Ir ao contido directamente.


Noticias

O compositor Sergio Moure recibirá o Premio especial do OUFF

Xénero: BSO | 29 / 4 / 2021

imaxe non dispoñible

O compositor Sergio Moure de Oteyza (A Coruña, 1969) recibirá o Premio Especial da 26 edición do Festival de Cine de Ourense -instituído na 25 edición-, pola súa ampla traxectoria como músico de cinema e como autor de máis de medio cento de composicións para longametraxes, curtametraxes e series de televisión, á parte o seu labor como músico sinfónico. Así llo comunicou persoalmente ao compositor Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, institución que dende 2018 lidera o rexurdir do festival xunto á Fundación Carlos Velo. Co gallo do premio, o Ourense Film Festival publicará un volume autobiográfico do propio Moure na súa serie Monografías, que será presentado nas mesmas datas.

Silvia Penide transforma o chumbo en música co seu oitavo disco

Xénero: Cantautor | 27 / 4 / 2021

SPenide_dias_de_plomo.jpg

Los días de plomo é o título do oitavo disco de Silvia Penide, unha das cantautoras con máis presenza e percorrido da escena galega que gañou en 2020, por segunda vez, o Premio Martín Codax da Música na categoría de Mellor Canción de Autor. Neste disco, vencellado xa desde o título e a portada coa circunstancia pandémica, a autora ofrece seis temas, cinco deles novas composicións con letras que nos recordan o que estamos a vivir e que tamén miran cara o futuro, ás que engade unha nova versión do tema que dá nome ao seu anterior traballo, El efecto boomerang, e que nesta ocasión conta coa colaboración na voz de Víctor Manuel, un soño cumprido para a cantautora coruñesa.

Ailá debuta a investigar a tradición musical

Xénero: Folk | 26 / 4 / 2021

aila_capa2.jpg

"Unha visión moderna e lúdica da creación colectiva" a partir da tradición oral. Esta é a proposta que fai Ailá, o cuarteto formado por Ángela Carou, Abel Gañete, Manuele Pardo e Xan Pampín que acaba e lanzar o seu primeiro álbum, co mesmo nome que o grupo. Logo de representar a Galicia no Celtic Connection 2020 e de seren premiados no Festival Interritmos dese mesmo ano, Ailá preséntase este 26 de abril como un neoloxismo feito a partir dunha "redución semántica dos retrousos que evocan os Ailalelo ailalá".

Chicharrón presentan o novo disco 'Unha fogueira intacta'

Xénero: Electrónica | 23 / 4 / 2021

fogueira_chicharron.jpg

Na vaga de novidades discográficas que están a chegar estes días, froito do intenso traballo creador dos artistas ao abeiro do confinamento o grupo Chicharrón tamén engade a súa propia achega cun novo traballo discográfico que, no seu caso, entra dentro das habituais dinámicas de produción do trío a álbum por ano. Unha fogueira intacta, editada co selo ferrolán Ferror Records, é o seu cuarto disco longo tras Cancións clínicas (Prenom, 2018) e está dispoñible para a pre-venda en vinilo ademais de nas plataformas dixitais.

Dous libros recuperan os patrimonios musicais de Mondariz e de Ortigueira

Xénero: Folk | 23 / 4 / 2021

imaxe non dispoñible

Un estudo sobre as bandas de música de Ortigueira, con particular atención á Banda Garrote e á saga que lle dá nome. Esta é a proposta de A banda Garrote: música e músicos en Ortigueira, volume que está a chegar ás librarías da man da editora Dos Acordes. Xabier Garrote Cobelo recolle nesta obra un importante traballo de clasificación e estudo historiográfico dos materiais documentais conservados no Arquivo Musical da formación, a atender ao peso dos seus familiares José María, Manuel e Andrés Garrote na configuración da mesma e do panorama musical galego. O ensaio inclúe tamén referencias a outros músicos responsables de trazar a historia das bandas de música en Ortigueira, a incluír achegas de Xosé Carlos Breixo e de Alejo Amoedo sobre a cuestión.

Os Resentidos presentan o primeiro disco de temas novos en 28 anos

Xénero: Fusión | 22 / 4 / 2021

disco_organizacionNautilus_Resentidos.jpg

Case 40 anos despois da súa formación (1982), Os Resentidos volven a presentar un disco de estudio, o primeiro desde Están aquí (DRO, 1993). Organización Nautilus (Altafonte) é o nome deste traballo que ven de ser lanzado onte e do que se foron amosando os primeiros videoclips nos meses pasados. Nautilus e Outro día máis sen ir ao mar (vídeo baseado nos debuxos do neno Anton Romero, un artista de 14 anos con Transtorno do espectro autista) son os títulos destes avances que xa deixan claro o aspecto da ollada cara o mar deste traballo moi apegado á súa cidade de orixe, Vigo, e ao imaxinario de Julio Verne e o seu Nautilus tamén relacionado coa cidade, ademais de parecer tamén nas súas letras a circunstancia pandémica e unha ollada crítica sobre cuestións da actualidade social e política.

