Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
A terceira edición de “Vai de camiño” inclúe as cidades no seu itinerario
Xénero:
| 26 / 5 / 2008Naceu para promover os artistas galegos nos diferentes trazados do Camiño de Santiago. “Vai de Camiño” segue con esa mesma filosofía tres anos despois, pero agora incorpora as cidades dentro da súa ruta de espectáculos. Un total de 115 actuacións noutros tantos concellos, conforman un programa que se desenvolve do 30 de maio ao 30 de setembro. A Consellaría de Innovación destina 1.8 millóns de euros a un proxecto no que participan Berrogüeto, Mercedes Peón, Los Suaves, Siniestro Total, Deluxe, o Mago Antón ou The Ellas, entre moitos outros.
Lamatumbá presenta cun concerto na rúa o seu último disco
Xénero: VIDEO
| 22 / 5 / 2008 +A praza de Cervantes de Compostela acollía esta mañá unha curiosa actuación. Lamatumbá ofrecía un concerto improvisado no medio da rúa como xeito de presentar o seu último traballo "Paraugas Universal". Zancudos e animación de rúa completaban un espectáculo que chamou amplamente a atención de peregrinos e viandantes. Os que non puidesen asistir ao evento, teñen a oportunidade de ver o directo deste grupo na sala Capitol de Santiago esta mesma noite. Ou de ollar o video que preparamos para a ocasión.
Kalandraka edita o drama do arrabaldo de Charleston composto por George Gershwin
Xénero:
| 21 / 5 / 2008A nova entrega da colección de ópera para ”primeiros oíntes” de Kalandraka ofrece una oportunidade de achegar aos máis cativos a obra de George Gershwin e as interpretacións de Ella Fitzgerald e Louis Armstrong. “Porgy and Bess”, ópera que mestura as técnicas orquestrais europeas co jazz e a música folk estadounidense, estreouse en 1935, dous anos antes de morrer o compositor. Na obra cóntase a historia dun home discapacitado que trata de salvar á súa amada da influencia dos homes máis perigosos dun barrio de Charleston, en Carolina do Sul, na década de 1930. O libreto está adaptado por Joan de Déu Prats e conta con ilustracións de Daniel Jiménez. O CD inclúe cinco dos temas entre os que están o coñecido “Summertime” e “My man`s gone now”.
Do Cumio presenta un libro para aprender canto e danza tradicional
Xénero:
| 20 / 5 / 2008Un libro-disco que recolle 23 xogos tradicionais vertebrados arredor da nosa música e do baile tradicional. Esta é a aposta de "Para cantar e bailar", a publicación que presentaba onte Edicións do Cumio. O traballo, da autoría de Luís Prego, recupera xeitos lúdicos de aprendizaxe que lles permiten aos máis novos iniciarse nos distintos tipos de baile galego.
Volve Projecto Mourente cun novo disco de pop electrónico caseiro para bailar
Xénero: AUDIO + VIDEO
| 19 / 5 / 2008 +Como xa fixeran anteriormente co disco de Fanny +Alexander a plataforma A Regueifa edita, ao mesmo tempo, na rede e en formato CD o novo disco de Projecto Mourente, "Kara.o.ke". Despois do éxito de difusión que tivo co disco “Baixo os eucaliptos”, a proposta musical de Carlos Valcárcel, xa instalado no panorama musical, abriuse neste traballo á participación de outros músicos e colaboradores sen renunciar ao seu principio fundacional de facer pop electrónico caseiro enfocado como un entretemento. Desde estes fundamentos acompañan a Carlos Valcárcel Martin Wu (The Homens) e Noel Feáns (Fanny & Alexander) tocando guitarras, Xan Vázquez nos coros e Yolanda Valcárcel como voz adicional. Previamente á saída do disco adiantouse na rede o videoclip da canción “Os piores inimigos”. Os 10 novos temas veñen acompañados, ademais, dos remixes feitos por Cable, Fanny & Alexander e Colectivo Oruga e de unha versión do hit de The Homens "Non podo máis". Como é habitual A Regueifa edita o disco baixo licenza Creative Commons 2.5 xenérica.
