC-Arquipelago-Quilombo.jpg

Flamante, unha colaboración con Natasia Zürchers, é o primeiro single do álbum de debut de García MC. Logo de varios EPs o veterano rapeiro lanza o LP Arquipélago Quilombo, dez temas nos que segue a liña da súa formación Nación Quilombo e aposta pola mestura de ritmos do mundo coa palabra como eixo.

O dúo BellónMaceiras publica un disco-libro infantil

Xénero: Folk | 13 / 1 / 2022

bellonmaceiras_buguinas.jpg

O dúo de música tradicional BellónMaceiras (Daniel Bellón e Diego Maceiras) ven de presentar o seu primeiro conto musicado dirixido ao público infantil e familiar. A partir dun texto de Pepablo Patinho, BellónMaceiras constrúe a banda sonora de "A Música das buguinas" cunha selección de temas populares e composicións propias. O conto está ilustrado por Leandro Lamas e narrado por Gloria Mosquera de Mamá Cabra.

Os d'Abaixo voltan con Somos a pedra

Xénero: Folk | 5 / 1 / 2022

somosapedra_osdabaixo.jpg

Logo dunha exitosa campaña de Verkami, a banda Os d'Abaixo presentaba este mes de decembro Somos a pedra. O terceiro traballo do grupo recupera pezas populares, entre elas algunha das gravadas por Alan Lomax, e incorpora composicións propias para sumar un total de once temas. As traballadas melodías integran arranxos inéditos na traxectoria da banda e ritmos vivos para deconstruír formas tradicionais. O sexteto propón sonoridades nas que o baile se mestura coa escoita pausada, cunha percusión máis variada que en anteriores traballos.

Brath continúa a súa experimentación con Clan Atlante

Xénero: Folk | 4 / 1 / 2022

brath_clan_atlante.jpg

En marcha desde 1980, o veterano grupo de folk e fusión Brath acaba de tirar do prelo o seu duodécimo traballo, no que continúa a apostar pola experimentación a partir da música de raíz. O que fora o primeiro grupo galego en integrar instrumentación eléctrica na tradición lanza o libro-CD Clan Atlante. O novo álbum mestura "composicións de fondo raigame galego coa música indie e alternativa mesturada cos sons do jarocho mexicano, dando como resultado un traballo ecléctico e diferente", segundo indica a banda no seu texto de presentación. Unha colección de temas no que se percibe a vontade de experimentar e que se atreve mesmo a fundir ska con pasodobre.

Un libro-CD recolle a historia e sons das pioneiras Pandereteiras de Mens

Xénero: Folk | 27 / 12 / 2021

Mens-Capa.jpg

Cinco mulleres labregas da comarca de Bergantiños que foron as pioneiras en levar o formato feminino das pandereteiras aos palcos e escenarios do espazo público nos anos 70 e 80. Elas foron as Pandereteiras de Mens e un novo libro-CD publicado por aCentral Folque recupera a súa historia elgado, grazas ao estudo da etnomusicóloga e doutora en Antropoloxía Beatriz Busto. Unha historia do que supuxo para o futuro musical do país así como tamén para as súas propias vidas desde que, no ano 1972 e por primeira vez, se subiron ao palco do Teatro Colón da Coruña. O traballo é unha achega a unha parte indispensábel do patrimonio oral de Bergantiños e ao traballo artístico dunhas mulleres que cruzaron fronteiras e loitaron contra estereotipos. O libro contén fotografías a toda cor, unha compilación de músicas de diversos arquivos, incluídas aparicións televisivas, e transcrición de letras e músicas en partitura e do estudo musical, para o que a autora contou coa colaboración do etnomusicólogo Sergio de la Ossa, mestre da Escola de Música d’aCentral Folque.

Tanxugueiras queren amosar por vez primeira a diversidade lingüística en Eurovisión

