Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Xosé Constenla presenta o seu segundo disco con temas unidos por un sentimento de entusiasmo
Xénero:
| 14 / 5 / 2008"Olladas dun entusiasta" (Setestrelo Editora) constitúe o segundo traballo discográfico do cantautor compostelán Xosé Constenla, despois de “Quen fixo berrar ao silencio” (autoedita, 2005). Este álbum de 13 composicións propias é unha produción do propio Xosé Constenla en colaboración con Ramón Feáns (arranxos e dirección musical) para o selo de nova creación Setestrelo Editora. Gravado e misturado nos estudios PINK de O Milladoiro (Ames) conta con moitas colaboracións, entre as que destaca a presenza do cantautor madrileño Javier Bergia. Ramón Feáns (guitarras, bouzouki, baixo e programacións), Paulo Gacio(frauta traveseira e saxo soprano), Paco Nogueiras (acordeón) e Javier Rodríguez (teclados) foron os músicos que gravaron os distintos instrumentos que aparecen no traballo. O artista presentará o seu traballo este xoves no Pub Tarasca de Santiago e a distribución do disco correrá da man de Lonxa Cultural.
Os versos de Álvarez Blázquez saltan á música no DVD “Palabras liberadas”
Xénero:
| 13 / 5 / 2008O Concello do Porriño presentaba onte o proxecto "Palabras liberadas" para Xosé maría Álvarez Blázquez. A iniciativa inclúe a presentación dun DVD no que se recitan e se presentan versións musicadas de textos do autor, con estilos coma o rock, o rap ou a música coral a cargo de El Cubo, Kedro ou Uxía. Os recitados corren por conta de poetas e escritores coma Luz Pozo, Xavier Rodríguez Baixeras ou Manuel Forcadela. A iniciativa conta co apoio da Consellaría de Cultura, que presenta outras propostas no web 17demaio.org.
O Xacobeo levará a organización artística do festival de Ortigueira
Xénero:
| 6 / 5 / 2008Aínda que xa participara en outras edicións como patrocinador do Festival Internacional do Mundo Celta a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo entrará este ano directamente na organización do evento. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou hoxe un convenio asumindo a contratación e produción dos espectáculos e actividades paralelas, así como o deseño da publicidade e imaxe corporativa a cargo do Xacobeo. A parte da organización artística do prestixioso festival quedará así enteiramente nas mans do Xacobeo. O alcalde de Ortigueira, Rafael José Girón, tamén asinou o convenio polo que o Concello comprométese en cuestións loxísticas, de vixilancia, limpeza, transporte, servizos sanitarios, licencias e autorizacións, etc.
Berrogüetto e Malvela exportan concertos para os dous hemisferios de América
Xénero:
| 24 / 4 / 2008As cantareiras Malvela inician este días a súa primeira xira transoceánica partindo o sábado cara Arxentina onde actuarán presentando as cancións do seu disco “Da miña xanela á túa “ (PAI, 2007). As cantoras de Sanguiñeda, con idades entre os 26 e os 82 anos, actuarán no Coñexio Santiago Apostol, no Centro de Residentes de Mos e no Teatro bambalinas de Buenos Aires. Na súa xira estarán acompañadas pola cantante Uxía. E entrando polo Norte do continente tamén inician xira internacional os Berrogüetto coa súa renovada formación. En México actuará nun dos teatros con máis solera do país: o Teatro Degollado na cidade de Guadalajara; será o 1 de maio. A continuación participará durante dous días na Feira de San Marcos, en Aguascalientes, o día 3 de maio no Teatro del Pueblo e o día 4 no Pabellón de España ubicado na citada feira. A seguinte parada neste periplo será Irlanda, país ó que acudirá para presentar o seu traballo en dúas cidades: Ennis, no Glòr Music Center o día 9 de maio, e Baltimore, dentro do Baltimore Fiddle Festival o 10 do mesmo mes.
Premio de investigación para un estudo sobre a música en Pontevedra
Xénero:
| 18 / 4 / 2008Un traballo sobre a situación da música pop e rock na provincia de Pontevedra pasada a época da “movida” foi o gañador do premio á investigación convocado pola Deputación de Pontevedra. O xurado reunido onte achou a Susana Rodríguez Barcia e Rubén Suárez Sousa merecedores do máximo galardón da convocatoria polo estudio da evolución da cultura musical na provincia no período comprendido entre 1997 e 2007. O galardón está dotado con 6.000 euros.
