Noticias
Máis de 7.000 persoas fan parte de Bandas de Música Populares no país
Xénero:
| 1 / 7 / 2021As bandas de música populares posúen unha grande importancia no panorama sociocultural galego. A recoñecer este papel, o Consello da Cultura Galega celebra na tarde deste 1 de xullo a xornada As bandas de música na memoria de Galicia. Ademais, da man do Observatorio da Cultura Galega, a entidade presentou un documento de traballo no que analiza, a partir de cuestionarios enviados a 85 destas formacións, a súa dimensión social, profesional e académica.
A exposición A memoria do son explica os instrumentos medievais
Xénero:
| 29 / 6 / 2021O Museo Catedralicio de Santiago abre no seu local do Pazo de Xelmírez este 29 de xuño a exposición A memoria do son. O proxecto amosa os "avances e coñecementos da sonoridade instrumental e vocal medievais" nun proxecto interactivo que convida a tocar, escoitar e coñecer o contexto no que se desenvolveu a música desde a Idade Media. A mostra está aberta ata o vindeiro 25 de xullo.
A música conquista o verán
Xénero:
| 25 / 6 / 2021Co verán oficialmente comezado chegan máis novidades sobre a oferta musical, que está decidida a non deixar pasar as oportunidades da estación e das posibilidades actuais de reunión de públicos. Así Puidemos saber estes días de moitas citas habituais que volven á nosa axenda, algunhas polo de agora só presentan datas mentres que outras avanzan xa carteis artísticos ou mesmo os completan. No relativo aos formatos hai desde os festivais de sempre ata ciclos ou programacións expandidas no tempo. Para todos os gustos de quen queira pasar un verán musical.
ARiMagritte preséntase en disco longo con 'Oráculo'
Xénero:
| 24 / 6 / 2021A viguesa Arancha Vilas asina música co nome artístico ARiMagritte desde 2013, unha traxectoria asentada tanto en directos como artista residente nas salas El Contrabajo e La Fábrica de Cocolate coma noutros espazos, ademais de en múltiples e valiosas colaboracións con outras formacións, como Eladio y Los Seres Queridos, Denova Pop ou Molsom. Oráculo (autoeditado) é o seu primeiro disco e xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais ademais de á venda a través da web da artista. Máis que un LP unha colección de sinxelos, Oráculo reúne os trece temas máis importantes da traxectoria de ARiMagritte desde que iniciara o seu proxecto musical, polo tanto aqueles que veñan seguindo os seus directos neste tempo atoparán no disco unha gravación detallista e impecable daqueles temas que xa lles soarán. Para este disco ARiMagritte conta coa produción elegante de Eladio Santos para os seus trece temas. Son cancións de formato acústico nas que a autora nos propón entrar nas feridas propias e universais, de amor e desamor e coñecernos máis a nós mesmos a través deses pasos. Ari, facendo un xogo de confusión entre a obra e realidade coma os que facía o pintor surrealista Rene Magritte, co que comparte nome, ofrece un traballo en Oráculo que asenta sobre un xogo de equilibrios entre eclecticismo e personalidade, entre a suavidade da voz e a enerxía da música, entre as letras íntimas e a mensaxe universal.
A Agadic convoca unha liña de axudas para concertos dotada con un millón de euros
Xénero:
| 23 / 6 / 2021Un millón de euros é a dotación coa que a Axencia Galega das Industrias Culturais acaba de convocar as subvencións "para profesionais autónomos e empresas que sufran perdas de ingresos derivados da crise provocada pola COVID-19, para desenvolver espectáculos musicais con público, dentro da programación do Xacobeo 21-22".
TanDub gañan no Concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans
Xénero:
| 22 / 6 / 2021Ata 260 formacións musicais de toda a xeografía española participaron este ano no Concurso de bandas emerxentes organizado pola Fundación Paideia Galiza e Estudios Mans, unha das iniciativas desta institución dirixidas ao fomento do emprendemento musical. Despois da selección dos 15 semifinalistas por parte do público e un xurado profesional, 4 foron as bandas seleccionadas para acadar o premio e a representación da escena musical galega entre elas a levan os ourensáns TanDub. Xunto a eles o xurado premiou tamén a dúas bandas de Valencia, Los Premios e Balanceo e unha formación catalá de Tarragona, Celistia.
Quilómetros de orgullo musical
Xénero:
| 21 / 6 / 2021Resulta imposible saber a ciencia certa a quilometraxe que leva a Duendeneta de Carlos Crespo percorrido nos seus 47 anos na estrada vivindo vidas moi diferentes desde 1974, "o contador só ten catro díxitos e non sabemos cantas veces lle puido dar a volta". Esta Avia con motor Perkins Hispania, serviu primeiro para a venta ambulante de zapatos e leva xa uns anos dedicada a facer mover eses pés que antes vestía, transmutada de furgoneta en Duendeneta pola maxia da música grazas ao xornalista e Dj de Vilagarcía que a converteu nun arsenal para poñer banda sonora ao aire libre. O que si podemos saber é que os máis recentes centos de quilómetros teñen que ver con dúas cousas: o Camiño de Santiago e a historia da música en galego. Entrambas ideas xurdiu o proxecto "Os camiños das músicas galegas" co que Crespo e a súa Duendeneta levaron unha sesión de musical por 18 lugares ao longo dos camiños francés, portugués e inglés cara Santiago, onde remata hoxe o plan do seu percorrido coincidindo co Día Europeo da Música e que terá lugar ás 19:30 na Praza de Cervantes da capital galega .
Enreguéifate falla os galardóns do certame 2021
Xénero:
| 21 / 6 / 2021O certame Enreguéifate, que premia os mellores traballos de improvisación oral en galego acaba de dar a coñecer os galardóns de 2021. O xurado, composto por María López, concelleira en Teo e profesora; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; e A Rabela, rapeira, filóloga e regueifeira, escolleu as propostas gañadoras entre as 42 que participaron no concurso.
Revenidas e Armadiña Rock volven a levantar os palcos en 2021
Xénero:
| 18 / 6 / 2021Os festivais seguen crecendo en presenza no calendario e esta semana adiantáronse novas datas de celebración así como algúns nomes de artistas, para citas xa convocadas. O 17 Ribeira Sacra ven de pechar hoxe mesmo o seu cartel para esta edición, xa confirmada desde xaneiro. Con The Gift, Silvana Estrada, Alberto&García, Terrier, Sofía Comas, Rapariga dj e Ángel Carmona o festival completa a súa oferta para esta quinta edición.
'Néboa' gaña co seu primeiro disco o Premio MIN ao álbum en galego
Xénero:
| 17 / 6 / 2021O quinteto de Catoira, Néboa, ven de acadar co seu primeiro disco longo publicado - A realidade enganosa (Raso, 2020)- o Premio Mejor álbum en Gallego da XIIIª edición dos Premios MIN, da música independente española, organizados pola Unión Fonográfica Independiente. Onte celebrouse en Burgos a gala na que se daban a coñecer os nomes dos artistas e traballos gañadores nas 19 categorías destes galardóns. A outra alegría para a escena musical galega nesta gala foi o triunfo de Triángulo de Amor Bizarro co seu traballo de nome inverso oɹɹɐzıqɹoɯɐǝpolnƃuɐıɹʇ (Mushroom Pillow, 2020) polo cal recibiron dous dos catro premios aos que optaban: o importante Premio The Orchard ao 'Álbum del año' e o Premio SAE Institute a 'Mejor Producción'.