Ruxe-ruxe reivindícanse como banda de rock and roll con Xigantes
abril 10, 2008
Unha ducia de cancións enchen “Xigantes”, sexto disco da carreira da banda compostelá, e do que se amosan máis satisfeitos do son conseguido. Acompañado por membros da banda, Jose Patiño da discográfica PAI Música presentou en Santiago o novo disco dos Ruxe-ruxe e reivindicou para eles a categoría clara de banda de rock and roll por riba de outras etiquetas. Segundo o vocalista Vituco Neira “Xigantes” é un disco de rock cun son achegado aos clásicos dos sesenta e setenta que ten “moito respecto pola música tradicional”, da que seguen collendo músicas prestadas. O disco, que inclúe una pista co videoclip da canción “Xigantes”, foi gravado en Casa de Tolos e producido por Segundo Grandío e pola propia banda. Con doce anos de traxectoria os Ruxe-ruxe entenden que gravar un disco entra dentro do proceso normal do seu estilo de vida que consiste na satisfacción de “facer música”. Co disco novo baixo o brazo o grupo iniciará una xira por todo o Estado, o seu primeiro concerto de presentación será ás 22:30 horas deste sábado 12 na Sala Capitol de Santiago onde, cos dez euros da entrada, incluirán o disco.
Tamén che pode interesar:
- 6/ 9/ 2024 | O MUMI reúne 12 propostas musicais actuais de Galicia e Portugal para público profesional e aberto
- 17/ 3/ 2023 | Ruxe Ruxe ilumina a escuridade no seu novo disco
- 7/ 5/ 2018 | Roberto Sobrado Grupo sacan 'Proletarios do Rock and Roll'
- 5/ 3/ 2018 | Cuarta Xusta debuta con Un novo espertar
- 30/ 11/ 2016 | Vinte anos que pasaron como vinte segundos para Ruxe Ruxe