Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O ciclo 'Pioneirxs da música galega' revivirá en directo discos históricos
O ciclo 'Pioneirxs da música galega' revivirá en directo discos históricos
xaneiro 28, 2022
A Deputación Provincial da Coruña crea o ciclo 'Pioneirxs da música galega' que revivirá, a través de concertos en directo, álbums que marcaron a historia recente da música galega e en galego. Serán concertos únicos que recuperarán repertorios dos anos 1977 e 1978 de discos tan singulares como 'Pilocha', da cantora que actúa baixo este mesmo nome artístico, e que se considera o primeiro álbum de jazz-fusión galego, e 'Ti, Galiza' de Miro Casabella e que supón un dos primeiros álbums de música de autor en lingua galega. Estes dous primeiros concertos terán lugar no Teatro Colón o sábado 12 de febreiro, con Pilocha, e o sábado 5 de marzo, con Miro Casabella. As entradas serán de balde previa retirada a través da web do Teatro Colón.
Pilar Martínez Conde 'Pilocha' (Vigo, 1957) e Ramiro 'Miro' Casabella, (O Valadouro, Lugo. 1946) subirán ao escenario con cadansúa banda para interpretar os seus respectivos discos íntegros, recuperando os repertorios orixinais mais con arranxos actuais e con colaboracións únicas. Concertos que permitirán comprobar a vixencia destes dous traballos musicais, cada un no seu estilo, como xeito de reivindicación do seu papel decisivo do novo rumbo da música de autor galega ata os nosos días (Miro Casabella), e do que foi o jazz-fusión galego (Pilocha). Tanto Pilocha como Miro Casabella visitaron onte o escenario no que actuarán e lembraron os comezos das súas carreiras musicais explicando que "cantar en galego naquel momento era totalmente reivindicativo" e animando ao público a asistir e recuperar "cancións que nos acompañan desde entón e que xa forman parte do noso acervo cultural".