Maneiro presenta en vídeo o seu terceiro álbum en solitario
marzo 30, 2021
Javi Maneiro volve alimentar de gravacións o seu frutífero percorrido en solitario comezado en 2017 con aquel Furtivos, neste acaso ademais o barbanzán busca ofrecer algo diferente, acorde aos tempos e presenta o seu terceiro traballo no formato videoálbum. Nove temas escritos e compostos polo propio Maneiro, algún deles recollido de anteriores traballos, conforman Palabras de un desconocido que xa está dispoñible en YouTube, cunha duración de 40 minutos no vídeo que reúne todas as cancións. Maneiro presentaba este disco a pasada semana en O Naútico de San Vicente, e despois o videodisco estivo dispoñible en exclusiva na web de Toxo Telecom, produtores do traballo.
Rodado coma unha viaxe entre Barbanza e Oporto, en Palabras de un desconocido Maneiro presenta unha viaxe tamén interior na que o músico faise acompañar do seu "demo interior", un Satanasiño interpretado por Aurelio Martínez, para afrontar os seus medos na procura dun crecemento interior. A presentación no formato videoálbum en redes pretende erixirse coma alternativa ante a incertiza de poder levar este traballo ante o público en concerto. Os temas de Maneiro, como é habitual nas súas composicións en solitario fóra de Heredeiros da Crus, son profundos e sentimentais, falando tanto de aspectos románticos coma vitais e fondamente sensibles nas súas letras. Neste caso ademais escóllese unha aproximación bastante acústica e cálida en xeral, que xa se vía en discos anteriores, o que dota a este Palabras de un desconocido dunha ambientación nostálxica coma liña xeral musical mentres que a parte de imaxe é alegre e vitalista. A produción musical está a cargo de Perfecto Mariño, en La Poza del Kuervo, que tamén fai guitarras e coros. Ademais Maneiro está acompañado na gravación por Cayetano Sánchez (guitarras), Pachi Cruz (baixo) Antonio Bermo (piano), Joao Machado 'Pony' (guitarra portuguesa), Rosendo Torres (trompeta), Manu Rey (percusión) e os coros de Margarita Loureda e Ángela Suárez.
Tamén che pode interesar:
- 16/ 2/ 2022 | Álvaro Iglesias reivindica o contrabaixo para a tradición en Vagalume
- 30/ 1/ 2019 | Javi Maneiro ao natural co disco 'Acaricia mis arrugas'
- 28/ 10/ 2016 | Iván Ferreiro convídanos á súa Casa
- 5/ 2/ 2016 | Miguel Costas segue ao pé do cañón con No me cuentes tu vida
- 3/ 1/ 2014 | Pablo Seijas laza o seu primeiro álbum en solitario