Ir ao contido directamente.


Noticias

Cobertura económica para máis de 400 concertos en 28 salas privadas polo Xacobeo 21

Xénero: Miscelánea | 12 / 4 / 2021

imaxe non dispoñible

A Xunta de Galicia acaba de facer pública a adxudicación da convocatoria extraordinaria de subvencións a proxectos de programación musical en salas privadas. Segundo o resultados das adxudicacións 28 espazos beneficiarios poderán financiar a realización de máis de 400 concertos conseguindo 20.000 euros para tal fin practicamente cada unha delas para levar a cabo un mínimo de 15 actuacións ante público antes do 31 de outubro deste ano como parte da programación musical do Xacobeo 2021. Arestora son moi poucas as salas que poidan levar a cabo actividade de programación musical de acordo á súa licenza, xa que as restricións manteñen pechados todos estes espazos ao consideralos de "ocio nocturno".

Este ano tampouco haberá festival de Ortigueira e o no 2022 durará unha semana

Xénero: Miscelánea | 9 / 4 / 2021

imaxe non dispoñible

O Concello de Ortigueira ven de comunicar a súa decisión de cancelar unha posible edición do Festival Internacional do Mundo Celta para este ano, igual que se fixera o pasado ano. Unha vez valorados os posibles escenarios cara ao mes de xullo e certificada, segundo eles, a imposibilidade de manter a total seguridade dos asistentes durante o evento tendo en conta que a Ortigueira achéganse grupos e afeccionados de todo o mundo para convivir e compartir cultura e música durante uns días, o comité organizador decidiu pensar xa na edición de 2022 para que compense a espera de dous anos.

Verto publica Embora, o seu segundo álbum

Xénero: Pop | 9 / 4 / 2021

embora_verto.jpeg

Este nove de abril chegaba ás redes Embora, o segundo traballo do dúo Verto. Berto Mira e Fer Peleteiro afondan na súa aposta de technopop sen complexos, con frontes influxos dos anos 80, en catorce novos temas nos que o desamor marca o ton de moitas letras. Como contrapunto, ritmos alegres, toques funky como os de Que pensas?, solos de guitarra e autotunes manteñen o ton luminoso de temas como Quérote atopar ou Como Son Goku. Gravado na casa e autoeditado, o álbum foi masterizado por Cem Oral en Jammin’ Masters. Todos os temas están dispoñibles na rede en plataformas como Youtube ou Spotify. O grupo presentará o álbum o vindeiro 21 de abril cunha actuación no ciclo Lugo Cultural.

Xurxo Fernandes une as tradicións orais de Galicia e o Mediterraneo en 'Levaino!'

Xénero: Folk | 5 / 4 / 2021

PortadaLevaino-XurxoFernandes.jpg

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá este vindeiro venres, 9 de abril, a presentación do disco Levaino! de Xurxo Fernandes con todos os asentos dispoñibles xa ocupados. O artista coruñés, coñecido coma etnógrafo e investigador da tradición popular musical oral por formar parte de Radio Cos xunto a Quique Peón, reúne neste traballo discográfico música de raíz tanto galega coma mediterránea oriental con base sefardí que xa trataba desde o seu alter-ego Jako el Muzikante. Por vez primeira na súa traxectoria reúne ambas liñas de recollida tradicional e interpretación. O álbum presenta doce temas recollidos polo propio artista en lugares tan dispares coma Coristanco, Samakov, A Mezquita, Pakistán, Tordoia, Larache, Tel Aviv, Marrocos, Bulgaria, Turquía ou Thesalónika. Con eles, Levaino! percorre unha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidas que explicitan e manifiestan os vencellos entre ambas culturas e tradicións orais. Fernández acompáñase na grabación pola dulzaina e ventos de Pedro Lamas, as percusións de Rubén Montes, Rafa Morales no baixo e Roberto Comesaña nos teclados, aos que se engaden as voces e pandeiretas do grupo Pandeireteiras sen Fronteiros (PanSenFron).

Maneiro presenta en vídeo o seu terceiro álbum en solitario

Xénero: Pop | 30 / 3 / 2021

maneiro_palabrasdesconocido.jpg

Javi Maneiro volve alimentar de gravacións o seu frutífero percorrido en solitario comezado en 2017 con aquel Furtivos, neste acaso ademais o barbanzán busca ofrecer algo diferente, acorde aos tempos e presenta o seu terceiro traballo no formato videoálbum. Nove temas escritos e compostos polo propio Maneiro, algún deles recollido de anteriores traballos, conforman Palabras de un desconocido que xa está dispoñible en YouTube, cunha duración de 40 minutos no vídeo que reúne todas as cancións. Maneiro presentaba este disco a pasada semana en O Naútico de San Vicente, e despois o videodisco estivo dispoñible en exclusiva na web de Toxo Telecom, produtores do traballo.

