En xuño haberá unha nova edición do Festival Pórtico do Paraíso
maio 4, 2021
O Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso, promovido pola Asociación Pórtico Musical chega á súa 14ª edición unindo música en directo e patrimonio. Unha volta da dinamización cultural musical que neste caso recibe o apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Nesta edición, o festival ofrece catro concertos nunha escolma de mosteiros da Ribeira Sacra, á que se suma para o recital inaugural a igrexa ourensá de Santiago de Caldas, e a proxección dun documental, que terá lugar no Teatro Principal da capital ourensá. A cita terá lugar do 4 ao 13 de xuño.
O grupo italiano de música medieval Lareverdie abrirá o programa o día 4 de xuño na igrexa de Santiago de Caldas. O día 6, será o pianista catalán Daniel Ligorio quen ofreza un concerto no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín. O venres 11, no Teatro Principal, proxectarase o documental aragonés Nebra. El triunfo de la música, e, o sábado 12, o festival volverá á Ribeira Sacra co conxunto de música barroca asturiano Forma Antiqva, que actuará no mosteiro de Santa María, en Xunqueira de Espadanedo. Finalmente, o peche porao o acordeonista vasco Iñaki Alberdi o domingo 13 no mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos.
Tamén che pode interesar:
- 20/ 4/ 2022 | O festival Pórtico do Paraíso volve apostar pola excelencia internacional
- 2/ 2/ 2016 | O Festival Pórtico do Paraíso transcende Ourense
- 19/ 2/ 2015 | O festival Pórtico do Paraíso medra ata os oito concertos
- 19/ 2/ 2014 | Ourense acollerá a VII edición do Festival Pórtico do Paraíso
- 6/ 2/ 2009 | Concertos e conferencias protagonizan o festival Pórtico de Paraíso