Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O Atlantic Fest 2021 convértese nunha programación de 12 días de concertos
O Atlantic Fest 2021 convértese nunha programación de 12 días de concertos
maio 11, 2021
A reconversión chega aos festivais ante as limitadas posibilidades pandémicas e mentres os máis multitudinarios deixan pasar outro ano máis sen mover ficha algúns buscan formatos que lles axuden a sacar adiante a súa proposta de marca. É o caso do Atlantic Fest, que o pasado ano ía comezar unha nova andadura en Vilagarcía de Arousa tras catro anos a celebrarse na Illa de Arousa , pero viu imposible a súa celebración coas circunstancias. Dende entón a promotora New Live estivo a facer un esforzo de loxística para facer posible este ano a realización do evento e agora presenta unha proposta de 12 días de concertos cun cartel baseado en nomes da escena "indie" estatal, que abrirá e pecharán dúas propostas galegas, Ortiga e Verto.
Entre o 12 e o 24 de xullo o Atlantic Fest ofrecerá concertos todos os días en Vilagarcía de Arousa, as veces un só concerto por día e outros días dous ata chegar ás 18 bandas do cartel, contando con tres escenarios diferentes con capacidades tamén distintas. Ao aire libre estará o escenario Vibra Mahou, do 15 ao 18 na entrada da Praia da Concha e tamén o escenario Paco & Lola na Praza da Pescadería. Cun afora máis reducido e xa en interior o escenario Xacobeo 21-22 estará situado no Auditorio municipal. Debido tamén ao cambio no formato, o festival (agora programación) non venderá abonos e as entradas serán individuais para cada un dos concertos contando coas capacidades limitadas, que poderían ampliarse se os protocolos variasen. Sairán á venda o vindeiro 14 de maio a través da páxina web do festival.
Novas incorporacións no 17°Ribeira Sacra
Outros dos eventos que xa anunciaron fai meses a súa intención de levarse a cabo e adiantaron cartel, o festival 17°Ribeira Sacra, ven tamén de sacar novas incorporacións. O festival suma á súa oferta a música de raíz galega con Budiño & Novoa e o seu proxecto "Diario de navegantes". Ademais inclúe tamén outros nomes como "dani" e Auto Sacramental que se unen no cartel ao xa confirmados Teenage Fanclub, The Excitements, Bronquio e Ale. O festival terá lugar entre o 16 e o 18 de xullo nas terras da Ribeira Sacra.