A venda de entradas a concertos caeu en máis dun 62 por cento en 2020

Xénero: Miscelánea | 21 / 4 / 2021

imaxe non dispoñible

A facturación por venda de entradas de concertos caeu en Galicia nun 62,84% no 2020. O descenso no ano do confinamento está na liña da media estatal que se sitúa nun 63,80%, segundo os datos publicados no Anuario de la Música en Vivo 2021 da Asociación de Promotores Musicales, presentado esta mañá. A nivel estatal considérase o peor dato de facturación neta por este concepto dos últimos quince anos, pero en Galicia a cifra final, de 6.256.289 euros de facturación neta (16.834.234 euros en 2019), devolve á comunidade aos rexistros obtidos entre os anos 2013 e 2015 neste concepto concreto. Segundo os datos do anuario, Galicia sitúase no sétimo posto entre CCAA en canto a facturación por venda de entradas en 2020, nunha lista encabezada pola comunidade autónoma de Catalunya e á que seguen, por orde, Andalucía, a Comunidade Autónoma de Madrid, Comunidade Valenciana, País Vasco e Castela e León. O anuario tamén inclué testemuñas de músicos e profesionais do sector da escena galega.

Caamaño & Ameixeiras botan 'Aire!'

Xénero: Folk | 20 / 4 / 2021

Aire_caamano_ameixeiras.jpg

Aire! é o nome do primeiro disco de Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, dúo que baixo o nome Caamaño & Ameixeiras veñen mantendo actividade musical desde 2018. O traballo conta con produción do músico burgalés Diego Galaz, e con colaboracións tan destacadas como Sílvia Pérez Cruz, Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, Carola Ortiz, Pablo Martín, Apel•les Carod ou El Pana. O disco xa está dispoñible para adquirilo a través da súa web e veñen de lanzar o seu primeiro tema en videoclip, Florencio. O título fai referencia á figura imprescindible de O cego dos Vilares, creador e transmisor de músicas e historias populares que facía nacer do seu violín e da súa gorxa, e que espallaba despois polas aldeas e montañas da Fonsagrada. O vídeo é "unha homenaxe á tradición, ao popular, ás raíces. Ao poder e á verdade do simple e do auténtico".

A cancelación do Resurrection Fest ata 2022 xa está confirmada

Xénero: Rock | 16 / 4 / 2021

imaxe non dispoñible

Unha tras outra, sen demasiada sorpresa, as citas máis multitudinarias van caendo dos calendarios como xa pasara no 2020. Os avances na situación pandémica non permiten predicir a posibilidade de levar a cabo este tipo de eventos este ano e por tanto resulta imposible a súa preparación, con especial impacto no sector dos festivais musicais. Se fai pouco era o festival Portamérica o que anunciaba o seu aprazamento ata o ano 2022 agora é o Resurrection Fest o que comunica que a súa 15ª edición realizarase do 29 de xuño ao 2 de xullo de 2022, na fin de semana habitual dos últimos anos. Este ano a organización renuncia en principio a levar a cabo calquera adaptación en formato semi-presencial, como intentara o pasado 2020 véndose obrigados a cancelalo cuns poucos días de antelación ante a prohibición do concello de Viveiro, pero adiántalle aos seus seguidores que ten "unha gran sorpresa" para este 2021, que revelará máis adiante. As empresas organizadoras de Rescurrection fest e Portamérica son tamén, en UTE, as que organizan o festival O Son do Camiño en Santiago, poloc al é de agardar novas na mesma liña sobre este evento, que conta co apoio da Xunta de Galicia.

Sumrrá presenta hoxe '7 visións' o seu disco máis existencial

Xénero: Jazz/Blues | 16 / 4 / 2021

7Visions_Sumrra.jpg

O Teatro Principal de Santiago acolle hoxe a presentación oficial en concerto do novo álbum do trío de jazz Sumrrá. SUMRRÁ 7 VISIÓNS (Clermont MUsic) é o sétimo disco desta formación que leva xa 21 anos sendo a punta de lanza do jazz en Galicia e unha das formacións máis coñecidas do xénero fóra da comunidade. O pianista Manuel Gutierrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido, dan a luz un novo traballo discográfico que supón a consolidación dunha forma única de entender a música ao vivo. O disco estará dispoñible en todas as plataformas a partires do 30 de abril.Marcado polo confinamento, unha das diferenzas con respecto aos anteriores traballos é ser o primeiro traballo da formación que se levou a gravar sen ter tocado os temas previamente ente público.

<< Inicio / Anterior . 491 a 500 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR