Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Este ano tampouco haberá festival de Ortigueira e o no 2022 durará unha semana
Este ano tampouco haberá festival de Ortigueira e o no 2022 durará unha semana
abril 9, 2021
O Concello de Ortigueira ven de comunicar a súa decisión de cancelar unha posible edición do Festival Internacional do Mundo Celta para este ano, igual que se fixera o pasado ano. Unha vez valorados os posibles escenarios cara ao mes de xullo e certificada, segundo eles, a imposibilidade de manter a total seguridade dos asistentes durante o evento tendo en conta que a Ortigueira achéganse grupos e afeccionados de todo o mundo para convivir e compartir cultura e música durante uns días, o comité organizador decidiu pensar xa na edición de 2022 para que compense a espera de dous anos.
Así, o próximo Festival de Ortigueira celebrarase, segundo afirman no seu comunicado, en xullo de 2022, e o concello xa anuncia que será o máis longo da historia, durando unha semana. A pesares diso a organización mantén activo mesmo este ano o Proxecto RUNAS de novos valores da música folk que van lanzar en vindeiras datas. Segundo comenta Alberto Balboa, coordinador do festival, sobre a cancelación, "o pasado ano a decisión foi tomada dun modo algo máis incerto, pero nesta ocasión e tras estar todo o ano en contacto con artistas, mánagers e festivais de toda Europa, a decisión é máis evidente. Aos poucos os que non tiñan xa cancelado, cancelan ou adoptan formatos que serían inviables para nós, por formato e concepto".
Terraceo en Vigo
Un dos poucos formatos que se mantén e mesmo se amplía este ano é o ciclo de cocnertos Terraceo, que se organiza na terraza do Auditorio Mar de Vigo, con numerosas medidas e protocolos de seguridade sanitaria e un espazo de 2.000 metros cadrados e con 400 butacas. Se o ano pasado o ciclo tivo un considerable éxito durante os meses de xullo, agosto e setembro, este ano amplíase comezando xa en maio. O programa avanzado ata o de agora presenta 16 actuacións entre as que hai varias representacións galegas como Os Resentidos, Baiuca, The Soul Jackets e Andrés Suárez. Este último xa con todas as entradas vendidas para o seu concerto do 15 de maio. Ademais deles o cartel inclúe nomes da escena pop e independente estatal coma Taburete, Carlos Sadness, Kevin Johansen, Annie B Sweet, La Habitación Roja, La Bien Querida, El Kanka ou Nach. Moitas dos concertos xa teñen á venda as entradas.
Tamén che pode interesar:
- 16/ 6/ 2021 | Zas suspende por segundo ano a súa Festa da Carballeira
- 18/ 7/ 2016 | Milladoiro presenta un CD-DVD ao vivo en Ortigueira
- 5/ 7/ 2007 | Ortigueira comeza o seu macro-evento musical agardando máis dun cento de milleiros de asistentes
- 12/ 6/ 2006 | A mestizaxe, a danza e grupos consolidados conforman a aposta da nova edición do Festival de Ortigueira
- 24/ 6/ 2002 | Carlos Núñez estréase nun Festival de Ortigueira que cumpre 18 anos