O Portamérica cae do calendario do verán pero non renuncia a atopar datas mellores

Xénero: Miscelánea | 29 / 3 / 2021

imaxe non dispoñible

O complicado calendario de eventos musicais de verán ven de axitarse con algúns recentes anuncios. O peor deles foi a cancelación xa definitiva da celebración en xullo do festival Portamérica en Caldas de Reis. A empresa organizadora, Esmerarte, comunicou publicamente a imposibilidade de levar a cabo tampouco este ano o evento dentro das limitación previstas para a súa celebración na carballeira de Caldas. "Queremos ofrecer o maior grao de satisfacción, e nestes tempos seguen sen darse as condicións para garantilo", afirman no seu comunicado que comezan cun lacónico "éche o que hai". Deste xeito Portamérica, que anunciara a intención de manter o cartel artístico do pasado 2020 para este ano, cancela xa esa opción e mira xa para o 2022, pero deixa unha posibilidade de esperanza de presentar unha programación adaptada ás circunstancias con música, gastronomía e natureza, pasado o verán “se a evolución da pandemia é favorable. En principio Esmerarte só asegura o reencontro co seu público para o seguinte ano e por iso manterá a vixencia de entradas e abonos comprados para a seguinte edición malia que xa se pode solicitar a devolución.

Xoán Curiel e Iris Gey musican cantigas medievais en Treides comigo!

Xénero: Miscelánea | 29 / 3 / 2021

treidescomigo_xuriel_imaxe.jpg

"Unha revisión e unha abordaxe contemporánea" de cantigas medievais galegas vencelladas aos camiños de Santiago. Esta é a proposta que fan o músico Xoán Curiel e a filóloga e cantante Iris Gey no proxecto Treides comigo!, que acaban de presentar. Os once temas, que se desenvolveron co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21, están dispoñibles íntegros no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais de letras do período medieval, o álbum recolle tamén unha versión musicada do poeta muxián Gonzalo López Abente.

Facer música coas vellas voces

Xénero: Miscelánea | 25 / 3 / 2021

imaxe non dispoñible

Compostela acolle no final deste mes de marzo as xornadas O que non se escribe. Arquivos Sonoros e creación contemporánea. Nas mesmas abórdanse desde diferentes perspectivas o potencial dos rexistros conservados da tradición sonora no panorama actual. No marco do encontro, profesionais deste ámbito debaten sobre unha aposta que está a coller pulo na nosa música.

O proxecto Rosalía Cantada bota a andar cun primeiro disco

Xénero: Clásica/Lírica | 25 / 3 / 2021

Rosalia_Cantada_1_capa.jpg

Este 26 de marzo a sede da Fundación Rosalía en Padrón acolle a presentación de Rosalía Cantada (vol. 1 Música clásica). O barítono Eliseu Mera e o pianista Cándido Cabaleiro interpretarán ao vivo os temas desde traballo discográfico, nos que recrean pezas realizadas por compositores clásicos e contemporáneos como Xoán Montes, Xosé Baldomir, Antón García Abril, Juan Durán, Octavio Vázquez e Fernando Buide a partir da obra de Rosalía de Castro.

Guadi Galego gaña o certame 'aRi[t]mar galiza e portugal' á canción galega

Xénero: Pop | 24 / 3 / 2021

imaxe non dispoñible

Os máis de cinco mil votos do público emitidos no certame 'aRi[t]mar galiza e portugal' promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela determinaron que a canción de Guadi Galego Cólico é a gañadora polo mellor tema musical galego publicado en 2020. A canción da artistas de Cedeira forma parte do seu último lanzamento discográfico, Costuras. Esta edición contou coa participación popular máis alta de todas as do certame. O tema Quase Dança da lusa Cláudia Pascoal, foi o gañador en canto ao relativo ás musicas portuguesas no certame. Os seguintes temas galegos máis votados, foron os de Xoana por Anceios e o terceiro foi Pasei pola túa porta de Os D’Abaixo. No relativo ás músicas portuguesas os postos segundo e terceiro nas votacións foron para os temas Outras Línguas, de Bárbara Tinoco e para Miguel Araújo con A Incrível História de Gabriela de Jesus.

<< Inicio / Anterior . 501 a 510 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR