Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Os composteláns Radio Zapa! presentan 'Demasiado'

Xénero: Rock | 30 / 3 / 2022

radiozapa_demasiado.jpg

Desde 2015 Martín Zapata (Ruxe-Ruxe, La Maldita Blues Band, The Fabulous Resaca Brothers), Fran Facal (Dr. Gringo, Bakin Blues Band) e Jacobo García (Sinestesia, Néboa) veñen traballando como Radio Zapa!. O trío ofrece un rock potente e denso, transitando por sons que van desde a psicodelia dos anos 70 á escena stoner actual pero no que aparecen moitas fontes que podemos relacionar con case todas esas bandas polas que pasaron ou aínda están os tres músicos, tamén no caso das letras combativas e con crítica social.

Música e arquitectura únense en Santiago co ciclo 'Onde a música habita'

Xénero: Miscelánea | 25 / 3 / 2022

imaxe non dispoñible

Pór en valor a arquitectura notable da cidade de Santiago de Compostela como marco de accións culturais, neste caso musicais, é o obxectivo do ciclo "Onde a Música Habita", organizado polo Concello e a delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG Santiago). Serán en total catro concertos ao longo do ano que achegarán a música a espazos arquitectónicos referentes na cidade pero dos que moita cidadanía descoñece a súa relevancia arquitectónica, a pesares de ser edificios coñecidos e utilizados. Cada concerto será introducido polo actor Quico Cadaval, que contará aos asistentes a historia de cada localización e en cada concerto a música porase ao servizo da arquitectura, adaptando cada proposta musical ás características do espazo.

Os festivais de jazz premian a Sumrrá

Xénero: Jazz/Blues | 15 / 3 / 2022

imaxe non dispoñible

A Asociación de Festivais de Jazz Plataforma Jazz España ven de presentarse en sociedade facendo públicos os seus dous primeiros artistas recoñecidos cos Premios Jazz España. A formación galega Sumrrá recolleu o premio a Mellor Proxecto Consolidado do Catálogo Jazz España, no que entran a votación entre os asociados as formacións que participaron das programacións do ano anterior. Así, Sumrrá foi o primeiro proxecto consolidado máis recoñecido polos programadores, compartindo protagonismo co trío da artista catalá Lucía Fumero, como Mellor proxecto emerxente. Os Premios Jazz España consisten nunha xira de concertos polos festivais asociados. Xacobe Martínez Antelo acudiu por Sumrrá ao acto de entrega dos galardóns e presentación do proxecto da asociación na sede da Fundación SGAE en Madrid.

Heredeiros da Crus deixan gravada a súa versión acústica nun novo disco

Xénero: Rock | 11 / 3 / 2022

xiraangustica_HDC_Live.jpg

As restricións derivadas da alerta sanitaria tiveron diferentes tipos de impacto sobre a escena musical, cando se puideron levar a cabo os primeiros concertos unha das limitacións era que o público tiña que estar sentado e quieto. Esa circunstancia pegaba ben pouco cos habituais concertos enerxéticos de Heredeiros da Crus pero a experimentada banda de rock do Barbanza foi quen de ofrecer aos seus seguidores un formato axeitado ao momento, revisando o seu repertorio en acústico na que foi denominada "Xira Angústica" coa que recorreron Galicia. Froito desa experiencia, chega unha nova gravación do grupo, recollida en directo o pasado ano no Palexco de A Coruña no que foi o seu derradeiro concerto neste formato. 'Xira Angústica. Live in A Coruña' (Dotbeat, 2022), é un traballo que recolle esa proposta atípica do grupo, amosando unha faciana descoñecida. En total este disco, o duodécimo da súa discografía e o segundo que recollen en directo tras "All right Chicago [Rock'n'roll] (BOA Music, 2000)", ofrece 13 melodías espidas de fogos de artificio que crean novas escoitas do seus himnos a escribir na historia da música en Galicia no momento en que a incombustible formación celebra os seus 30 anos de actividade. O disco está dispoñible xa nas plataformas dixitais.