Lamatumbá saca o disco “Paraugas universal”
Xénero: IMAXES + AUDIO + VIDEO
| 18 / 4 / 2008 +Desde hoxe xa está nas tendas “Paraugas universal” (PAI – Música) o novo disco da multitudinaria banda Lamatumbá. Esta saída marca discográficamente a nova etapa do grupo despois dos cambios na formación e polo cambio de editora, malia que os actuais integrantes xa levan un ano subindo aos escenarios e mesmo formaron parte da embaixada musical galega na feira Popkomm de Berlín no pasado ano. Se con “Lume!” (Falcatruada, 2005) chegaron a vender máis de tres milleiros de discos con “Paraugas universal” a festeira banda agarda repetir o éxito. O disco, que inclúe un DVD con cinco pezas audiovisuais entre as que hai videoclips e outros documentos, conta con colaboracións de luxo como as de Guadi Galego, Paulo Borges ou Uxía Senlle. Lamatumbá están negociando xa futuras actuacións en escenarios tan importantes como a Expo de Zaragoza, o Festival de Ortigueira, o Parque de Castrelos de Vigo ou o San Froilán de Lugo. Quince temas propios co habitual son de Lamatumbá conforman o disco gravado e mesturado por Segundo Grandío en Casa de Tolos.
Ophiusa saca ao mercado o seu primeiro disco
Xénero: VIDEO
| 16 / 4 / 2008 +Máis de dúas décadas despois do seu nacemento o grupo compostelán Ophiusa presenta esta semana o que é o seu primeiro disco “Paos” editado baixo o selo independente Leilear. Un concerto no Centro Sociocultural do Ensanche de Santiago este venres 18 de abril marcará o punto de saída do álbum ao mercado. Ophiusa está formado por Ramón Feáns, Paco Nogueiras, Antonio Presedo e Paulo Gacio. O grupo naceu a mediados do ano 1986,e durante case dez anos amosou o seu traballo en escenarios diversos e mesmo realizaron dúas xiras polas Illas Británicas nos anos 1988 e 1990. No ano 1995 o grupo fixo unha paréntese que durou dez anos volvendo a xuntarse a finais do ano 2005 renovándose coas experiencias acumuladas por cada un deles nas diversas bandas e formacións musicais polas que pasaron nestes anos.
O IGAEM saca a revista da Rede Galega de Música ao Vivo
Xénero:
| 10 / 4 / 2008A Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) conta con dúas novas canles para a difusión da súa actividade a través da revista “Ao vivo música” e da web www.musicaovivo.info, que en ambos casos ofrecen información sobre a axenda de concertos mailos grupos que configuran a programación deste circuíto de distribución musical promovido polo IGAEM en colaboración con Clubtura, Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo. A revista “Ao vivo música”, de periodicidade semestral, pode descargarse da devandita web e os seus 9.000 exemplares impresos se distribúen de xeito gratuíto nas salas da RGMV. A formación viguesa The Blows ocupa a portada do primeiro número da publicación, dando paso a máis de 30 páxinas nas que aparecen, entre outros contidos, reportaxes e entrevistas.
Ruxe-ruxe reivindícanse como banda de rock and roll con Xigantes
Xénero: AUDIO + VIDEO + IMAXES
| 10 / 4 / 2008 +Unha ducia de cancións enchen “Xigantes”, sexto disco da carreira da banda compostelá, e do que se amosan máis satisfeitos do son conseguido. Acompañado por membros da banda, Jose Patiño da discográfica PAI Música presentou en Santiago o novo disco dos Ruxe-ruxe e reivindicou para eles a categoría clara de banda de rock and roll por riba de outras etiquetas. Segundo o vocalista Vituco Neira “Xigantes” é un disco de rock cun son achegado aos clásicos dos sesenta e setenta que ten “moito respecto pola música tradicional”, da que seguen collendo músicas prestadas. O disco, que inclúe una pista co videoclip da canción “Xigantes”, foi gravado en Casa de Tolos e producido por Segundo Grandío e pola propia banda. Con doce anos de traxectoria os Ruxe-ruxe entenden que gravar un disco entra dentro do proceso normal do seu estilo de vida que consiste na satisfacción de “facer música”. Co disco novo baixo o brazo o grupo iniciará una xira por todo o Estado, o seu primeiro concerto de presentación será ás 22:30 horas deste sábado 12 na Sala Capitol de Santiago onde, cos dez euros da entrada, incluirán o disco.
Mutenrohi xirará co seu sétimo disco por Francia e Reino Unido
Xénero: VIDEO + AUDIO
| 8 / 4 / 2008 +A discográfica ourensá Zouma Records ven de presentar no seu catálogo de novidades o máis recente traballo do grupo Mutenrohi: Sete. Como o seu nome indica este é o sétimo disco da formación cando xa leva trece anos en activo en el presentan 11 novas cancións e dous temas gravados en directo nos que seguen a mesturar a tradición coa modernidade. Na gravación de Sete, nos estudios Desfase Sound, Mutenrohi puido contar coas colaboracións achegadas polo violinista de Wolfstone, Duncan Chisholm, a gaita de Cristina Pato, as voces de Eva Carreras e Laura Moure, a Banda de Gaitas de Cea, a frauta de Diego Fortes e Mcarballo na guitarra. A banda liderada por Xoan Carlos Fasero ten por diante un ano cheo de traballo no que estarán tocando no festival de Lorient, no Festival Celta de Isgneis e iniciarán xira polo Reino Unido. O disco preséntase este xoves, 10 de abril ás 11 horas na Livraría Torga (Rúa Paz) de Ourense.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca