Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Chicharrón achega a súa obra máis íntima con Erosión

Xénero: Pop | 3 / 3 / 2022

erosion_chicharron.jpg

Unha tiraxe de 68 casetes, tantos como anos tería feito a nai de Alberto M. Vecino, cantante do grupo, este 1 de marzo, compón a edición física de Erosión novo lanzamento da banda Chicharrón. Na rúa desde o comezo deste mes, o álbum achega dez temas que o vocalista escribiu durante o último mes de vida da súa nai, gravadas na mesma orde en que se compuxeron.

Galicia Fiddle celebra os seus dez anos co lanzamento de Acanteira

Xénero: Folk | 2 / 3 / 2022

acanteira_gz_fiddle.jpg

A Asociación Galicia Fiddle, promotora do encontro de violín tradicional San Simón Fiddle, está a celebrar a súa primeira década de existencia. Cun certo atraso, derivado da pandemia, a entidade presenta Acanteira, un libro-CD que recolle dezaseis temas da música tradicional galega adaptados a este instrumento e tocados por intérpretes de entre 13 e 24 anos.

Dakidarría reúnen todos os seus sinais de identidade en 'Colaxe'

Xénero: Fusión | 28 / 2 / 2022

colaxe_dakidarria.jpg

Xa está aquí 'Colaxe' (El Garage Producciones, 2022), o agardado novo disco da banda Dakidarría. Seis anos despois do disco en directo en formato CD-DVD 'De cuncas e de mar' (2016), co que celebraban os seus 13 anos de traxectoria, o grupo volve e gravar novos temas para esta celebración de 18 anos de actividade nos que nunca deixaron de estar presentes sobre os escenarios e festivais do país. O disco xa está dispoñible nas plataformas dixitais.

As Tanxugueiras volven a Ortigueira encabezando cartel

Xénero: Miscelánea | 18 / 2 / 2022

imaxe non dispoñible

O Festival Internacional do Mundo celta de Ortigueira volve este ano e nel volven a estar as Tanxugueiras, como xa estiveron en 2019, pero esta vez no máis alto do cartel. As pandereteiras foron anunciadas esta semana como a fichaxe estrela deste festival de referencia da música folk e tradicional, onde xa estiveron na 41ª edición pre-pandemia. O festival, que se celebrará entre o 10 e o 17 de xullo, tamén confirmou a presenza dos escoceses Red Hot Chilli Pipers.

Álvaro Iglesias reivindica o contrabaixo para a tradición en Vagalume

Xénero: Folk | 16 / 2 / 2022

vagalume_alvaro_iglesias.jpg

Vagalume, terceiro disco en solitario de Álvaro Iglesias, continúa a aproximación á música tradicional galega desde o contrabaixo solista. A seguir a liña que iniciou con Alma en 2018, desta volta o intérprete dálle un especial protagonismo aos nomes convidados nestes dez novos temas tirados da tradición.

O Cuarteto Caramuxo fai Reviravoltas

Xénero: Folk | 9 / 2 / 2022

reviravolta_caramuxo.jpg

Este catro de febreiro chegaba ás plataformas dixitais Reviravoltas o novo traballo do Cuarteto Caramuxo. A formación composta por Xulia Feixoo, Marcos Padrón, Felipe Agell, Xoan Carlos Vázquez, Oscar Prieto e Fernando Abreu avanza na súa reinterpretación da tradición galega con claves de jazz e de música clásica, e atrévense mesmo con elementos de electrónica nos once temas que compoñen o seu cuarto lanzamento

Unha banda sonora para o Día da Clase Obreira Galega

Xénero: Clásica/Lírica | 9 / 2 / 2022

imaxe non dispoñible

A conmemoración do 50 aniversario da xornada de protestas obreiras no Ferrol que rematou coa morte de dous traballadores de Bazán, o 10 de marzo de 1972, terá este ano unha achega musical. O Auditorio de Ferrol acollerá o 12 de febreiro a estrea da peza musical 'Ferrol 1972' dedicada a aqueles feitos e composta para a ocasión polo músico vigués Juan Durán. A peza será interpretada polo quinteto de metais Hércules Brass acompañados por Gabriel López Rodríguez ao piano e Miguel Castro Pérez, Jorge Juan Deaño Núñez e María Isabel Diego Calviño na percusión. O compositor cedeu os dereitos desta obra de 10 minutos á asociación Fuco Buxan, da que partiu o encargo desta conmemoración musical e a propia asociación pona a obra a disposición da clase obreira e dos sindicatos de clase. 'Ferrol 1972' busca, segundo declaración de Juan Durán para o xornal Praza, "debuxar a banda sonora" dun momento importante na loita polos deritor dos traballadores e que deu lugar á celebración anual, cada 10 de marzo, do Día da Clase Obreira Galega.