O terceiro álbum da Orquestra Galega de Liberación mira alén do Miño

Xénero: Jazz/Blues | 10 / 3 / 2022

OGL_MeetsPortugal.jpg

A Orquestra Galega de Liberación suma un novo rexistro ao seu prolífico percorrido como emblema do jazz improvisado. 'Meets Portugal' é o terceiro disco presentado pola OGL en pouco máis dun ano. Como os anteriores foi gravado ao vivo, neste caso recollendo a actuación íntegra feita en Tui o 9 de setembro durante a apertura do encontro MUMI 2021, reunindo músicos galegos e portugueses. Toda a música deste concerto foi improvisada no acto e composta en tempo real mediante técnicas de improvisación dirixida. Ningún material fora acordado, aprendido ou composto previamente segundo indica a propia OGL. Dezasete músico participan desta gravación, seis deles lusos, feita xustamente na apertura dese evento que representa o encontros entre as escenas portuguesa e galega nas beiras do Miño. Seis temas cuxas execucións supoñen un total de 54 minutos conforman este terceiro traballo desta formación de música que reúne artistas e intérpretes dos distintos ámbitos do mundo clásico, o jazz, a música de vangarda e a performance. 'Meets Portugal' segue ao seu primeiro disco, 'Orquestra galega de Liberación' (2021) co que se recolleu o seu primeiro concerto e a 'Na Loita' (2021) que foi gravado ao vivo no Festival Jazz de Ría de Narón en agosto do pasado ano. O disco está dispoñible en todas as plataformas dixitais, incluíndo You Tube.

Grampoder publica hoxe o seu novo disco 'PM'

Xénero: Rock | 4 / 3 / 2022

grampoder_pm.jpg

O dúo compostelán Grampoder, conformado por dous terzos do trío que foran The Homens, ven de poñer final oficial ao "tempo indeterminado de reflexión e renovación de fondo de armario" co que se despediron en 2015 tras a publicación do seu mini EP 'Tigerland'. A banda xa se deu por "resucitada" dando algúns concertos desde 2019 pero agora é cando esa volta plásmase na forma dunha nova gravación de estudo. O álbum longo 'PM' é a súa nova carta de presentación musical, con este disco de 10 novos temas volven cunha versión máis enérxica, máis eléctrica e máis escura do seu rock portátil. A banda regresa para presentar novas cancións nas que exploran as texturas do pop psicodélico, a rabia do hardcore e a densidade do post-punk, mantendo un formato escénico mínimo.

Chicharrón achega a súa obra máis íntima con Erosión

Xénero: Pop | 3 / 3 / 2022

erosion_chicharron.jpg

Unha tiraxe de 68 casetes, tantos como anos tería feito a nai de Alberto M. Vecino, cantante do grupo, este 1 de marzo, compón a edición física de Erosión novo lanzamento da banda Chicharrón. Na rúa desde o comezo deste mes, o álbum achega dez temas que o vocalista escribiu durante o último mes de vida da súa nai, gravadas na mesma orde en que se compuxeron.

Galicia Fiddle celebra os seus dez anos co lanzamento de Acanteira

Xénero: Folk | 2 / 3 / 2022

acanteira_gz_fiddle.jpg

A Asociación Galicia Fiddle, promotora do encontro de violín tradicional San Simón Fiddle, está a celebrar a súa primeira década de existencia. Cun certo atraso, derivado da pandemia, a entidade presenta Acanteira, un libro-CD que recolle dezaseis temas da música tradicional galega adaptados a este instrumento e tocados por intérpretes de entre 13 e 24 anos.

Dakidarría reúnen todos os seus sinais de identidade en 'Colaxe'

Xénero: Fusión | 28 / 2 / 2022

colaxe_dakidarria.jpg

Xa está aquí 'Colaxe' (El Garage Producciones, 2022), o agardado novo disco da banda Dakidarría. Seis anos despois do disco en directo en formato CD-DVD 'De cuncas e de mar' (2016), co que celebraban os seus 13 anos de traxectoria, o grupo volve e gravar novos temas para esta celebración de 18 anos de actividade nos que nunca deixaron de estar presentes sobre os escenarios e festivais do país. O disco xa está dispoñible nas plataformas dixitais.

As Tanxugueiras volven a Ortigueira encabezando cartel

Xénero: Miscelánea | 18 / 2 / 2022

imaxe non dispoñible

O Festival Internacional do Mundo celta de Ortigueira volve este ano e nel volven a estar as Tanxugueiras, como xa estiveron en 2019, pero esta vez no máis alto do cartel. As pandereteiras foron anunciadas esta semana como a fichaxe estrela deste festival de referencia da música folk e tradicional, onde xa estiveron na 41ª edición pre-pandemia. O festival, que se celebrará entre o 10 e o 17 de xullo, tamén confirmou a presenza dos escoceses Red Hot Chilli Pipers.

<< Inicio / Anterior . 141 a 150 de 1407 . Seguinte \ Fin >>