Xénero: Folk | 21 / 12 / 2021

imaxe non dispoñible

Tanxugueiras son hoxe "Trending topic" en España. Na súa participación na carreira cara ao festival de Eurovisión, as de Teo presentaban na medianoite o tema co que aspiran a representar ao país nese certame internacional de televisións estatais. 'Terra' ten arestora máis de 100.000 reproducións, tras doce horas de presentación oficial na canle de YouTube (houbo unha filtración previa por mor da hora neocelandesa) e a proposta non deixou indiferente a ninguén, sobre todo no que ten que ver coa presenza das linguas oficiais do territorio estatal. "Non hai fronteiras. Ez dago mugarik. No hi ha fronteres. Nun hai fronteres. No hay fronteras ", así repite en galego, euskera, bable, catalán e castelán un dos retrousos deste alalá de Novo Trad das Tanxugueiras. O resto do tema cántase enteiro en galego e fai unha reivindicación da tradición e das raíces coa rotunda afirmación dunhas gorxas que cantan en voces que "veñen para quedar". De saír adiante sería a primeira vez que un tema nunha lingua oficial do Estado diferente ao castelán representaría a España nos 60 anos de certame. Polo festival europeo pasou en 2011 outra artista galega, Lucía Pérez, que contou en castelán a canción "Que me quiten lo bailao".

A folktrónica de Baiuca aspira a mellor disco estatal do 2021

Xénero: Electrónica | 16 / 12 / 2021

imaxe non dispoñible

O tribalismo máxico da 'folktrónica' presentado por Baiuca no seu segundo disco, 'Embruxo' (Raso Estudio, 2021), entrou na lista de 15 finalistas ao Premio Ruído ao mellor disco do ano. Este galardón outorgado pola Asociación de Periodistas Musicais, que celebra este ano a súa sétima edición, coloca o álbum do artista galego á par de outros nomes moi recoñecidos e veteranos da música estatal, coma Kiko Veneno, Vetusta Morla, Quique González, Zahara, C.Tangana ou Morgan, entre outros. Este premio xa recaeu antes en propostas galegas, concretamente Triángulo de Amor Bizarro gañouno dúas veces, en 2016 e na pasada edición de 2020. A resolución do Premio Ruído ten que pasar agora, entre estes quince finalistas, por unha nova fase de votacións que remata o vindeiro 30 de decembro.

Lucía Aldao comparte a súa 'Pava'

Xénero: Pop | 14 / 12 / 2021

pava_aldao.jpg

A poeta Lucía Aldao estréase na música en solitario cun proxecto de disco virtual propio. Nos últimos tempos estabamos afeitos a non disociar a Lucía da súa compañeira na poesía e nos escenarios , María Lado, no dúo Aldaolado. Agora Lucía Aldao (A Coruña, 1982) xa ten nas plataformas dixitais 'Pava', un disco de cinco temas propios que non aspira a converterse en disco físico senón puramente como cancións para ser escoitadas e descargadas, de tal xeito que mercar o traballo (para os 100 primeiros compradores) supón recibir o dereito de descarga das cancións e a escultura realizada pola artista Laura Pazos para ilustrar a portada do traballo.

Segundo disco da Orquesta Galega de Liberación

Xénero: Jazz/Blues | 10 / 12 / 2021

NALOITA_ OGL.jpg

A Orquestra Galega de Liberación, a formación de jazz improvisado na que participan ata dezaseis artistas destacados da escena musical galega baixo a dirección de Xacobe Martínez Antelo, ven de presentar o que é o seu segundo traballo discográfico tras o inaugural 'Orquestra Galega de Liberación' publicado a primeiros deste mesmo 2021. 'Na Loita' é o título deste traballo que foi gravado ao vivo e composto a tempo real no concerto dado pola formación durante o pasado Festival Jazz de Ría en Narón este verán. A OGL está conformada neste álbum por Max Gómez (batería); LAR Legido (batería); Javier Pereiro (trompeta); Olivier Cano (saxo alto); Xosé Miguélez (saxo tenor); Diego Alonso (saxo tenor); Rosolino Marinello (clarinete baixo); Rubén Fernández (voz); Sheila Patricia (voz); Antonio Bravo (guitarra); Manuel Cebrián (guitarra); Elena Vázquez (violín); María José Pámpano (viola); Macarena Montesinos (violoncello); Saúl Puga (contrabaixo) e a dirección de Xacobe Martínez Antelo. Con sete temas que ofrecen algo máis dunha hora de música 'Na Loita' está xa dispoñible en todas as plataformas dixitais.

Clara Pino e Pablo Vidal finalizan o ano con Xela

Xénero: Melódica | 9 / 12 / 2021

xela_clara_pino_pablo_vidal.jpg

A Cidade da Cultura acollía o pasado 2 de decembro a presentación de Xela. Clara Pino e Pablo Vidal fechan as homenaxes a Xela Arias do en que se lle dedicou o día das letras a presentar sete cortes con versións de textos da poeta.

<< Inicio / Anterior . 151 a 160 de 1395 . Seguinte \ Fin >>