Noticias
'Grande Amore' presenta álbum debut homónimo
Xénero:
| 21 / 5 / 2021Hoxe é o día de presentación oficial do álbum íntegro de debut de Grande Amore, nome artístico de Nuno García Pico para a súa proposta musical persoal máis alá de formar parte do grupo Oh! Ayatolah. O do Valadouro puxo título homónimo a este primeiro traballo no que reúne as cancións que xa leva un tempo presentando con outras a maiores ata completar os nove cortes do disco editado por Ernie Records. Nove cancións de calado post-punk, electrónicas e industriais que se sitúan conscientemente no rock underground e que que consegue darlle unha volta nova desde unha perspectiva moi persoal a unha postura musical e narrativa herdeira directa dalgunhas das propostas máis alternativas dos oitenta.
Trilitrate presentan 'Esta de grelo', o seu terceiro disco
Xénero:
| 20 / 5 / 2021O trío formado por Rubén Abad, Marcos Padrón e Elena Vázquez veñen de presentar o seu terceiro álbum Está de grelo, case cinco anos despois daquel Frutal Death, no que consolidaban os seu sentido experimentador folclorista de perspectivas universais. Neste novo traballo xurdido baixo o apoio do selo norteamericano Ropeadope e o selo barcelonés Gandula os Trilitrate ofrecen trece novos temas, maiormente instrumentais agás tres deles, nos que se manteñen nese espazo propio dando voltas arredor do folk, da música clásica e da contemporánea, no que experimentan sen limitacións de xéneros musicais. O disco ademais inclúe no formato físico un libro de receitas cos grelos, da man de Montse Piñeiro, responsable do deseño gráfico e das artes visuais. Está de grelo, xa está nas principais plataformas dixitais. Foi gravado e mesturado por Javier Ortiz en Estudio Brazil (Madrid) e por Ibán Pérez en Estudio Terraforma (Galicia).
Eloi Caldeiro presenta o seu disco de homenaxe a Xela Arias
Xénero:
| 19 / 5 / 2021Dez poemas tirados dos poemarios Denuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos compoñen a homenaxe que Eloi Caldeiro lle presta a Xela Arias. O músico de sarria acaba de lanzar no selo Sons Galiza e no marco da colección "O son da palabra" o álbum O equilibrio dos tigres. O músico apostou por rock e pop con sonoridades dos anos oitenta ou polo blues para adaptar os versos da autora celebrada no Día das Letras Galegas. O proxecto, que conta co apoio do Concello de Sarria e da Consellería de Cultura, conta cunha tiraxe de 1.500 exemplares que saen á venda en formato libro-CD. Caldeiro realizou a adaptación e gravacion dos temas en apenas dous meses.
Pontevedra recupera a iniciativa Cabos Soltos
Xénero:
| 14 / 5 / 2021O Concello de Pontevedra recuperou este ano a programación Cabos Soltos vinculada neste caso ao Plan Supera co obxecto de promover actividades que permitan reactivar o consumo na cidade. Cabos Soltos naceu en 2019 coma unha resposta desde o Concello aos problemas para a programación de concertos ao vivo nos locais da cidade ante os cambios na Lei de espectáculos de Galicia e como apoio á hostalería e á cultura local e neste 2021 volve en forma de xornadas técnicas coordinadas por Patricia Hermida da empresa Dotbeat, os días 19, 20 e 21 de maio, ademais da programación dun concerto "piloto" na praza da Ferraría o domingo 23 ás 13h a cargo de Ortiga.
O Atlantic Fest 2021 convértese nunha programación de 12 días de concertos
Xénero:
| 11 / 5 / 2021A reconversión chega aos festivais ante as limitadas posibilidades pandémicas e mentres os máis multitudinarios deixan pasar outro ano máis sen mover ficha algúns buscan formatos que lles axuden a sacar adiante a súa proposta de marca. É o caso do Atlantic Fest, que o pasado ano ía comezar unha nova andadura en Vilagarcía de Arousa tras catro anos a celebrarse na Illa de Arousa , pero viu imposible a súa celebración coas circunstancias. Dende entón a promotora New Live estivo a facer un esforzo de loxística para facer posible este ano a realización do evento e agora presenta unha proposta de 12 días de concertos cun cartel baseado en nomes da escena "indie" estatal, que abrirá e pecharán dúas propostas galegas, Ortiga e Verto.
