Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O compositor Sergio Moure recibirá o Premio especial do OUFF

A 26ª EDICIóN DO FESTIVAL PUBLICARá UNHA AUTOBIOGRAFRíA DO AUTOR DE BANDAS SONORAS

O compositor Sergio Moure recibirá o Premio especial do OUFF

BSO | abril 29, 2021

imaxe non dispoñible

O compositor Sergio Moure de Oteyza (A Coruña, 1969) recibirá o Premio Especial da 26 edición do Festival de Cine de Ourense -instituído na 25 edición-, pola súa ampla traxectoria como músico de cinema e como autor de máis de medio cento de composicións para longametraxes, curtametraxes e series de televisión, á parte o seu labor como músico sinfónico. Así llo comunicou persoalmente ao compositor Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, institución que dende 2018 lidera o rexurdir do festival xunto á Fundación Carlos Velo. Co gallo do premio, o Ourense Film Festival publicará un volume autobiográfico do propio Moure na súa serie Monografías, que será presentado nas mesmas datas.

Unha carreira de éxitos
Sergio Moure de Oteyza formouse no Conservatorio do Liceo de Barcelona, ademais de traballar como compositor e profesor para a ESCAC (Escola Superior de Cinema de Cataluña) e máis no CECC (Centro de Estudos Cinematográficos de Cataluña). Estreouse na banda sonora para longametraxes con Inconscientes (Joaquí Oristrell, 2004), conseguindo un nomeamento aos premios Goya e máis aos Gaudí. Desde aquela, na súa filmografía súmanse as bandas sonoras de Secuestrados (Miguel Ángel Vivas, 2010), Lobos de Arga (Juan Martínez Moreno, 2011), El cuerpo (Oriol Paulo, 2012), Todo es silencio (Cuerda, 2012), Extinction (Miguel Ángel Vivas, 2015), ou a coprodución con Arxentina Tesis sobre un homicidio (Hernán Golfrid, 2013), protagonizada por Ricardo Darín. Presente en varias producións da galega Vaca Films, a máis reciente delas Feedback (Pedro C. Alonso), e tamén de autores galegos como Simón Casal (Lobos sucios, 2015), Diana Toucedo (Trinta lumes, 2017), Paula Cons (La batalla desconocida, 2017), e máis recentemente a música para o documental Spitsbergen, o gardián do Ártico, de Ignacio Benedetti, igualmente premiado na 25ª edición do festival. Moure, que se define como un corredor de fondo e moi entusiasta, cre que festivais como o OUFF "deben servir como ventá para darlle visibilidade ao mundo do cine. Deben servir como escaparate, agora máis ca nunca".