Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

A pandeireta como eixo do Serán '03

Xénero: Folk | 1 / 6 / 2022

imaxe non dispoñible

A pandeireta será a protagonista absoluta do Encontro Galego de Cultura Popular, Serán'03. A Cidade da Cultura acollerá do 10 ao 12 de xuño a terceira edición deste evento no que se darán cita ao redor dun milleiro de artistas e intérpretes de música e baile tradicional. Ao redor da pandeireta levantarase un programa de tres xornadas intensas de concertos, espectáculos, festivais, masterclasses profesionais, un desfile de traxe tradicional, unha feira sectorial ou conferencias, e no que tampouco faltarán obradoiros e espectáculos para público familiar.

Trinta anos de pasos no 'Camiño longo' de Treixadura

Xénero: Folk | 30 / 5 / 2022

treixadura_camino_longo.jpg

Trinta anos leva a formación tradicional Treixadura camiñando polos escenarios do país e con esa celebración presentan un novo traballo discográfico, 'Camiño longo', co que tamén seguen a andar por auditorios e eventos. Como xa fixeran en anteriores aniversarios "redondos", celebrando os vinte anos con "Esa si que é muiñada" (2011) e os 25 co álbum gravado en directo "Vendima tarda" (2014) agora os de Cambados celebran o trinta aniversario cunha forte aposta que en forma dun libro - disco no que fan un percorrido pola súa propia traxectoria. Este oitavo disco, 'Camiño longo' é un documento de 17 temas musicais e 104 páxinas que amosa o propio percorrido da formación a nivel musical e histórico, un intento de deixar rexistro de 30 anos de emoción compartidos con moitos seguidores, que grazas as cancións os datos e as fotografías poderán revivir moitos momentos de Treixadura, achegándose á traxectoria desta importante formación. O disco, autoeditado, foi gravado nos estudios Casa de tolos, en Mañufe, Gondomar, e Edisco, A Estrada, durante os meses de xaneiro a marzo de 2020 e conta coas colaboracións da Banda Municipal de Música de A Coruña e do Coro Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela ademais da de Rodrígo Romaní. Treixadura xa está a presentar este traballo en diferentes escenarios cunha axenda cuxa seguinte parada será o vindeiro día 3 en Crecente (Albeos) no marco das Festas das Dores e o Santo Cristo.

Os Grupos de Vigo en Loita organizan un concerto de protesta contra o Concello

Xénero: Miscelánea | 25 / 5 / 2022

imaxe non dispoñible

A plataforma Grupos de Vigo en Loita, creada por músicos da cidade olívica para canalizar as súas protestas sobre as condicións dos locais de ensaio municipais Vigosónico, organizará o vindeiro venres un concerto de reivindicación das súas reclamacións. O club Molotov acollerá o venres 3 de xuño este acto que inclúe a sete bandas da escena viguesa, para reclamar a mellora das salas de ensaio de Vigosónico e tamén servirá para reivindicar a presencia de bandas viguesas na programación de verán do Concello, que, para o colectivo organizador "brilla pola súa ausencia, especialmente cando esta podería servir de altofalante da cultura da cidade xuntando aos artistas da cidade cos grandes nomes internacionais". O evento contará con músicos de diferentes estilos, dende o rap de La Cloaka Sound e JCA, pasando polo punk dos Vacalouras, o metalcore de Arson Tides, a mestura de rap e rock do Puto Show, o pop punk de Gracias por Nada, o rock duro de West Ride ou o rock de Einconscientes. A entrada será de balde.

Quiosco: Sons da Galiza 1

Xénero: Folk | 10 / 5 / 2022

imaxe non dispoñible

A revista Sons da Galiza pon na rede en formato de pdf interactivo o seu número 1, correspondente ao mes de abril. A publicación de Óscar Martínez ofrece, ademáis dunha benvida editoria do responsable, tres entrevistas co dúa Caamaño & Ameixeiras, Budiño e Xisco Feijoo. Ademais a publicaciópn sobre a música tradicional inclúe tamén unha reportaxe sobre o legado do musicólogo Alna Lomax. O segundo número desta publicación está a piques de saír co Día das Letras Galegas.

Raúl Diz homenaxea a Florencio Delgado cun álbum monográfico

Xénero: Cantautor | 10 / 5 / 2022

raul_diz_corgomo_fair_oaks.jpg

Cinco poemas de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2022, compoñen De Córgomo a Fair Oaks. Raúl Diz, membro de Os Amigos dos Músicos, asina este proxecto en solitario que vé a luz baixo o selo Todomedre e A Regueifa 2.0, e foi masterizado por Tomás Ageitos nos estudos A Ponte. Diz acompaña a súa voz con guitarras acústicas en melodías sinxelas que desenvolveu con fins didácticos.