Baiuca bota o seu 'Embruxo' folktrónico afondando na tribalidade máxica
Xénero:
| 7 / 5 / 2021Embruxo (Raso Estudio) é o novo traballo de Baiuca, nome artístico co que Álex Gullán está rachar barreiras entre a música electrónica e tradicional e puxo en primeiro plano a etiqueta da 'folktrónica'. Hoxe xa sae á luz o traballo completo, o segundo tras aquel sorprendente Solpor (2018). Inspirado abertamente en cantigas e mitos o disco trae dez temas, nomeados no título cun substantivo único (coma no primeiro disco) e con connotacións claramente esotéricas e antropolóxicas: Meigallo, Veleno, Luar, Romaría, Conxuro, Lavandeira, Diaño, etc. A reinterpretación do son tradicional coas ferramentas da electrónica do século XXI non renuncia entrar na visión máis tribal do noso legado cultural. Tampouco renuncia á invitación ao baile, parte indiscutible desa tribalidade. Baiuca esconxura coa súa alquimia dacabalo entre o dixital e o analóxico, os samplers e as cantareiras, a parte máis máxica da nosa relación coa natureza e universo como galegos. Neste fito Baiuca fíxose acompañar por persoalidades tan potentes do novo folk coma o asturiano Rodrigo Cuevas, o percusionista Xosé Lois Romero, o frautista e gaiteiro Cristian Silva e o grupo de pandereteiras e cantareiras Lilaina, que achegan esa necesaria conexión coa cultura ancestral feminina das meigas a través das súas potentes voces. Segundo se comunica, Embruxo pretende converse nun exercicio" que redefina tanto o alcance da música tradicional como da electrónica de club e que resinifique os códigos da cultura ancestral galega". O artista presentará en concerto este novo traballo o vindeiro 21 de maio no Auditorio Mar de Vigo, dentro do ciclo TerraCeo e stá tamén confirmado dentro do Orballo Cultural na Costa da Morte, para o verán.
En xuño haberá unha nova edición do Festival Pórtico do Paraíso
Xénero:
| 4 / 5 / 2021O Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso, promovido pola Asociación Pórtico Musical chega á súa 14ª edición unindo música en directo e patrimonio. Unha volta da dinamización cultural musical que neste caso recibe o apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Nesta edición, o festival ofrece catro concertos nunha escolma de mosteiros da Ribeira Sacra, á que se suma para o recital inaugural a igrexa ourensá de Santiago de Caldas, e a proxección dun documental, que terá lugar no Teatro Principal da capital ourensá. A cita terá lugar do 4 ao 13 de xuño.
The Soul Jacket teñen novo disco e datas para presentalo en concerto
Xénero:
| 3 / 5 / 2021Os vigueses The Soul Jacket veñen de presentar o que é o seu quinto disco, Let Me Stand. do que xa teñen datas para presentalo en concerto este mesmo mes de maio comezando no País Vasco o 28 de maio para tras pasar por outras localidades españolas, volver ante o seu público vigués o vindeiro 11 de xuño dentro do ciclo TerraCeo do Auditorio Mar de Vigo. O novo álbum introducido coma "unha intrincada paisaxe" con "capas e capas de placer sonoro e sinérxico, moi variadas connotacións e influenzas" ofrécenos talvez o repertorio máis funk da banda viguesa de toda a súa traxectoria. Tras transitar en anteriores traballos moi decididamente pola Americana, o country-rock, o Rythm &Blues e a psicodelia, este Let me stand, sen renunciar aos sinais de identidade da banda, engade no seu percorrido unhas composición máis funks, o tema que dá título ao álbum por exemplo, así coma outras moi achegadas ao neo soul, coma en Declaration of Intentions. Na instrumental Zeit Im Tiefen Wald, transitan pola psicodelia electrónica a base de sintetizadores, incluíndo así un espazo de contrapunto na escoita do disco.
Os históricos Clunia reúnense para celebrar o 40 aniversario do Filloa Jazz
Xénero:
| 30 / 4 / 2021Coincidindo hoxe coa celebración do Día Internacional do Jazz, establecido así pola UNESCO, o Teatro Colón acollerá un concerto histórico que reunirá de novo á formación Clunia Jazz, un dos proxecto referentes da escena jazz de Galicia e do resto de España desde 1982. Quince anos despois da súa última actuación, volven subirse xuntos a un escenario Nani Garcia, Baldo Martínez e Fernando Llorca, con Pablo Castano e Matthew Simon. Con todas as entradas xa vendidas os integrantes de Clunia reúnense este 30 de abril para levar a cabo un concerto de homenaxe aos 40 anos cumpridos en decembro do club coruñés Filloa Jazz, templo deste xénero na cidade herculina. O concerto estaba pensado inicialmente para levarse a cabo en xaneiro e tivo que ser adiado polas restricións vixentes nese momento, para recolocarse na axenda xustamente nesta data tan significativa. Malia ter completa a capacidade do espazo, o concerto pode seguirse tamén a través da plataforma TolemiasTV.
Estréase en aberto o documental sobre a historia dos quince anos do Resurrection Fest
Xénero:
| 29 / 4 / 2021As penas con pan son menos, e este ano sen Resurrection Fest buscará a esa compensación desde hoxe coa estrea e difusión do documental "Resurrection Fest: la historia (2006-2020)" que se estrea en aberto na canle de YouTube do festival, tras o paso polo Resurrection Fest Online o pasado ano . Grazas a este audiovisual de 75 minutos de duración dáse a coñecer toda a historia deste multitudinario e internacional evento da música rock, desde como se creou ata un percorrido por cada unha das quince edicións do festival de Viveiro, incluíndo declaracións de moitos dos artistas de fama mudial que pasaron polos seus escenarios. Qunce anos de paixon polo rock and roll e unha pequena miragre desde unha pequena vila galega atraendo as miradas de todo o mundo. O audiovisual está xa dispoñible na canle desde hoxe, xoves ás 22:00 horas.