Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Dous libros recuperan os patrimonios musicais de Mondariz e de Ortigueira
Dous libros recuperan os patrimonios musicais de Mondariz e de Ortigueira
abril 23, 2021
Un estudo sobre as bandas de música de Ortigueira, con particular atención á Banda Garrote e á saga que lle dá nome. Esta é a proposta de A banda Garrote: música e músicos en Ortigueira, volume que está a chegar ás librarías da man da editora Dos Acordes. Xabier Garrote Cobelo recolle nesta obra un importante traballo de clasificación e estudo historiográfico dos materiais documentais conservados no Arquivo Musical da formación, a atender ao peso dos seus familiares José María, Manuel e Andrés Garrote na configuración da mesma e do panorama musical galego. O ensaio inclúe tamén referencias a outros músicos responsables de trazar a historia das bandas de música en Ortigueira, a incluír achegas de Xosé Carlos Breixo e de Alejo Amoedo sobre a cuestión.
Da man da mesma editora acaba de saír do prelo A música e Mondariz: historia, personaxes e agrupacións. Chiqui Bernárdez, Raquel Faro e Félix Rodríguez Míguez asinan esta análise das manifestacións musicais neste concello nunha obra que "busca poñer en valor a cultura popular, reivindicando a importancia da memoria e da transmisión de coñecementos entre xeracións. No libro, ademais, destácanse figuras e agrupacións musicais vencelladas a Mondariz como o músico e compositor Benjamín Fernández Pazos, a Sociedad Artística del Tea e o coro Agarimos da Terra", segundo adianta a presentación da obra.
Entrevista sobre A Banda Garrote na canle de Youtube da Escola de Música Concello de Ortigueira