As Tanxugueiras terán praza de seu en Teo

Xénero: Folk | 3 / 2 / 2022

imaxe non dispoñible

Por motivos aínda pouco claros, non terán praza para ir ao Eurovisión 2022 en representación de RTVE, pero as Tanxugueiras si terán praza en Luou (Teo) co seu nome e co recoñecemento sen fisuras do seu pobo. O pleno do Concello de Teo, celebrado este mércores 2 de febreiro, acordou homenaxear ao grupo dándolle o seu nome á área recreativa de Luou. A corporación municipal aprobou por unanimidade unha moción conxunta presentada polos grupos municipais do BNG, PSdG-PSOE, SondeTeo e PP neste sentido. Así o concello deixa inscrito o nome do grupo, asociado ao lugar coñecido como a Horta do Cura, moi preto da sede da asociación cultural A Mámoa, na que as irmás Olaia e Sabela Maneiro aprenderon a tocar a pandeireta e tamén a cantar. O pleno recoñece na súa decisión que "As Tanxugueiras trasladan coa súa música e baile unha mensaxe da Galicia actual que, sen renunciar ás orixes, adáptase aos novos tempos demostrando que o galego é unha lingua viva que lonxe de pechar fronteiras ábrenos novos horizontes dos que sentírmonos orgullosas." Engade a corporación o recoñecemento que vai máis alá delas por seren "mulleres que beben da tradición doutras moitas que antes nos precederon ás que renden homenaxe coa súa música e que abandeiran, dende o feminismo, a tradición e identidade." As pandeireteiras veñen ademais de confirmar a súa participación no festival SonRías Baixas, de Bueu.

O ciclo 'Pioneirxs da música galega' revivirá en directo discos históricos

Xénero: Cantautor | 28 / 1 / 2022

imaxe non dispoñible

A Deputación Provincial da Coruña crea o ciclo 'Pioneirxs da música galega' que revivirá, a través de concertos en directo, álbums que marcaron a historia recente da música galega e en galego. Serán concertos únicos que recuperarán repertorios dos anos 1977 e 1978 de discos tan singulares como 'Pilocha', da cantora que actúa baixo este mesmo nome artístico, e que se considera o primeiro álbum de jazz-fusión galego, e 'Ti, Galiza' de Miro Casabella e que supón un dos primeiros álbums de música de autor en lingua galega. Estes dous primeiros concertos terán lugar no Teatro Colón o sábado 12 de febreiro, con Pilocha, e o sábado 5 de marzo, con Miro Casabella. As entradas serán de balde previa retirada a través da web do Teatro Colón.

Tanxugueiras arrodéanse de talento galego para a súa posta en escena

Xénero: Fusión | 26 / 1 / 2022

imaxe non dispoñible

O desembarco das Tanxugueiras hoxe no Benidorm Fest contará coa compañía dun abano de artistas galegos que reforzarán a súa posta en escena e candidatura para asistir a Eurovisión 2022 co tema 'Terra'. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro presentarán este mércores, na primeira das dúas semifinais do certame (22.40 horas no Palau L’illa de Benidorm), o seu directo coa canción que acumula máis de 4 millóns de visualizacións e escoitas nas principais plataformas dixitais. O directo presentarase cunha posta en escena liderada polo trío de pandeireteiras, no que estarán acompañadas por un grupo de artistas, fundamentalmente de Galicia, baixo a dirección da escenógrafa Laura Iturralde (Osmose, con Mercedes Peón, e premiada pola iluminación de Fariña) e a coordinación xeral de PlayPlan Cultural, quen tamén asume a dirección de produción.

<< Inicio / Anterior . 141 a 150 de 1395 . Seguinte \ Fin >>