Astarot presentan o álbum 'Baixo a luz de Breogán'

Xénero: Rock | 5 / 5 / 2022

imaxe non dispoñible

'Astarot' levan trinta e nove anos facendo rock, e incorporaron a lingua e a cultura galega ás súas gravacións no seu terceiro traballo "Apuesta y gana" (1996), dende entón sempre foron xa un referente do rock en galego, con temas novos ou incorporando cancións populares ás sonoridades do rock metal. Neste aniversario importante a banda de Cangas do Morrazo presenta o seu noveno disco 'Baixo a luz de Breogán' (RockCd Records). O álbum contén 14 cancións, algunhas delas son cancións propias e outras melodías creadas con letras de destacados autores e escritores que compuxeron en lingua galega. Neste traballo Astarot segue os pasos dos seus anteriores traballos, pero fusionando aínda máis o son do rock con melodías celtas, para o que contaron coa colaboración de músicos como Bieito Romero e Xan Cerqueiro. Con 'Baixo a Luz de Breogán' a banda quixo render homenaxe a autores que marcaron a literatura en lingua galega como Rosalía de Castro, Xela Arias, Federico García Lorca ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros.

As fusións coa música tradicional triunfan nos Premios MIN

Xénero: Fusión | 28 / 4 / 2022

imaxe non dispoñible

A XIVª edición dos Premios MIN da música independente en España desvelou onte os seus premiados e a música galega sae desa cita con tres galardóns. A revisión da nosa música tradicional que se está a facer cun cada vez maior éxito de público e crítica viuse referendada por estes galardóns. O fenómeno do ano, as Tanxugueiras, recibiron nesta ocasión o Premio AIE a Mellor Artista Emerxente do Ano en España polas cancións como 'Terra' coa que foron finalistas de Eurovisión. O premio foi un dos catro aos que eran finalistas. As tres cantareiras conseguen así o seu segundo premio MIN, xa que gañaron outro co seu traballo de debut en 2018 como mellor disco en galego do ano. Pola súa banda, outro dos representantes da reinterpretación da tradición, xa desde o enfoque da música electrónica que devén en folktrónica, Baiuca, alzouse con dous importantes premios polo seu recente traballo 'Embruxo' (Raso estudio) co que xa conseguira antes ser finalista do Premio Ruído da Asociación de Periodistas Musicales conseguiu neste certame da música independente ser recoñecido como a Mellor Gravación de Música Electrónica. Ademais o álbum venceu na categoría de producións en idioma galego. O artista acada así dúas das oito candidaturas finalistas nas que chegou a estra presente nesta edición dos galardóns. Baiuca foi ademais o encargado de clausurar a gala dos premios en Pamplona coa súa actuación.

Galegote Rock volta á normalidade no Xº aniversario

Xénero: Miscelánea | 12 / 4 / 2022

imaxe non dispoñible

A aposta pola música moderna en galego celebra o seu décimo aniversario en Pontevedra ao chegar a esa edición o Galegote Rock. Este festival de música en directo está promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra para dar a coñecer a intérpretes e grupos de distintos estilos musicais co denominador común de usar o idioma galega nas súas cancións. Nesta nova edición que terá lugar entre o 28 e o 29 de abril o Galegote Rock volve aos locais de Pontevedra recuperando a súa esencia, logo de dous anos de pandemia. En total serán doce concertos a celebrar de novo en pé e tanto en espazos ao aire libre como dentro das salas pontevedresas habituais deste circuíto.

Xabier Díaz recorre á infancia como base para unha actitude positiva

Xénero: Melódica | 11 / 4 / 2022

portada_LevantarseCaer.jpg

Xabier Díaz lanza novo traballo en solitario, 'Levantarse e caer' , que xa está dispoñible desde o pasado venres en todas as plataformas. Este novo traballo do cantor é paralelo ao seu percorrido xunto a Adufeiras de Salitre, coas que leva xa tres discos publicados. Agora Díaz, con este álbum de 10 temas que navegan entre o son tradicional galego, a música melódica e os arrolos, afonda, segundo a súa presentación, nos sentimentos de benestar, autocoñecemento e bondade, e na relevancia das experiencias infantís na construción dos nosos eus adultos e para basear sobre iso a nosa capacidade de resiliencia. Xabier explora os recordos da infancia, a perspectiva adulta do éxito e a necesidade de querer e querernos máis e mellor como unha forma de sandar as feridas e construír unha realidade máis amable. O primeiro avance do disco, o tema homónimo 'Levantarse e Caer', vía a luz o pasado mes de marzo e pasaba inmediatamente a coarse entre os temas en galego máis escoitados en todas as plataformas. Tras el chegaba 'María e a Curuxa', un arrolo de patrón suave e doce.

Xa está dispoñible o 'Segmento Cantábrico' de Ugía Pedreira

Xénero: Fusión | 8 / 4 / 2022

segmentocantabrico_apedreira.jpg

Desde hoxe xa está dispoñible ao completo nas plataformas dixitais '𝙎𝙚𝙜𝙢𝙚𝙣𝙩𝙤 C𝙖𝙣𝙩𝙖́𝙗𝙧𝙞𝙘𝙤' o disco de Ugía Pedreira, 'A Pedreira', como asina neste primeiro traballo en solitario dunha artista que ten unha traxectoria anterior que inclúe outros trece traballos discográficos en diferentes proxectos, desde Marful a Nordestin@s, ecléctica Ensemble ou Acróbata. Este traballo inclúe un minipoemario, 'Atalaia Norte', e entre os dous formatos a Pedreira dirixe a súa intención a sinalar a relación entre pobos e tribos creada historicamente pola comunicación a través do mar Cantábrico. A artista mira desde Castropol, onde reside e Foz, de onde procede, para a costa galega, asturiana, vasca e bretoa especialmente.

<< Inicio / Anterior . 131 a 140 de 1407 . Seguinte \ Fin >>