Cultura homenaxea o compositor Henrique Macías con tres concertos
Xénero:
| 19 / 5 / 2008Tres recitais na Coruña, Compostela e Vigo, a cargo da formación portuguesa Sond´Arte Electric Ensemble recuperarán o legado de Henrique Macías. Serán os días 22, 23 e 25 deste mes, con entrada de balde no Teatro Rosalía, o Salón Teatro e mais o MARCO, respectivamente. Con esta iniciativa quérese homenaxear o desaparecido compositor galego que faría cincuenta anos neste 2008.
A Real Academia Galega catalogará o fondo musical de Marcial del Adalid
Xénero:
| 19 / 5 / 2008Foron os descendentes do compositor Marcial del Adalid os que, en 1928, depositaron na Real Academia Galega preto dun millar das súas partituras. Este material leva desde entón sen catalogar, o único traballo feito sobre el foi un inventario a cargo de Margarita Viso, pero disto hai máis dunha década. Por este motivo, Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da Real Academia Galega, acaba de afirmar que asinará un convenio coa Deputación da Coruña, que achegará 37.000 euros para analizar toda esa documentación.
Xarín volven á actualidade discográfica oito anos despois do primeiro disco
Xénero: AUDIO
| 15 / 5 / 2008 +Despois de máis de 8 anos de silencio discográfico a formación de gaiteiros das terras bravas do Incio, Xarín, presentan o seu segundo traballo discográfico “Galaguech”. Unha ducia de temas que beben da máis pura tradición musical do seu entorno conforman este disco, que axeitadamente toma o nome dunha voz usada na Pobra de Brollón para mandarlles beber ás vacas. Malia o seu marcado carácter tradicionalista nove das pezas son composicións dos membros da banda e só tres pertencen ao repertorio popular. Xarín demostran así a súa habelencia na composición creando pezas que engaden ao sabor tradicional a frescura da súa contemporaneidade. Como xa pasara no primeiro disco, o sexteto segue amosando a alma máis alegre da festa galega en todo o seu esplendor. O disco está editado por Zouma Records e foi gravado nos estudios Desfase Sound de Ourense.
Sete festivais de música galegos únense nunha marca para aumentar a súa repercusión
Xénero:
| 15 / 5 / 2008Teñen en común que son festivais musicais e úneos o interese por aumentar a súa forza e solucionar problemas conxuntamente. E desde onte que teñen a marca “Galicia Escoita”. Os sete festivais de música do país que crearon esa alianza son: “Día da Música” (Santiago, 21 de maio), FAX 08 (A Limia, 27 e 28 de xuño), Cultura Quente (Caldas de Reis, 11 e 12 de xullo), Mar de Fondo (Noia, 18 e 19 de xullo e 1 e 2 de agosto), Sonearte (Viveiro, 8 e 9 de agosto) e Reperkusión (Allariz do 19 ao 21 de setembro).
Un disco recolle unha selección do patrimonio musical da provincia de Pontevedra
Xénero:
| 14 / 5 / 2008A Deputación de Pontevedra presentou esta semana o primeiro disco dunha nova liña editorial dedicada á difusión do patrimonio sonoro do seu Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico. “Pontevedra en Música” é o título do CD que, realizado en colaboración con Edicións Do Cumio, recolle una selección de diferentes agrupacións e estilos da música tradicional. Gaiteiros solistas, grupos de gaitas, bandas de gaitas, pandereiteiras, grupos de música tradicional, grupos de música folk, masas corais, bandas de música e canción galega está presentes neste CD. Nomes como os de Iván Costa, Óscar Ibáñez, Os Alegres, Xistra de Coruxo, Ardentía Pai da cana, O Fiadeiro, Crema de Gaita, Liorna, Coral Casablanca ou a Banda Artística de Merza entre outros representan á musica da provincia nas 22 pezas deste volume.
novidades discográficas
O Noso Tempo
Hugo Guezeta
Cāldo
Catuxa Salom
Vertentes
Garza
Obra social
ORTIGA
Barullo
Baiuca